Dilogs en galego. Rede social de mergulladores e rexistro de inmersións

Teño dous novos amigos: Antonius e Gulliver. Sonche cousas derivadas do meu futuro cambio de estado. Aínda que me caen ben, son un pouco cansinos e cando zafo deles,  procuro ir mergullarme. Por mor da miña teima de almacenar a información en liña,  petei con dilogs.com, unha rede social para mergulladores, onde, entre outras cousas,  pódense gardar e partillar as túas inmersións,   planear os vindeiros lugares a visitar, procurando centros e os fondos que visitan, o seu estado metereolóxico, así como información e valoracións dos mesmos. Case perfecto.

Logo de dilogs. Mergullo

E digo case, porque aínda que estaba xa en varias linguas, faltaba a miña. Adiqueille unhas horiñas, e problema resolto.  Velaquí a versión galega de dilogs, que como se pode ver neste anuncio xa é oficial. Coma sempre agradécese calquera notificación de erros. Xa levo corrixidos uns cantos nestes días, pero sempre quedan atrás cousas.

Se che interesa botarlle un ollo a como queda a cousa, unha capturiña, de como se ven os meus mergullos, mais o mellor é que te deas de alta e probes ti mesmo como funciona.

Captura de Dilogs

Hoxe andiven polo Cabo Udra, na Ría de Pontevedra, e vin a nai de todas as centolas, que acobillada perto dunha fenda, evitaba as nasas  esparexidas polo fondo.

Tamén pasei por Yayo Daporta ao que non voltaba dende a primeira xantanza, para comprobar que segue en forma, voltei á Casa dos Martínez a probar ese cava do que tanto fachendea e outras historias que quedarán na lista de rascuños, por quen sabe canto tempo…

Publicado en Aplicacións,En galego,Mergullo,Web | 48 Comentarios

Xestionando grupos de usuarios xeograficamente dispersos (III). Reunións en liña con Stinto

Os correos están ben, pero hai ocasións onde unha conversa é precisa para compartir puntos de vista dun xeito máis áxil, e bulir na toma de decisións. Un chat en liña é a solución a esta necesidade, pero qué solución utilizar?

A oferta é ampla en termos de protocolos de mensaxería instantánea: AIM, ICQ, MSN, Yahoo Messenger, IRC, Jabber, son algúns deles, e se rabuñamos na superficie da caixa dos clientes o tema sería demasiado amplo, para tratalo aquí.

Por outra banda, hai algo que teñen todos en común e do que quero fuxir: A obrigatoriedade do rexistro. A idea é poder montar unha reunión dun xeito doado e case instantaneo.

Cada un ten unhas preferencias en cuestións de IM. Por exemplo, eu teño unha conta ICQ dende hai moito tempo (cun ID do orde dos 7 millóns), que non utilizo máis que en contadas ocasións, négome completamente a usar o MSN. O Skype teñoo no traballo e non me apetece telo activo tamén na casa. Xa sei que son un pouco esquisito (que dirían os lusos), pero non vou cambiar de onte para hoxe.

Seguindo as premisas indicadas nas entradas anteriores, preciso artellar unha reunión en liña, sen obrigar a ningún asistente a rexistrarse, nin por suposto instalar nada. Imposible? Non, stinto está aí para saltar na miña axuda.

Stinto é unha posible opción para este tipo de necesidades. Aínda non foi usada abertamente polos BGG, porque tiña que facer unhas probiñas con ela. O resultado non foi estrictamente o esperado, pero é o mellor que atopei ata agora.

Abrir unha conversa é moi doado. Dende a propia portada premes en crear chat, daslle un nome se queres e unha duración máxima, tras a cal desaparecerá. Logo envías por mail ese enderezo a todos os participantes, que premendo nel e indicando un nick (precisamos dalgún alcume para distinguirnos) estará dentro da conversa.

Aquí tedes una  captura. Os que esteades familiarizados co IRC, veredes que é moi semellante.

As opcións son pouquiñas, pero suficientes: autoscroll, bloquear usuario, gardar conversa…, e estes son os puntos máis salientables que lle atopei.

Pros:

  • De balde, en liña, sen rexistro.
  • Comezas unha sala con catro clicks de rato.
  • Podes activar avisos sonoros, que notifiquen movementos no chat mentres esperas.
  • Tempo de actividade limitado a 6, 12 ou 24 h.
  • Varios idiomas.
  • Versión segura (https) en probas.
  • Pódese gardar un log da conversa.

