O mundo ao revés: Migrando o correo de Mozilla Thunderbird a Ms Outlook

Nota: Esta entrada está baseada nesta outra, na que se utiliza a aplicación IMAPSize, unha ferramenta indispensable, para xestionar correo, copias de seguridade, etc, directamente nos servidores, e que podes utilizar para mover o teu correo IMAP de un servidor a outro por exemplo.

Non creo que esta anotación vaia ser moi popular, pero penso que o ideal é poder levar os teus correos dun lado para outro sen depender da aplicación que elixas para xestionala. Mozilla Thunderbird é un magnífico xestor de correo que agora mesmo vai pola versión 2.0.0.18, e estamos a utilizalo no traballo todos. Todos?. Todos non, hai un grupo de irredutibles xefes que queren utilizar o Ms Outlook, e coma onde hai patrón non manda mariñeiro, tiven que buscar o xeito de crear PST en momentos puntuais para que os puideran abrir nesa aplicación. Sendo esta a terceira vez que o fago, decidín documentalo para refrescar a memoria cando teña a necesidad e por se é de utilidade para alguén.

Qué precisamos?

  • Thunderbird cos datos que queremos converter
  • Extensión SmartSave
  • Outlook Express (si amigos, ese nefasto cliente. Se tes XP seguro que anda por aí).
  • Microsoft Outlook. Eu utilicei a versión 2007 pero coido que non hai problema con isto.
  • Adiante!

    Cando tiven por primeira vez este problema fixen a migración con IMAPSize e despois co complemento de Thunderbird SmartSave. A vantaxe do segundo fronte ao primeiro é que en IMAPSize vas realizando os pasos cartafol a cartafol, e no caso dunha árbore complexa (que era o meu caso), tiven que crear manualmente a estrutura e logo ir convertendo unha a unha, co que acabei un pouco cheo do procedemento, mentres que con SmartSave só seleccionas a conta, e xa se encarga de converter cada correo a .eml e no seu cartafoliño, cun par de golpes de rato. En resume, se vas converter enviados e recibidos, non vas notar diferenza, en caso contrario SmartSave.

    Imos aló entón.

    Primeiro instalamos o complemento ou extensión SmartSave, como calquera outro. Reiniciamos o Thunderbird e xa estará operativo.

    A continaución compactamos os cartafoles, facendo click co botón dereito sobre eles, e premendo en Compactar ;-)

    Unha vez rematado, prememos co boton dereito enriba da conta e prememos na opción: Exportar esta carpeta con SmartSave.



    Seleccionamos un camiño onde gardar os ficheiros .eml xerados, e agardamos deica o informe final.


    Convén botarlle un ollo porque poden aparecer erros normalmente debidos a nomes de cartafoles con símbolos non permitidos com a barra inclinada (/). Se todo está OK, continuamos.

    Agora executamos o Outlook Express e arrastramos os eml creados cartafol a cartafol. Se a estructura é complexa, débesese crear antes no Outlook. Esta parte é a máis tediosa, polo que recomendo, facer un mosaico na pantalla co outlook e un explorador aberto na pasta correspondente, armarse de paciencia e comezar: Ctrl+E para seleccionar todos os elementos, e arrastrar ao seu destino, as veces que fose necesario.

    Se o teu destino é OE xa rematache. Se pola contra, queremos facer un PST  e levalo a Outlook exportamos de OE a MO: Archivo -> Exportar -> Mensajes -> Seleccionar o perfil e listo. Agora tes os datos no Outlook do equipo no que se procesaron. Exportar o PST e entregarllo ao seu destinatario é o paso final. Quedou claro?

    Publicado en Aplicacións,Cómo amañei...?,Mozilla.org,Windows XP | 2 Comentarios

    OpenVPN como usuario non administrador

    O título é suficientemente descriptivo, penso, pero para os despistados deixo un avisiño. Está completamente fora desta entrada a configuración dun servidor por dous motivos:

    1. Xa o teño configurado na IPBrick.
    2. Non sabería nin como empezar ;-).

    Antecedentes

    Cando me presentaron a posibilidade de que a IPBrick utilizara OpenVPN como sustituto da antiga PPTP, pareceume unha fantástica idea, e en canto tiven algún tempo púxenme a fedellar con ela. Pronto petei co primeiro problema, a versión oficial do cliente OpenVPN v.2.0.9 obrigaba a que o usuario que o executara pertencera ao grupo Administradores, ou seguir estes consellos que non facían moi práctica a implantación, cousa que me obrigou a buscar solucións parciais, coma o uso de sudowin, para executar o cliente, que afortunadamente non foron necesarias, porque a fináis de xaneiro saiu a beta 2.1 rc7, e doume por probala. Usar en producción unha beta non é un bo costume, pero a necesidade obrigou e a deusa fortuna estivo do meu lado.

