XX – A décima Xantanza na Culler de Pau – O Grove

Xa choveu dende aquela I Xantanza!. Case 3 anos e con ésta, xa son dez as ocasións nas que nos xuntamos para realizar a nosa particular peregrinaxe polos templos da gastronomía galega.

A X Xantanza correu da man de Geiko. Comezou cunha visita á adega Aguiuncho, a que recentemente premiaron co Mellor Branco de Galicia 2009 polo seu Aguiuncho Barrica 2007. Tras unha breve visita polas súas instalacións, procedemos a probar os caldos desa casa. Non me vexo capacitado para xulgar se é o mellor, pero levei unha botellíña para desfrutalo con calma na casa.


Unha vez rematamos en As Pedreiras, arrancamos cara o destino definitivo de calquera Xantanza que se prece: un restaurante. Desta volta un proxecto moi recente foi o que atraeu as nosas miradas, probablemente pola presenza de cociñeiros nipóns. Este artigo de LVG, inspirado pola visita de Capítulo 0 días antes, engadiuno á miña lista de pendentes, e o consenso dos BGG fíxoa efectiva. A continuación: A Culler de Pau, Javier Olleros e Takahide Tanaka.

Sito en Reboredo, O Grove, a cociña do Culler de Pau pasa por ter o corazón no noso mar, matizado por brillos orientais. O comedor está presidido por unha grande parede transparente, que introduce a mesa nun oceano de millo e bateas ao lonxe na Ría de Arousa. Na parede oposta, outro vidro separa aos comensais dos artesáns, unha imaxe, non menos interesante.

O menú abriuse cunha Sardiña con gazpacho de melocotón. Refrescante e atrevida.

Picou moi alto con este saboroso bocadillo de choco con xema de ovo, espinacas e redución das súas cabezas.


Presentou a primeira chiscadela oriental na albóndiga de boi de mar sobre caldo de crustáceos e aceite de herba boa, non tanto nos ingrendentes coma na presentación.


Artellada ao redor dunha das raiñas das nosas rías, apareceron as  vieiras con cebola caramelizada e lámina de touciño. Moi ben.


A presenza do xenxibre (e de Takiña) acompañou ás navallas a 75º sobre caldo dashi e aire de piñeiro.


Non menos saboroso, pero si menos sorprendente é foi o ovo da casa á carbonara de queixo de San Simón e migas de pan. Cando menos no meu caso, o ovo estaba algo pasado de cocción.


Curiosa a presenza da carne antes do peixe principal. Roastbeef sobre crema de patacas, verduras e mostaza


Bo punto, bo xénero, isto faise só. Pescada como unha caldeirada, chícharos e pérolas de tapioca.


Nas sobremesas máis atrevido este primeiro. Remolacha xeada con froitos vermellos, menta e iogur de coco e cítricos. 

Outro clásico recente da restauración actual. Torrada da avoa caramelizada, café, leite e cacao. Unha sorte de Tiramisú se queredes. Non precisei tomar café, preferín quedarme con ese goloso regusto.

Os viño acertadamente elixidos foron Val de Sil 2007 un Godello de Valdeorras e Abadía de Gomariz 2006, Ribeiro Tinto dos peculiares artífices da adega Coto de Gomariz. O Moscatel MR acompañou a sobremesa.

Tras as fotos de rigor, e unha visita sorpresa á cociña, agora xa recollida. Despedímonos cara unha longa dixestión axudada polos Gin Tonics de Hendrick’s nun non menos recomendable local na Ría de Pontevedra, O Nautico en San Vicente do Mar, onde rematamos unha xornada que dou comezo oficialmente ao outono a xulgar pola cantidade de auga que caeu esa noite.

As diferentes olladas sobre o mesmo evento permitirán ao lector facerse cunha idea máis fidedigna e cualificada ca miña. Así falaron  O Gourmet de Provincias, Capítulo 0Laconada, Pantagruel Supongo, La caja de los hilos, …

Publicado en Gastronomía,Restaurantes,Xantanzas BGG | 5 Comentarios

IX Xantanza no Restaurante Alborada. Homenaxe á cigala

É francamente imperdoable que non escribira nin unha liña da VIII Xantanza, e non me quedará máis remedio que facelo calquera día.  Non por iso vou deixar de comentar a recente xantanza (e xa van IX) que amablemente organizou o Sr. Foucellas, no Restaurante Alborada en A Coruña.