Contras:

  • Lentitude. Non chega a ser un IRC, pero bótase en falta algo máis de axilidade.
  • Perda de mensaxes. Nas probas realizadas, houbo liñas completas que non foron reproducidas nalgunhas conversas, polo que pode perderse o fío.
  • A seguridade é moi baixa. O único que impide que alguén se filtre na conversa é o descoñecemento da sala. Calquera con coñecemento da sesión pode entrar. Digamos que a súa maior virtude é tamén o maior perigo.

Resumindo, unha grande ferramenta á que lle falta andar máis lixeira. É posible que a máxima velocidade de refresco estea determinada pola conexión máis lenta, ou quizais teña que ver coa carga dos servidores. O feito é que as poucas probas realizadas deixaron un sabor agridoce, pero resolveron que era o que se precisaba.

Máis experiencias? Suxestións?

Publicado en Aplicacións,Web | 28 Comentarios

Xestionando grupos de usuarios xeograficamente dispersos (II). Votacións con BallotBin.com

Os BGG somos unha pequena comunidade na que se realiza unha gran cantidade de eleccións: as datas e restaurantes das xantanzas; admisión ou rexeitamento de novos compoñentes; e outros posicionamentos  en diversas cuestións. En ocasións, ata poderiamos considerar que somos excesivamente democráticos. Sin ser isto un defecto, xestionar o volume de información para un grupo pequeno coma o noso, non é doado, e poderiamos chegar a pensar no complexo que pode ser xestionar un conxunto algo máis grande.

Aínda que pode parecer que hai moitas opcións para resolver este problema, non é así en absoluto. As enquisas (as famosas polls) non permiten controlar por o censo, nin o número de veces que vota un usuario. O máis habitual é un bloqueo por IP, que impediría que dende unha mesma conexión puideran votar dúas ou máis persoas. Situacións máis complexas nas que se desexa ponderar o valor de cada votación son case impensables.

Ballotbin.com desenvolvida por guatec, foi o lugar onde atopei todas estas opcións. Permite facer sondaxes (surveys) e votacións (elections); limitar a un censo os participantes; importación do censo dende ficheiro csv;  realización de enquisas con múltiples eleccións, combos,

Para ilustrar o funcionamento fixen un par de capturas. Nesta de abaixo, observase o censo, e uns datos básicos de participación. Número de votantes, cales foron notificados por correo electrónico (que inicialmente aparecerían en negro), se algún dos envíos tivo erros, os que xa votarón (en verde), e os notificados que aínda non votaron (en azul), mais unha relación de participación en tanto por un.


Nesta outra vense os resultados provisorios. Na creación da votación elíxese se estes datos son públicos ou non e se poden ser consultados durante as eleccións ou só ao final. Neste caso son accesibles para os participantes, e trátase dunha única cuestión, pero podería complicarse engadindo varias e incluso agrupándoas por temas. Neste aspecto é moi versatil.


Pros:

  • Control absoluto do censo. Só vota unha vez cada usuario.
  • Só ten que rexistrarse o administrador, que se encargará de realizar as preguntas, e cargar o censo de votantes.
  • Posibilidade de realizar votacións sen correo electrónico, asignando un código (voting code) a cada usuario que só tería que introducir na páxina principal, para identificalo para esa elección.
  • Na elección pódese engadir unha descripción longa e ata unha foto dos candidatos.

Contras:

  • Está só en inglés o que o pode facer algo complexo o voto dalgúns usuarios.
  • Semella que xa non está en desenrolo. Tentei contactar co soporte e nunca contestaron.
  • Non se poden consultar que votaron os usuarios. Isto tamén pode ser considerada unha vantaxe, xa que son completamente anónimos.
  • Isto parece incrible, pero se perdes o teu contrasinal non hai xeito de recuperalo. Seino por experiencia.

En definitiva, cumple a súa función perfectamente, aínda que é unha mágoa que non se continúe a desenvolver para mellorar eses puntos fracos que ten.

Coñeces algunha alternativa mellor?

Publicado en Aplicacións,Web | 26 Comentarios

Xestionando grupos de usuarios xeograficamente dispersos (I). Lista de correo en Google Groups

Comezo con este un conxunto de entradas, nas que tentarei recoller ferramentas web que poden axudar a xestionar a un grupo de persoas con mínimo esforzo. Para isto axudareime da miña experiencia cos blogastrónomos galegos (BGG), que tan amablemente aturan as miñas probas.

Como xa saberedes os BGG somos un grupo de usuarios cunha afección común, pero que non nos coñeciamos previamente e nos atopamos en distintos puntos da xeografía galega. O noso primeiro nexo de unión virtual veu da man do correo electrónico, pero é complicado recordar sempre a quen hai que enviarlle que, e logo contar con que todas as réplicas utilicen responder a todos e non simplemente responder ao remitente.

