Archive for the 'Gastronomía' Category

mar 25 2008

Queixo do cebreiro… sobran as palabras

Published by makeijan under Gastronomía, Persoal

Xa sei que tiña que xustificar os 70 € en queixo do venres, pero vou ir pouco a pouco... Comezo coa meirande inversión. Máis do 50% do total foi adicado a adquisición de 4 unidades artesáns, que nos convertiron en Reis Magos por un día, deixando agasallos por onde pasabamos, á espera de que se espalle a febre e a alguén lle dea por ter o mesmo detalle e evite este peregrinar de 500 km para facernos cun deles. A súa limitada vida fai inútil un gran acopio deste lácteo.

Aquí tedes a miña preparación preferida. Con todos vos:

Queixo do cebreiro con noces e mel do pais.


Sobremesa de Queixo do Cebreiro con mel e noces do pas.

E xa podedes ofrecerme escumas, reduccións, esferificacións, coccións a baixa temperatura e calquera outra técnica de cociña, que non hai NADA que se achegue a esta sinxela preparación que para min e un manxar dos deuses.

A miña boa acción do ano, algo do que seguramente me arrepinta en breve, vai ser a publicación desta imaxe con toda a información precisa para facerse cunha destas xoias. Se queredes saber onde queda Fonfría premede aquí.
Queixo do cebreiro artesán o galego. Leite de vaca crú.

Como diría un amigo que anda na Irlanda: Moito bom, moito bom!

Chuzame! chuzame -

6 responses so far

mar 23 2008

XXII Feira da D.O.P. Cebreiro

Published by makeijan under Actualidade, Eventos, Gastronomía

Ultimamente estou preocupado. Son unha persoa caseira e arrincarme do meu fogar é unha tarefa ben complexa. Gustame viaxar, iso é certo, mais  cando isto implica un desprazamento longo: coller un avión, un tren, pasar varios días fora da casa... o resto de pequenas fuxidas dun día non son algo que me chame. Ou quizais debía dicir chamara, porque os pouco menos de cincocentos quilométros que papei antonte, para ir a Pedrafita do Cebreiro non teñen moita explicación.

Stand do Queixo do Cebreiro
A desculpa foi a celebración da XXII Feira da D.O.P. Cebreiro, e como non tiñamos moitos plans para esta semana santa optamos por ir ver que se cociñaba nesta minúscula D.O. A D.O.P. Queixo do Cebreiro debe ser a asociación deste tipo máis pequena posíbel. Só dous produtores están acollidos nela; Quexerías Castelo de Brañas, S.L., que comercializa baixo a marca Castelo, sita na propia Pedrafita do Cebreiro, e que probablemente sexa a que todos coñezades por estar bastante ben distribuida (eu teñoa mercado en grandes superficies sen problema), e Carmen Arrojo Valcarcel, localizada en Nullán, no veciño concello de As Nogais que comercializa o Xan Busto, que como curiosidade, comentarei que ás 13:45 h cando fun mercar un queixo xa remataran as existencias.

A conxunción da feira mensual coa de enxalzamento do queixo converteu a vila nun fervedoiro de xentes e vehiculos, que aínda sendo a primeira ocasión na que me paseaba por esta feira, levei a impresión de que as expectativas de asistencia foran ultrapasadas. Había un coche metido en canto curruncho  era posible.
Receitas queixo do cebreiro, paté, tarta e croquetas

A noso pequeno periplo comezou pola nave na que se degustaban catro receitas do queixo: tarta de queixo ao forno e croquetas (en primeiro plano), e paté de queixo con bonito, e pementos (ao fondo xunto a un par de ringleiras maís da magnífica tarta de queixo. Aquela nave estaba chea de xente, pero aínda había máis que comer. Credeme se digo que todo sabía marabillosamente pero a tarta de queixo botaba por fora.

No paso de rigor pola nave de expositores sorprendeume a presenza de queixos de Friol, San Simón da Costa... e non era de extrañar xa que unha feira non se fai con dous fabricantes e un expositor da D.O., pero sorprendeume non ver aos artesáns que fan as súas produccións de xeito tradicional fora da denominación. A miña sorpresa veu cando lin hoxe que os produtores particulares tiñan o seu espazo no Centro de Artesanía, quee con ese nome non nos chamou a entrar, xa que viñamos a tiro fixo. Xa o dicía a miña nai: o que non sabe e coma o que non ve.

