Queda moito que papar…


O un de abril van os burros onde non deben irSó fixemos un descanso para celebrar o primeiro de abril, debeu ser un efecto secundario do noso paso por El Empalme.  Algúns caeron e outros cacháronos nas patacas. O feito é que de momento queda moito que papar e non podemos deixar ese traballo a calquera…

Longa vida aos blogastrónomos!

Publicado en Eventos,Gastronomía | 7 Comentarios

Nota de disolución dos Blogastrónomos

Debido as diferenzas irreconciliables xurdidas nos últimos tempos, e que se puxeron de manifesto na última xantanza celebrada apenas fai uns días, hoxe, 1 de abrill faise efectiva disolución definitiva do grupo grupo de afeccionados á cociña coñecido coma os Blogastrónomos. Esta decisión colectiva, non ten porqué influir na continuidade de cada blog individualmente, nin impedirá que puntualmente podamos coincidir os, dende xa, antigos membros en actividades enogastronómicas. De todos os xeitos, e para que non xurdan suspicacias e malentendidos, queremos que quede claro que entre nós non existe ningún problema personal, senon que a disolución se debe á dificultade que, para xente tan diferente e con intereses tan diverxentes, supón o funciomento como grupo.

Publicado en Eventos,Gastronomía | 3 Comentarios

Aceite de oliveiras galegas. O día que Bendilló aparece nos mapas.

Catrocentos quilómetros fixemos hoxe mesmo para visitar o muiño de aceite de Bendilló, unha desas peregrinacións longamente adiada á que finalmente puidemos asistir. Todolos anos, dende hai 11 xa, por estas datas (non sei moi ben con que criterio) celébrase a Mostra do Aceite de Quiroga, do que por certo se pasas pola vila non atoparás nin un só sinal ou indicación, carencia que os traballadores das gasolineiras saben suplir, afortunadamente.


O vello Muiño das Farrapas abre as súas portas ao público aproveitando esta data, amosando o proceso tradicional de elaboración deste produto atípico na nosa terra, e simultaneamente, os cinco románticos que apostan por ofrecernos o aceite que obteñen a partires das, por muito tempo, esquecidas oliveiras locais, atenden ao público asistentes entre sons de gaita, viño, churrasco e polbo.

O obradoiro é pequeno e non está deseñado para visitas, todo o espazo é preciso para traballar, así con dúas ducias de espectadores, xa non é posible nin escoitar as explicacións e difícilmente tirar unha foto decente. Como as miñas son francamente malas, tiro de buscador e ligo unha a xeito documental, e outra serie dun muiño abandoado na veciña Vilaster, que a pesares das mutilacións sufridas polo edificio, a pía de moer  e o lagar parécenme mellor conservados có de Bendilló.


Vimos por aceite, mais os ollos revíranse ante a presenza desas bolas de pan, e cae unha nunha oficialísima bolsa de papel verde, tamén mel que o pai é lambón, pero o fillo non queda atrás. Un palleiro non se fai sen palla. Finalmente o noso dourado obxectivo, xusto antes de marchar.

Xa na casa, parte do noso tesouro en ouro líquido. Á esquerda aceite da veciña vila de Montefurado (moito buraco fixeron os romanos), de ton amarelo mate, turbio e con pousos no fondo, do que infiro que non sufriu ningún tipo de filtrado. Se alguén quere contactar con eles están no facebook.

Á súa beira, a producida por Guillermo Nogueira, no muiño tradicional que acababa de visitar. De cor verdosa, transparente e sen pousos, adiviño sen esforzo que a caste das oliveiras non pode ser a mesma.  Acordaron para a feira valorar en 7 € o cuarto de litro e en 15  os tres cuartos, que son cartos pero en realidade non ten prezo.

Certo, resta describir o sabor, a qué sabe o aceite galego artesán? Vai quedar pendente para unha cata cega realizada ad hoc, con zumes de oliveira do sur… a ver se o meu padal é quen de distinguir os matices das terras regadas polo Río Lor.