    Entre as súas melloras da versión 2.1 están:

    • Soporte de Windows Vista (que pode ser interesante para alguén)
    • Integrado OpenVPN GUI co que cunha soa instalación queda listo o equipo para o cliente
    • O máis importante para min, que xa o podían usar usuarios básicos.

    A cousa é bastante bonita de entrada, mais hai que ter en conta uns pasiños para que funcione correctamente, sendo este o fin desta entrada.

    Instalación cliente OpenVPN

    1. Baixamos o executable da versión 2.1.
    2. Instalamos o cliente na máquina desexada (cun usuario con privilexios).
    3. Engadimos o(s) usuario(s) que poida(n) conectarse dende esa máquina, ao grupo Operadores de configuración de red (Network Configuration Operators).
    4. Como mínimo damos permisos modificar e escribir (se non queremos complicarnos a vida control total) aos seguintes cartafoles:
      • %programfiles%\OpenVPN\log – Neste camiño gardase o log de conexión.
      • %programfiles%\OpenVPN\config – Nesta pasta gardanse os certificados. É recomendable que o usuario aprenda a sustituilos, cando caduquen ou sexan revogados.
    5. Para facilitar a xestión, pasar os atallos creados no perfil do administrador, ao Menú de inicio de All Users ou ben ao dos usuarios que o van utilizar.

    Como de costume, agardo que alguén lle saque proveito.

    Atopei algunhas curiosas solucions ao problema por ai, ainda que sigo a preferir a miña:

    Publicado en Cómo amañei...?,IPBrick,Windows XP | 3 Comentarios

    Clientes VoIP sen soltar un peso

    Agora que o releo… que vello queda iso de … sen soltar un peso. ;-)


    Xa levo un tempo sen escribir algo productivo así que hoxe vai ser o día…

    Levo un tempo traballando cunha IPBrick. Basicamente trátase dunha appliance que corre unha debian, e que pode proporcionar varios servizos, dos cales actualmente uso; a PBX virtual fornecida por Asterisk; o gateway de fax con servizo fax2mail e mail2fax por Hylafax; e o servizo de VPN a cargo de OpenVPN.

    Para os servizos telefónicos que oferta Asterisk, utilizamos teléfonos IP físicos, mais hai a posibilidade de aproveitar os equipos informáticos por medios de softphones, que non son máis que aplicacións que convirten os ordenadores en terminales telefónicos. Os que esteades familiarizados con skype saberedes de que falo.

    A finalidade desta entrada e comentar as aplicacións gratuitas (sen entrar en si é freeware, open source, etc.) que atopei para IPBrick (Asterisk). Común a todas elas é a utilización do protocolo SIP.

    Tentarei salientar algúns puntos, e indicar as carencias, que sempre serán subxectivos, e primeiras impresións porque aínda non os usei moito tempo, ca esperanza de que sirvan de guía para alguén.

    Imos aló:

    Ekiga

    Comezo por este por un motivo completamente subxectivo: está en galego!. Coñecido coma GnomeMeeting, é un port da aplicación para o escritorio Gnome GNU/Linux, a Windows. A versión actual é beta, vai pola 2.0.11.
    Pros:

    • Está en galego (tamén en castelán)
    • Soporta múltiples contas
    • Soporta H.323 co que tamén e compatible con Netmeeting.
    • Video e Chat entre clientes.
    • Sinxela interface.

    Contras:

    • Só permite unha liña.
    • Quizáis demasiado sinxelo para un usuario avanzado.

    Non podo deixar de poñer unha captura…


    Ligazón á descarga da versión windows

    X-Lite

    Este é o que che recomendan e instalar dende IPBrick. Trátase dunha versión gratuita que oferta CounterPath, con limitacións sobre os seus productos de pagamento: eyeBeam e Bria.
    Pros:

    • Boa Interface
    • Permite gravación de conversas
    • Utilización de dúas liñas

    Contra:

    • Só en inglés
    • Só soporta unha conta
    • Algunha publicidade dos productos de pago (pouco molesta)

    Descarga (solicita un e-mail) .

