Ultimamente estou preocupado. Son unha persoa caseira e arrincarme do meu fogar é unha tarefa ben complexa. Gustame viaxar, iso é certo, mais cando isto implica un desprazamento longo: coller un avión, un tren, pasar varios días fora da casa... o resto de pequenas fuxidas dun día non son algo que me chame. Ou quizais debía dicir chamara, porque os pouco menos de cincocentos quilométros que papei antonte, para ir a Pedrafita do Cebreiro non teñen moita explicación.

A desculpa foi a celebración da XXII Feira da D.O.P. Cebreiro, e como non tiñamos moitos plans para esta semana santa optamos por ir ver que se cociñaba nesta minúscula D.O. A D.O.P. Queixo do Cebreiro debe ser a asociación deste tipo máis pequena posíbel. Só dous produtores están acollidos nela; Quexerías Castelo de Brañas, S.L., que comercializa baixo a marca Castelo, sita na propia Pedrafita do Cebreiro, e que probablemente sexa a que todos coñezades por estar bastante ben distribuida (eu teñoa mercado en grandes superficies sen problema), e Carmen Arrojo Valcarcel, localizada en Nullán, no veciño concello de As Nogais que comercializa o Xan Busto, que como curiosidade, comentarei que ás 13:45 h cando fun mercar un queixo xa remataran as existencias.
A conxunción da feira mensual coa de enxalzamento do queixo converteu a vila nun fervedoiro de xentes e vehiculos, que aínda sendo a primeira ocasión na que me paseaba por esta feira, levei a impresión de que as expectativas de asistencia foran ultrapasadas. Había un coche metido en canto curruncho era posible.
A noso pequeno periplo comezou pola nave na que se degustaban catro receitas do queixo: tarta de queixo ao forno e croquetas (en primeiro plano), e paté de queixo con bonito, e pementos (ao fondo xunto a un par de ringleiras maís da magnífica tarta de queixo. Aquela nave estaba chea de xente, pero aínda había máis que comer. Credeme se digo que todo sabía marabillosamente pero a tarta de queixo botaba por fora.
No paso de rigor pola nave de expositores sorprendeume a presenza de queixos de Friol, San Simón da Costa... e non era de extrañar xa que unha feira non se fai con dous fabricantes e un expositor da D.O., pero sorprendeume non ver aos artesáns que fan as súas produccións de xeito tradicional fora da denominación. A miña sorpresa veu cando lin hoxe que os produtores particulares tiñan o seu espazo no Centro de Artesanía, quee con ese nome non nos chamou a entrar, xa que viñamos a tiro fixo. Xa o dicía a miña nai: o que non sabe e coma o que non ve.
Cando a motilidade intestinal presionou o suficiente, acercámonos a unha das múltiples polbeiras (de Melide para máis señas). Elixida por unha profesional non había nada que temer.
E deixo as adquisicións para mañá... máis de 70 € en queixo teño que xustificalas dalgunha maneira... é unha debilidade ;-).
chuzame -