Para evitar este problema creamos unha lista de correo. Esta encárgase  de que todo o que enviemos ao seu enderezo, sexa distribuído entre os membros da mesma, de xeito que non te tes que preocupar de se che quedou atrás algún usuario e non vai ser quen de seguir a conversa.

Outras vantaxes son o arquivo de conversas en liña, e varias estatísticas coma a actividade dos membros ou esta que marca a actividade mensual e que é interesante observar porque amosa os meses de máis movemento e os que estamos dentro podemos relacionalos cos temas que se trataron en segundo que momentos, principalmente a organización de xantanzas, que é a actividade que máis recursos consume.



De entre todos as listas, por se alguén non se deu conta, eliximos Google Groups . Un dos motivos é que a esperaba en galego algún día, pero a cousa vai para tempo xa, tamén porque eu xa a coñecía dos grupos públicos de Blogaliza e Tagzania. E por suposto porque é de balde, como todas as suxestións que vou publicar.

A entrada non é moi interesante, mais espero que o conxunto sexa de utilidade para alguén que tente organizar grupos deste tipo. A segunda entrega falará da toma de decisións dentro do grupo.

Publicado en Aplicacións,Web | 26 Comentarios

BluePrint Now: Edición de DWG en liña!

Nova, nova non é, a xulgar pola data do blog de Solidworks, mais segue a parecerme interesante comentar a pouco coñecida utilidad desta ferramenta de edición de ficheiros dwg en liña. O que vulgarmente chamariamos un AutoCAD on line de balde.

BluePrint Now é o nome do servizo gratuito fornecido por Solidworks, que vai permitir que calquera usuario con SO Windows o Mac OS cun navegador Mozilla Firefox, Internet Explorer ou Safari, poida debuxar a planta da súa casa, ou simplemente abrir un ficheiro DWG para visualizalo e imprimilo a PDF por exemplo.

Como curiosidad , o nome ten coma orixe o método de  utilizado en USA para a reproducción de planos, e que seguramente soe de velo nalgún filme, e a pesares do cal non utiliza o característico fondo azul desas follas, tal como se pode apreciar na captura.



Para a súa execución precisamos da instalación do framework SilverLight (do que hai unhas semanas se publicou a v.2) e reponsable da limitación nos sistemas operativos utilizables, aínda que parece que se está a traballar nun version para Linux. Se non o tiveramos instalado, Solidworks Labs invitaranos amablemente a facelo.

O mellor é rexistrarse (obrigatorio) e probalo. Que ninguén pense que é a quintaesencia do CAD, as limitacións que lle atopei no meu curto período de uso foron:

  • Lentitude. Rexenerarse depois dun zoom como teñas un traballo un pouco xeitoso dura unha eternidade.
  • Limitación a 1 MB. O ficheiros en uso pode ocupar ata 1 MB, e ese é o tamaño que permite de almacenamento online.
  • Deshacer limitado a un só comando. Como borres dúas liñas en dous pasos, xa podes esquecerte da primeira.
  • Faltan algúns accesos rápidos. Para borrar, escalar, mover, rotar o copiar hai que usar as iconas.
  • Non abre DXF.  É o formato de intercambio, pode que estea algo en desuso, pero sempre che pode sacar dun apuro, porque todas as aplicacións exportan a este formato.
  • Está só en inglés. Non é un problema moi importante, pero o ideal é que estivera en galego ;-).

Por suposto ten cousas boas, e moitas:

  • Non precisas instalar unha aplicación para ver un debuxo. Hoxe en día non é habitual que atopar un equipo co Silverlight instalado por defecto, en calquera caso é de balde e se executa no aire. Pode que se convirta en algo tan indispensable coma o Flash Player ou as Máquina Java,
  • Podes acceder a un debuxo dende calquera lugar, utilizando o seu almacenamento online.
  • Abre DWG dende a versión 14 a 2009. Sí, xa saiu hai uns meses a versión 2009.
  • Garda en DWG de 14 a 2009 e en PDF. Por suposto
  • Podes debuxar, editar, acotar (medir), xestionar capas, cambiar propiedades de entidades, e en definitiva o funcionamento básico dun software CAD elemental.

En definitiva, pode sacarche dun apuro, e acercanos un paso máis deica a oficina en liña, que parece non estar tan lonxe como supoñía.

Publicado en Aplicacións,AutoCAD,Web | Comentarios cerrados