    Express Talk

    Probada a versión Express Talk Basic 3.08 desta aplicación de nch software que tamén teñen unha versión de pagamento, e tamén para PocketPC (mágoa dalgún dispositivo para probalo).

    Pros:

    • Permite gravación de conversas
    • Ata seis liñas

    Contra:

    • Só en inglés
    • Só soporta unha conta
    • Instala o nch toolbox (que non sei para que serve) e un feixe de iconas para descarga dos seus productos, o cal semella abusivo.

    Descarga.

    3CX

    O cliente 3CX VoIP forma parte do 3CX Phone System, un conxunto de servidor e cliente de PBX Virtual para windows que se pode atopar dende unha versión gratuita con soporte para 8 liñas. Non teño pensado probar de momento o servidor polo que me centrarei no softphone.

    Pros:

    • Apariencias (skins) intercambiables
    • Versión en castelán
    • Soporta varias contas
    • Ata 3 liñas

    Contra:

    • Non permite cambiar o ID de usuario (Sempre aparece 3CXPhone).

    Ligazón á descarga.

    E ao final qué?

    Terei que poñerllo a probar ás miñas ratas de laboratorio pero penso que vou atacar ás opcións primeira EKIGA e última 3CX, porque teñen o que precisamos, unha ferramenta simple, e que poidan entender.

    Eu seguramente seguirei experimentando co que atope, porque opcións coma o voicemail son interesantes, a transferencia de chamadas, etc. poden facer que algún día desparezan os termináis telefónicos físicos de enriba dos nosos escritorios…

    Publicado en Aplicacións,Cómo amañei...?,En galego,IPBrick,Windows XP | 3 Comentarios

    Erro Advanced INF Install

    Estes días téñome adicado moito á gastronómia e non ao choio. Iso no blog, porque a vida real está a resultar ben distinta. Hoxe atopei unha solución que non vin documentada en ningures, e vouna publicar para que non me confundan cun blog gastronómico ;-).

    Hai uns meses renovamos os equipos, e encargamos a configuración e instalación básica. Cando os fomos probando había algúns nos que este molesto diálogo aparecía en cada arranque de usuario distinto dun administrador:


    Advanced INF Install. Error en instalación de INF. Causa: Acceso denegado ou en V.O. Advanced INF Install Failure: Reason: Access is denied

    Co lío da mudanza, e instalación, deixámolo estar botándolle a culpa a calquer compoñente que se instalaba por defecto nos cds de Dell. Agora que xa vou afinando instalacións, puiden adicarlle un tempo a buscalo, e non foi pouco. Polo tipo de erro, tiña que ser algo que tentaba cargarse ao inicio e o primeiro sitio onde sempre miro é no rexistro de windows, así que regedir e directo a: HKLM\SOFTWARE\Microsoft\Windows\CurrentVersion\Run

    É incrible a cantidade de aplicacións que se cargan ao inicio, se instalas os cds dos fabricantes, e normalmente apenas usas nada diso, pero sufres o retraso no comezo da sesión, ademáis da carga de recursos no sistema. Eu procuro ter o systray moi limpiño… ;-).

    Qué me perdo! Sen esaxerar había unhas 15 entradas nesa chave do rexistro, se deixas o mínimo, asistente de sincronización e as entradas relacionadas co antivirus, reinicias sesión e segue o erro, o teu caracter cambia… para mal.

    De casualidade (como case sempre), din en mirar nas chaves adxacentes, Runonce e RunOnceEx, que non teñen nada habitualmente, de feito non sei a diferencia entre estas dúas.

    E isto foi o que atopei:

    [HKEY_LOCAL_MACHINE\SOFTWARE\Microsoft\Windows\CurrentVersion\RunOnceEx\nlQl]
    “4”=”RunDll32.exe C:\\WINDOWS\\system32\\AdvPack.Dll,LaunchINFSection C:\\WINDOWS\\inf\\nlite.inf,nLite”

    Eliminar esta chave solventou o problema. Así de simple. Iso me parece agora, pero levo 4 meses co erro. Como en realidade non é un erro senon unha advertencia, e non afecta ao funcionamento, deixeina ir, pero agora vou ter aos meus compañeiros algo máis contentos.

    Coma estes días teño procurado solucións e certamente hai moitas causas para este erro, pero tamén atopei moitos foros con preguntas sen resposta, seica as instalacións con nlite crean algúns problemas co messenger. Neste caso con igual orixe, o erro era distino.

    Publicado en Cómo amañei...?,Windows XP | 4 Comentarios