Dilogs en galego. Rede social de mergulladores e rexistro de inmersións

Teño dous novos amigos: Antonius e Gulliver. Sonche cousas derivadas do meu futuro cambio de estado. Aínda que me caen ben, son un pouco cansinos e cando zafo deles,  procuro ir mergullarme. Por mor da miña teima de almacenar a información en liña,  petei con dilogs.com, unha rede social para mergulladores, onde, entre outras cousas,  pódense gardar e partillar as túas inmersións,   planear os vindeiros lugares a visitar, procurando centros e os fondos que visitan, o seu estado metereolóxico, así como información e valoracións dos mesmos. Case perfecto.

Logo de dilogs. Mergullo

E digo case, porque aínda que estaba xa en varias linguas, faltaba a miña. Adiqueille unhas horiñas, e problema resolto.  Velaquí a versión galega de dilogs, que como se pode ver neste anuncio xa é oficial. Coma sempre agradécese calquera notificación de erros. Xa levo corrixidos uns cantos nestes días, pero sempre quedan atrás cousas.

Se che interesa botarlle un ollo a como queda a cousa, unha capturiña, de como se ven os meus mergullos, mais o mellor é que te deas de alta e probes ti mesmo como funciona.

Captura de Dilogs

Hoxe andiven polo Cabo Udra, na Ría de Pontevedra, e vin a nai de todas as centolas, que acobillada perto dunha fenda, evitaba as nasas  esparexidas polo fondo.

Tamén pasei por Yayo Daporta ao que non voltaba dende a primeira xantanza, para comprobar que segue en forma, voltei á Casa dos Martínez a probar ese cava do que tanto fachendea e outras historias que quedarán na lista de rascuños, por quen sabe canto tempo…

Publicado en Aplicacións,En galego,Mergullo,Web | 48 Comentarios

Xantanza VIII.5. Casa Gerardo: exhibición gastronómica

Disque hai moito que non escrebo. Será que non teño nada que contar, será que cambiaron moitas cousas na miña vida, será que estou algo canso de partillar as miñas experiencias con xente que non coñezo e a que non lle importa ou será un conxunto de todas elas, mais hoxe unha aliñación de marte, actuando coma deus da guerra contra as dietas, cunha das lonxanas lúas de xupiter chamada compango, as conversas con El pingüe, Marcos Morán, e o resto de BGG, déronme o pulo para sair do meu letargo e apuntar catro cousas dun menú pantagruélico, formado por unha pléiade de pratos magníficamente maridados, que non dou descanso ao estómago máis esixente.



Conversas de alto nivel gastronómico ás que chegaba con dificuldade, pero das que aprendín un feixe de cousas, cruzadas con outra futbolísticas de moito menos interés para min, foron cubrindo os espazos entre prato e prato.



Como non vai ser posible detallar as vinte entradas, deixarei que as imaxes ilustren o que pasou por alí… e se teño tempo ben, e quero das as gracias a Marcos e Pedro Morán que xunto ao seu equipo fixeron que as 5 horas que alí pasaron foran un suspiro.

Publicado en Aplicacións,Gastronomía,Restaurantes | 27 Comentarios

Xestionando grupos de usuarios xeograficamente dispersos (III). Reunións en liña con Stinto

Os correos están ben, pero hai ocasións onde unha conversa é precisa para compartir puntos de vista dun xeito máis áxil, e bulir na toma de decisións. Un chat en liña é a solución a esta necesidade, pero qué solución utilizar?

A oferta é ampla en termos de protocolos de mensaxería instantánea: AIM, ICQ, MSN, Yahoo Messenger, IRC, Jabber, son algúns deles, e se rabuñamos na superficie da caixa dos clientes o tema sería demasiado amplo, para tratalo aquí.

Por outra banda, hai algo que teñen todos en común e do que quero fuxir: A obrigatoriedade do rexistro. A idea é poder montar unha reunión dun xeito doado e case instantaneo.