Publicado en Eventos,Gastronomía | 8 Comentarios

Pontevedra Tapas 2010

É certo que saen coma cogomelos nesta época. Os concursos de tapas están por todas partes, pero só este me permite asistir sen coller o coche. Pontevedra Tapas (que así se chama) está a ser un éxito, ou cando menos esa foi a nosa percepción. Un día bastante morto como é o martes pola noite atopamos un par de locais sen existencias e noutro non tivemos espazo físico para entrar noutro.
Os datos para quen lle interesen: 26 locais da hostalaría pontevedresa compiten neste concurso, ofrecendo por un prezo fixo de 1,50 € por tapa, e 3 días os que quedan (remata o vindeiro domingo). Bulide!



O nivel está a ser máis elevado do que esperaba, en especial tendo en conta a limitación do prezo un bo criterio que facilita a valoración dos mesmos. As fotos do móbil non fan xustiza, e agardo sirvan para estimular a visita aos locais para observalos e sobre todo degustalos. Velaquí algúns a salientar:
Se visitas A Maquía ofrécenos un sorprendente pincho con xogo de palabras o Sushi Maki A, un sorte de falsos makis de polbo, choco e cocido acompañado de cadanseu prebe.


Os mexillóns con espuma de queixo de San Simón de La tienda de Clara, magníficos.


Pontetapas ofrécenos solombo de porco con queixo de tetilla e timbal de patacas coméntase só.


Pablo desde o Allo e Aceite usa como tapa un mítico prato da súa casa: Langostinos en tempura con mahonesa de soia.



Isto son os que mais nos gustaron de momento pero algún máis aparecerá nas visitas da fin de semana. Ireinos subindo a este album. Se tes unha recomendación é benvida!

Para rematar un pequena reflexión que me preocupa desta iniciativa, i é que algúns empresarios poden sentirse tentados poloLado escuro e se perda aínda máis a verdadeira tradición dos Pinchos en Pontevedra. Ambos costumes son compatibles ou iso espero…

Publicado en Eventos,Gastronomía | 1 Comentario

XIII Xantanza. Acompáñanos pola Illa de Ons

Queredes pasar unha xornada na Illa de Ons, degustando un menú tradicional e acompañando aos blogastrónomos?

Mapa da Illa de Ons
A continuación as repostas a todas as dúbidas que vos asaltan:

  • Que imos facer:
    1. Desprazarnos ata á Illa de Ons (Parque Nacional Illas Atlánticas)
    2. Durante o traxecto degustación de produtos de Finca do Corvo a cargo do cociñeiro Javi Olleros (Culler de Pau – O Grove).
    3. Visita pola illa.
    4. Xantar tradicional
  • Cando: O vindeiro sábado 30 de outubro. Saída ás 10:30 h retorno ás 18:30 h.
  • Como: En barco (pensamos no paracaídas pero igual non caiamos todos dentro da illa :-P).
  • Onde: Sairemos do Porto de Bueu
  • Porqué: Unha xornada coma esta merece ser compartida con máis xente.
  • Prezo: 55 € + Viño

Para acompañarnos, tes que cumplir estes estritos requisitos:

  1. Ser amigo da páxina facebook dos blogastrónomos.
  2. Responder a esta mensaxe indicando que queres acompañarnos (por favor, só unha resposta por persoa)
  3. Levar fame e gañas de pasalo ben :-)

No caso de que o número de apuntados supere a nosa capacidade organizativa, verémonos na obriga de realizar un sorteo.

O menú tradicional con:

  • Polbo
  • Percebes
  • Empanada de zamburiñas
  • Cocido con bolos do pote
  • Empanada de mazá
  • Bandullo

Quen quere vir?

Publicado en Actualidade,Eventos,Gastronomía,Xantanzas BGG | 1 Comentario