A estas alturas xa temos  análises pormenorizadas e imaxes de mellor calidade ca estas, pero non por iso vou quedar calado. Adiante pois co menú.

Inauguramos a mesa cuns petiscos que non viñan detallados sendo un sorpresa que resultou ser do máis agradable. En primeiro lugar unha divertida Filo-Pizza sobre cacahuetes agridoces, noz de macadamia en tinta de lura e tempura de pistachos (xa copiei algo).

Oliva esférica e en madalena. A esferificación de tamaño máis respetable que teña tomado ata o de agora.

A primeira aparición da raiña da IX Xantanza foi na Espetada de cigala con mahonesa de soia e caranguexo  fritido sobre cama de pataca palla.

Espetada de cigala con mahonesa de soia e caranguexo  fritido sobre cama de pataca palla

A estas alturas xa comezaramos dar boa conta dun Antonio Montero Autor 2008 da D.O. Ribeiro, rexio consorte xunto ca cigala, durante boa parte do xantanza.

A partires de aquí os primeiros. Iniciamonos co Carpaccio de cigala e ourizo con xeado de lichis, un dos mellores do día.

Carpaccio de cigala e ourizo con xeado de lichis

A seguir veu a tosta de salpicón Alborada, cunha orixinal presentación invertida.

As Verduras grelladas en papel fata, nas que reapareceu a cigala, dando unha mellor presenza ao tradicional papillote. (Isto vouno copiar).

A sardiña desespiñada con queixo e foie, levou un ingredente extra. Das fotos é a que máis me gusta, pero o resultado non me acabou de contentar, o foie era méramente testimonial e non se apreciaba xunto a unha sardiña á que lle sobraba cocción.

Alcachofas de tempada con polbo e aceite de morcilla un acerto, pode que gañara co seu xamón, pero a presenza da morcilla foi suficiente como contrapunto, e o polbo tiña unha textura consistente moi agradable.


Un exceso de sal botou por terra un prato que a priori ía ser o meu preferido. Nin é espectacular, nin moi exótico, pero esta preparación de tintes mediterráneos da puntilla da ría con arroz negro e alioli, leva 3 elementos que me encantan. Mágoa.

Chegou por fin un clásico da carta, que en palabras do propio Luis Veira nunca van poder retirar: Ovos con cigalas, patacas e aceite de trufa

Eu fixen o cambio de viño a esta altura, aínda que xa estaba presente na mesa porque os amigos do tinto son un lobby en si mesmos. O Refugallo 2006 que curiosamente non aparece na páxina dos seus productores Dominio do Bibei.

Decidín entrarlle con este acompañamento ao Bonito de tempada con soia e caramelo de pementos. Igual digo unha barbaridade, pero o acompañamento estaba delicioso.

O fin da etapa salgada chegou cun porquiño con pó de pistacho iraní, orellóns e sal negra.

A complexa tarefa de habilitar espazo para que os doces atoparan o seu lugar, correu da man dun Mojito, que trala disiquisición de geiko sobre a variedade de menta utilizada, cumprimiu sobradamente co seu cometido. Só me pesa non aceptar a oferta do maitre e ter recuncado.

Como compañeiro das sobremesas unha aposta arriscada: María Castaña. Viño doce aromatizado con castañas torradas, que non pareceu chegar a convencer. Estivo ben como experiencia.
A continuación,baixo o suxestivo nome de Primavera, se atopaba vainilla, cardamomo (que confundín visualmente conkiwi), e outros sabores frescos.

A torrada temperada con xeado de torrada, foi o redundante e saboroso remate do xantar.

Mais non da nosa estancia no Alborada, que se alongou con cafés, caña, petit fours e os inevitables gin tonics, con debate incluido.
Dende xa, sabede que un Fever Tree con Hendrick’s é o Gin Tonic da casa, ou así é dende que pasei por alí.

Non quero deixar de salientar o impecable servizo de sala. Atentos a calquera comentario, que nin cas dificuldades engadidas dos obstáculos móbiles, deixaron un só detalle por cubrir. A miña noraboa a todos.