Cada un ten unhas preferencias en cuestións de IM. Por exemplo, eu teño unha conta ICQ dende hai moito tempo (cun ID do orde dos 7 millóns), que non utilizo máis que en contadas ocasións, négome completamente a usar o MSN. O Skype teñoo no traballo e non me apetece telo activo tamén na casa. Xa sei que son un pouco esquisito (que dirían os lusos), pero non vou cambiar de onte para hoxe.

Seguindo as premisas indicadas nas entradas anteriores, preciso artellar unha reunión en liña, sen obrigar a ningún asistente a rexistrarse, nin por suposto instalar nada. Imposible? Non, stinto está aí para saltar na miña axuda.

Stinto é unha posible opción para este tipo de necesidades. Aínda non foi usada abertamente polos BGG, porque tiña que facer unhas probiñas con ela. O resultado non foi estrictamente o esperado, pero é o mellor que atopei ata agora.

Abrir unha conversa é moi doado. Dende a propia portada premes en crear chat, daslle un nome se queres e unha duración máxima, tras a cal desaparecerá. Logo envías por mail ese enderezo a todos os participantes, que premendo nel e indicando un nick (precisamos dalgún alcume para distinguirnos) estará dentro da conversa.

Aquí tedes una  captura. Os que esteades familiarizados co IRC, veredes que é moi semellante.

As opcións son pouquiñas, pero suficientes: autoscroll, bloquear usuario, gardar conversa…, e estes son os puntos máis salientables que lle atopei.

Pros:

  • De balde, en liña, sen rexistro.
  • Comezas unha sala con catro clicks de rato.
  • Podes activar avisos sonoros, que notifiquen movementos no chat mentres esperas.
  • Tempo de actividade limitado a 6, 12 ou 24 h.
  • Varios idiomas.
  • Versión segura (https) en probas.
  • Pódese gardar un log da conversa.

Contras:

  • Lentitude. Non chega a ser un IRC, pero bótase en falta algo máis de axilidade.
  • Perda de mensaxes. Nas probas realizadas, houbo liñas completas que non foron reproducidas nalgunhas conversas, polo que pode perderse o fío.
  • A seguridade é moi baixa. O único que impide que alguén se filtre na conversa é o descoñecemento da sala. Calquera con coñecemento da sesión pode entrar. Digamos que a súa maior virtude é tamén o maior perigo.

Resumindo, unha grande ferramenta á que lle falta andar máis lixeira. É posible que a máxima velocidade de refresco estea determinada pola conexión máis lenta, ou quizais teña que ver coa carga dos servidores. O feito é que as poucas probas realizadas deixaron un sabor agridoce, pero resolveron que era o que se precisaba.

Máis experiencias? Suxestións?

Publicado en Aplicacións,Web | 28 Comentarios

Xestionando grupos de usuarios xeograficamente dispersos (II). Votacións con BallotBin.com

Os BGG somos unha pequena comunidade na que se realiza unha gran cantidade de eleccións: as datas e restaurantes das xantanzas; admisión ou rexeitamento de novos compoñentes; e outros posicionamentos  en diversas cuestións. En ocasións, ata poderiamos considerar que somos excesivamente democráticos. Sin ser isto un defecto, xestionar o volume de información para un grupo pequeno coma o noso, non é doado, e poderiamos chegar a pensar no complexo que pode ser xestionar un conxunto algo máis grande.

Aínda que pode parecer que hai moitas opcións para resolver este problema, non é así en absoluto. As enquisas (as famosas polls) non permiten controlar por o censo, nin o número de veces que vota un usuario. O máis habitual é un bloqueo por IP, que impediría que dende unha mesma conexión puideran votar dúas ou máis persoas. Situacións máis complexas nas que se desexa ponderar o valor de cada votación son case impensables.