Cando a motilidade intestinal presionou o suficiente, acercámonos a unha das múltiples polbeiras (de Melide para máis señas). Elixida por unha profesional non había nada que temer.

E deixo as adquisicións para mañá... máis de 70 € en queixo teño que xustificalas dalgunha maneira... é unha debilidade ;-).

Chuzame! chuzame -

6 responses so far

mar 22 2008

Usted ha sido advertido

Published by makeijan under Batallas, Gastronomía, Intres, Persoal

Qué pensarías se leras isto nunha carta?


Non sei ti, pero o primeiro que asaltou a miña cabeciña foi que había que probalo. Afortunadamente eramos seis comensais e tocou a uns cachiño de polo para cada un, porque era realmente bravo, a pesares de non ter o titulo de prato máis picante que teña tomado.

Esta singular advertencia pertence áo menú do Delhi Palace, un restaurante indio aberto recentemente en Pontevedra.

A curiosidade fixo que procurara algo da historia desta preparación, o Polo Phal, e semella ser unha receita creada en Gran Bretaña para satisfacer aos máis tolos do picante, así que non pasa dunha anécdota culinaria, sen máis historia.

Iso sí,  a advertencia  é xenial!.

Chuzame! chuzame -

10 responses so far

mar 06 2008

Top Chef: A miña nova serie de culto

Published by makeijan under Espectáculos, Gastronomía, TV

Hai unhas semanas coincidín cun capítulo de Top Chef en Canal Cocina, esa canle televisiva  que, coincido con GdP, perdeu o norte fai uns meses. E aproveito que falo dela para referirme á nula atención prestada ao Forum Gastronómico de Santiago nesta canle, fronte a Madrid Fusión. Non vou escribir unha entrada so para iso... mais quero que quede constancia. Canal Cocina ... -1 point.

Logo Top Chef

Voltando ao fío, xa que ultimamente non me atrae o apartado culinario á canle, cando menos sácolle algún rendemento con este reality gastronómico chamado Top Chef. Como é doado imaxinar trátase dun grupo de cociñeiros (variable en función da tempada), que son confinados nunha vivenda, e só os sacan para mercar as cousas que cociñarán a continuación. Visto así pode ser pouco atractivo, pero créde que si o é. De entrada, sorprende ver a americanos alimentándose doutra cousa que non sexa comida lixo. Xa sei que é un estereotipo, pero non o creei eu, senon eles...

Recoméndovos que busquedes un horario de emisión que vos veña ben. Mais non vos enganchedes!, porque non hai xeito de seguilo coherentemente. Non acabo de comprender a orde dos programas, dado que hai varias tempadas en curso e siguen un horario moi particular. De feito vin case todos os da primeira tempada (e non direi o gañador, porque seguro que o repiten e é entretido velo de novo), e varios programas da segunda e terceira, sin saber cal é cal.

Ten todos os ingredentes dun reality; mais os resumes son moi dinámicos, cun formato case de videoclip. O fondo musical acompaña perfectamente e so con escoitar esa guitarra muteada me poño en tensión no meu sofá.

Comprimen dúas probas (unha de inmunidade e outra eliminatoria), máis a estancia semanal dos chefs concursantes (illados do mundo), en 50 minutos máis ou menos. Fanlles cociñar de todo e nos máis diversos entornos. Lembro un día que tiñan de público a rapaces. Menudo xurado!, había algún concorrente que se subía polas paredes porque aqueles cativos puideran decidir sobre a súa cociña. Ó eliminado do día dinlle algo así, como recolle os teus coitelos e vaite. 

Gústame que estén todo o día bebendo (viño fundamentalmente, que algún ate semella que non pode cociñar sen unha copa na man), que parece que é do pouco que poden facer no tempo que lles deixan libre. Seica non teñen acceso á prensa, tv, internet... Coma en calquera concurso deste tipo elexiron á xente a conciencia, cada un coa súa lideira, que si unha vexetariana, que si un estarricado que se cree por riba dos demáis, chefs de comida rápida?! (isto non o entendo moi ben). Na mistura está o segredo do éxito...

