Abr 18 2007
Imprimindo múltiples PDF
Vou inaugurar con esta anotación, un novo tema titulado PDF ;-). Aínda que case todas as miñas aplicacións son sobre AutoCAD, neste caso e noutros vindeiros, servirán tanto para este tipo de ficheiros coma para outros tipos de documento.
Hai uns días, un compañeiro pediume que lle botara unha man imprimindo uns 50 planos que nos chegaran en PDF. A miña facilidade natural para evitar o traballo, fixo que tivese que espilir e atopar un xeito de liquidar o choio no aire. Coma case sempre, levo máis tempo a procurar o xeito de facer as cousas con menos esforzo, mais iso só se pode aplicar á primeira vez xa que as vindeiras ocasións o rendemento aumenta. Máis aínda dende que documento estos pasos e os publico por aquí, onde os podo recuperar con facilidade.
Os pasos
O concepto
O problema é que hai que abrir cada PDF e imprimilo. Para aforrar esta tediosa tarefa, combinaremos todos os dicheiros nun pdf só. E logo imprimiremos un único documento.
No peor dos casos habería que agrupar os ficheiros por tamaños de papel, así habería que combinar os A4 nun ficheiro, os A3 noutro, etc.
Software
Primeiro o software necesario. Utilizaremos será o FreePDF XP, que se trata dunha interfaz gráfica de ghost script, como xa temos usado noutras ocasións. Como é habitual, software gratuito.
FreePDF XP (orixinal en alemán)
FreePDF XP (traducción automática - recomendada)
A instalación non ten ningunha complicación, agás que che esixe que estea instalada a versión que el quere de ghostscript. Por iso recomendo instalar primeiro Ghost Script, e logo Free PDF XP.
Paso a paso
Temos dúas opcións:
Ou ben abrimos o FreePDF e entramos neste menú:

Ou ben prememos directamente na icona FreePDF Join e apareceremos directamente neste cadro de diálogo.

Máis sinxelo non pode ser:
A primeira icona é para cargar os PDF que queremos combinar, as frechas para ordealos, o xis para eliminar algún que cargaramos de máis e o disco garda pídenos un camiño para gardar o PDF resultante.
Sinxelo non é?
chuzame -
É moi doado, pero hai que facer un pouco de película para que semelle que me custou descubrir esta funcionalidade, cando a realidade é que a atopei por casualidade.