Ballotbin.com desenvolvida por guatec, foi o lugar onde atopei todas estas opcións. Permite facer sondaxes (surveys) e votacións (elections); limitar a un censo os participantes; importación do censo dende ficheiro csv;  realización de enquisas con múltiples eleccións, combos,

Para ilustrar o funcionamento fixen un par de capturas. Nesta de abaixo, observase o censo, e uns datos básicos de participación. Número de votantes, cales foron notificados por correo electrónico (que inicialmente aparecerían en negro), se algún dos envíos tivo erros, os que xa votarón (en verde), e os notificados que aínda non votaron (en azul), mais unha relación de participación en tanto por un.


Nesta outra vense os resultados provisorios. Na creación da votación elíxese se estes datos son públicos ou non e se poden ser consultados durante as eleccións ou só ao final. Neste caso son accesibles para os participantes, e trátase dunha única cuestión, pero podería complicarse engadindo varias e incluso agrupándoas por temas. Neste aspecto é moi versatil.


Pros:

  • Control absoluto do censo. Só vota unha vez cada usuario.
  • Só ten que rexistrarse o administrador, que se encargará de realizar as preguntas, e cargar o censo de votantes.
  • Posibilidade de realizar votacións sen correo electrónico, asignando un código (voting code) a cada usuario que só tería que introducir na páxina principal, para identificalo para esa elección.
  • Na elección pódese engadir unha descripción longa e ata unha foto dos candidatos.

Contras:

  • Está só en inglés o que o pode facer algo complexo o voto dalgúns usuarios.
  • Semella que xa non está en desenrolo. Tentei contactar co soporte e nunca contestaron.
  • Non se poden consultar que votaron os usuarios. Isto tamén pode ser considerada unha vantaxe, xa que son completamente anónimos.
  • Isto parece incrible, pero se perdes o teu contrasinal non hai xeito de recuperalo. Seino por experiencia.

En definitiva, cumple a súa función perfectamente, aínda que é unha mágoa que non se continúe a desenvolver para mellorar eses puntos fracos que ten.

Coñeces algunha alternativa mellor?

Publicado en Aplicacións,Web | 26 Comentarios

Xestionando grupos de usuarios xeograficamente dispersos (I). Lista de correo en Google Groups

Comezo con este un conxunto de entradas, nas que tentarei recoller ferramentas web que poden axudar a xestionar a un grupo de persoas con mínimo esforzo. Para isto axudareime da miña experiencia cos blogastrónomos galegos (BGG), que tan amablemente aturan as miñas probas.

Como xa saberedes os BGG somos un grupo de usuarios cunha afección común, pero que non nos coñeciamos previamente e nos atopamos en distintos puntos da xeografía galega. O noso primeiro nexo de unión virtual veu da man do correo electrónico, pero é complicado recordar sempre a quen hai que enviarlle que, e logo contar con que todas as réplicas utilicen responder a todos e non simplemente responder ao remitente.

Para evitar este problema creamos unha lista de correo. Esta encárgase  de que todo o que enviemos ao seu enderezo, sexa distribuído entre os membros da mesma, de xeito que non te tes que preocupar de se che quedou atrás algún usuario e non vai ser quen de seguir a conversa.

Outras vantaxes son o arquivo de conversas en liña, e varias estatísticas coma a actividade dos membros ou esta que marca a actividade mensual e que é interesante observar porque amosa os meses de máis movemento e os que estamos dentro podemos relacionalos cos temas que se trataron en segundo que momentos, principalmente a organización de xantanzas, que é a actividade que máis recursos consume.



De entre todos as listas, por se alguén non se deu conta, eliximos Google Groups . Un dos motivos é que a esperaba en galego algún día, pero a cousa vai para tempo xa, tamén porque eu xa a coñecía dos grupos públicos de Blogaliza e Tagzania. E por suposto porque é de balde, como todas as suxestións que vou publicar.

A entrada non é moi interesante, mais espero que o conxunto sexa de utilidade para alguén que tente organizar grupos deste tipo. A segunda entrega falará da toma de decisións dentro do grupo.

Publicado en Aplicacións,Web | 26 Comentarios