Quen me dera que alguén se animara a facer algo así por aquí, para esquecer aquela desfeita que foi Esta cocina es un infierno!

E segundo acabo de ver,vai comezar a 4ª Tempada.

Chuzame! chuzame -

No responses yet

feb 27 2008

V Xantanza. Lamprea en Casa Emilio

O meu paso polo Forum rematou (que non as crónicas), deixando unha resistencia natural a baixar dese podio de nova gastronomía na que estaba aupado. O mundo real non ten moito que ver con aquilo, pero non por iso é peor.

Os blogastrónomos cambiando radicalmente o estilo das xantanzas anteriores, optamos por un producto e eleboración más tradicional, e nesta época non pode ser outro que a Lamprea.

Comezamos o día, realizando traballos varios, e reservando unha horiña para por remedio a unha situación insostible. Descoñeciamos as Torres de Oeste. Así demos un paseiño, tiramos unhas fotos, e á hora acordada dirixímonos ao punto de encontro: a Taberna Vikinga. Non falarei máis deste tema, porque o ten perfectamente documentado moraiminha, tanto esta primeira parada coma a segunda.

A seguinte parada foi Casa Emilio é un restaurante tradicional. Situado á beira da vía do camiño de ferro Vigo-A Coruña, pode lembrar inicialmente á Estación de Cambre pero nada máis lonxe da realidade.



Recibiunos esta magnifica cesta de pan na mesa, un alimento que desgraciadamente sorprende cando é de calidade, e cada vez é máis difícil de atopar.


O menú non ten moito comentario. As imaxes falan soas da homenaxe que nos dimos para pechar unha semana de choio no forum. Abriu un tradicional Salpicón de marisco.



Seguido por unhas magníficas cigalas á prancha.


E rematando coa celebérrima Lamprea á bordelesa, cociñada no seu sangue, e acompañada de arroz e pan fritido. Curiosamente había dous BGG que non a probaran nunca: os Sres. de Foucellas. Hai que recoñecer que a presentación non é moi atractiva. Unha cousa negra con máis pinta de serpe que doutra cousa, non é moi apetecible, mais como ben recoñeceu a Sra. Foucellas, o mesmo pasa coa morcilla de León e... ben boa que está!

A xulgar por como quedaron os pratos, non creo que lles disgustara moito.



As sobremesas eran a elixir, e como se pode apreciar optei por seguir tradicional, e un probar o queixo con marmelo.

Todo isto regámolo con Martín Codax e Tinto Pesquera. Non vou opinar sobre un Rías Baixas porque non sería imparcial, e sobre o Pesquera, penso que lle iría mellor un Mencía Summun da Ribeira Sacra, para que quedara todo na casa, pero non houbo queixa.

Cafés, licores e ata puros (e non me preguntedes porqué, pero non me queixei do fume), seguida dunha sesión Karaoke, que pasará á pequena historia dos BGG, coma un dos momentos míticos.

O mellor é que despóis de sair de alí, aproveitando a anormal benignidade metereolóxica, fomos de terrazas a Carril. Unha primeira parada onde nos entregamos a unha das grandes creacións Made in England: O Gin Tonic. Para que logo critiquemos a cociña inglesa, como ben dixo Xesús.

Finalmente culminamos a noite co descubremento de O Loxe Mareiro, onde nos deron máis das nove. Boa xente, mellor ambiente, e un lugar privilexiado da Ría de Arousa... que máis se pode pedir...

Teño que ir ao médico, porque sempre son dos últimos en irme das Xantanzas... é grave doutor?

Coma de costume ligo as versións dos meus compañeiros. Non hai coma ler varias versións do mesmo suceso.

O madrugador gourmet, o arqueólogo magago, as fotos de Cesar, o mini apunte de Sole e a visión cinéfila de moraiminha.

Chuzame! chuzame -

5 responses so far

« Prev - Next »

Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Blog sen Fume