O pasado mes de agosto celebrouse o Lolapop, primeira edición dun festival de música enmarcado nas Festas das Dores de Ponte Caldelas. Non vai ser esta un crónica moi detallada porque xa pasou tempo e foi unha noite de excesos, mais ben valerá como lembranza do anecdotario daquela noite.

Ó solpor abriron Portrait cun Pop acústico que entraba ben. Recén chegado do choio, non estaba preparado para moitas estremonías e Moraiminha, que amablemente se ofreceu a levarme ata alí, aínda menos. Ao seu remate fomos cear que, como sempre di a miña nai, un palleiro non se fai sen palla e a noite prometía.

Os seguintes foron Fantasma#3, pero a cea non me permitiu chegar. Unha mágoa porque agora que os escoito e leo sobre eles, lembro o concerto do Primavera Sound do ano pasado e non estivera mal. Ilustro cunha foto dunhas pantasmas que atopei no festival ;-).

Igloo, os escapados/explusados de Deluxe (o Xoel non debe ser bo de aturar), foi a nosa reentrada no festival. Acompañado xa de Cesarinn, non logrei conectarme moito co seu son e atopeinos un pouco uniformes. Quizáis tiña demasiadas espectativas depósitadas neles.

Algo semellante me pasou cos grovenses Nadadora. A onda esta de catequistas refuxiados La buena Vida, Ama, Le Mans, Nadadora..., nunca foi comigo, pero casualmente este verán en Barcelona, escoitei algo do seu último traballo e non o vou negar, gustoume, mais o seu directo non era o que lembraba.

Definitivamente Maga foron os meus elixidos. Estaban ligándome con cada canción, pero xa coa versión de No mires a los ojos de la gente, acabei entregado. Espectaculares.

Remataron Delorean, dos cales non teño foto, cunha pose moi Placebo, e temas de pop electrónico perfectos para deixar bo sabor de boca nun festival deste tipo.
En definitiva, boa organización, boa música (aínda que non toda me gustara), copas e cañas a bo prezo, pinchas en varios locales de Ponte Caldelas, para que a festa non rematara ata que un o decidira. Espero que disfrutemos dunha segunda edición o ano que ven.
O meu corpo sobre as 6 dixo que xa era hora de retirarse... e deixo resto de historia para outra ocasión que hoxe xa estou canso, case tanto coma a noite do Lolapop...
chuzame -