Como xa ven sendo habitual, as visións doutros comensais complementarán e enriquecerán a experiencia, tal como fixeron ca súa presenza:
Gourmet de Provincias, Capítulo 0, Pantagruel Supongo, Laconada, Borralleira, De Pinchos e o convidado de honra, Melvin.

E xa por fin, agradecer a moraiminha todas as fotos dos pratos.

Publicado en Gastronomía,Restaurantes,Xantanzas BGG | 7 Comentarios

VII Xantanza (e III). Actividades complementarias na Casa Rural A Lareira

É certo que xa pasaron dúas semanas, pero quéda a incómoda sensación de que o relato está toco, incompleto. Ao igual cas caducas enciclopedias en papel, profusamente ilustrado, e de xeito telegráfico remato a VII Xantanza onde deixei a entrada anterior, entre Gin Tonics e conversas varias.

Edita preguntounos se iamos cear e aínda que fame non había, tiñamos que apousentar os espirituosos inxeridos, e así foi como nos serviu uns petiscos:

Un caldiño para atemperar o corpo


Tomatiño fermosamente presentado


Uns figos que nos deixaron sen fala (ou máis ben deron moito que falar).


Troitiñas con xamón por tomarlle algún peixe.


Lacón con pementos por tomarlle algunha tallada.


Sobremesas, café, licor café e máis conversa deica ben entrada a noite. Sen temor a esaxerar estivemos naquel salón dende o xantar unhas 12 h. que pasaron voando en boa compaña.


Á mañá seguinte, erguerse, abrír a xanela e ver un castiñeiro na neboa…


Almorzar e camiñar deica a Torre de Doncos, disparando fotos a discreción e finalmente fuxindo dunha batida de xabarín.

Abandoar A Lareira e inmortalizar o momento: Excursionistas con nubes de algodón por baixo.



E despedirnos tras visitar a Torre de Torés.

Fin da VII Xantanza.

Publicado en Gastronomía,Restaurantes,Xantanzas BGG | Comentarios cerrados

VII Xantanza (II). Casa Rural A Lareira

Pode dar a sensación de que o xantar pasou a segundo plano, pero lonxe diso, converteuse na parte central, común, que nos aglutina a todos.

A visita á Lareira en Nullán (As Nogais) foi organizada baixo un concepto claro: Xantar de caza tradicional. E iso foi o que tivemos. Non me vou espallar moito en descripcións, e simplemente vou salientar as perdices para min o mellor da xornada, e o máis frouxo unha ensalada de froitas.  Tal vez un exceso de primeiros restou protagonismo á caza… é o que ten organizar sen coñecer o local.



Aínda así a cousa non quedou tan mal, e haberá que deixar constancia en imaxes do amplo menú, comezando polos primeiros co queixo de cabra con cebola caramelizada…



…. a empanada de troita …



… tortilla guisada …



… continuando ca caza, xabarín con castañas …


… as perdices que segundo unha sondaxe realizada estes días entre os blogastrónomos foi o mellor prato da xantanza…



…  e o corzo …



e finalizando cas sobremesas, con esta saborosísima tarta de castaña …


… piña rechea en primeiro plano e queixo do cebreiro con doce de marmelo no fondo…


… e unha tarta de requeixo con marmelada para coroar o festín.



A lareira presenciou as conversas de sobremesa extendida acompañados do licor café…



… e así pasamos a tarde, uns fóronse pouco a pouco, e outros non nos movemos máis que para coller os nosos habituais Gin Tonic que xa é a bebida blogastronómica por excelencia.

Publicado en Gastronomía,Restaurantes,Xantanzas BGG | 2 Comentarios

VII Xantanza. Escolma de ligazóns

Tanta información espallada polo mar de redes… ás veces é complexo a máis atopar o que un quere, e sendo esta unha reunión tan significativa para min, vou xuntar todas as referencias dos meus compañeiros blogastrónomos nesta entrada.

Comezando cun mapiña para situar xeograficamente os lugares dos que falamos.

tagzaniapaste

E a seguir vencellámonos unha vez máis

Publicado en Gastronomía,Xantanzas BGG | Comentarios cerrados