Archive for the 'Xantanzas BGG' Category

Xun 05 2008

VI Xantanza, I Bebenza ou as sorpresas continúan no Ribeiro (e II)

Published by makeijan under Gastronomía, Xantanzas BGG

Tras unha mañá alongada deica as catro, e non sen pedir mil veces desculpas por chegar a Casal de Armán unha hora depois do previsto para xantar, adicámonos a comentar as experiencias vividas, case coma nunha sobremesa. Fora do programa, visitamos a adega anfitriona, da cal, como non podía ser doutro xeito, xa tiveramos dado boa conta dos seus caldos, aínda que todo hai que dicilo, en menor medida que noutras ocasións por motivos obvios.



En Casal de Armán non podían ser menos e agochan os seus tesouros. Durante o xantar, doume por preguntar se elaboraban Tostado do Ribeiro, mais a resposta do camareiro: Fan algo pero non sei se queda... Lonxe de aplacar a miña curiosidade, estimulouna coma a dun cativo, e cando no medio da visita preguntei novamente polo tostado, contarónnos que o estaban a preparar á moda da casa. Oito anos duraba o proceso e ían polo cuarto... Moito tempo de espera. Afortunadamente, outra peculiar vinificación nos estaba reservada para probar. Conxelación a -25 C, para retirar unha parte da auga e acadar un caldo dourado coma os acios maduros dos que ven. Por non levar un caderno, a información pode ser parcial e ata errada, mais non así as sensacións que lembro... tanto é así que voltarei pasado o verán a ver se é certo que o teñen finalmente listo...
Dirixímonos depois dunha mañá bendecida polo espíritu do mesmo Baco, a cultivarnos pero doutra maneira polas vellas rúas de Ribadavia. As estreitas rúas das súa xudería, guiaron os nosos pasos, axudados dos consellos de delokos, ata a Tafona de Herminia. Unha panadeira que por unha casualidade do destino comezou a cocer doces kosher baseandose en antigas receitas, e alí leva un par de décadas, acumulando lembranzas e anécdotas que non dubida en partillar con quen queira escoitalas.

Os seus son unha explosión de sensacións na boca, sementes de papoula, e fariñas de froitos secos forman parte de moitas das receitas, que sorprenderán polo ausencia das habituáis triga e milla.


A tarde caeu e a xenebra Citadelle e a súa tónica compañeira, Fever Tree, tomaron o control da situación, como non, noutra adega: Viña Meín, lugar que acolleu os nosos cansos ósos, e que se converteu no Falcon Crest particular do grupo de irreductibles blogastrónomos que amenceron no Ribeiro.

Só lembro que este ano xa fixen o tratamento preventido contra a malaria ... ;-)

Chuzame! chuzame -

One response so far

Xun 02 2008

VI Xantanza, I Bebenza ou visita de amigos polo Ribeiro (I)

Published by makeijan under Gastronomía, Xantanzas BGG

Nin máis, nin menos co Ribeiro, foi o escenario que soportou as novas aventuras dos blogastrónomos, mais a nosa conquista de Ourense non foi o único cambio desta nova reunión. Moitas novidades naVI Xantanza, que por méritos propios se converteu na I Bebenza. Visitas a adegas, paseos culturales, Gin-Session, e novos blogastrónomos invitados foron algunhas delas. Co que xa se leva escrito queda pouco que contar, polo que resumirei as miñas experiencias na medida do posible...


VIXantanza tagged map by user - Tagzania

Como se pode apreciar no mapa, non paramos en todo o día, cousa que xa presaxiaba o detallado programa publicado por magago uns días antes. Collemos un microbus, que encolleu fronte as contundentes dimensións dos blogastrónomos, fronte ao Castelo de Ribadavia, e acompañados por un guía da Consellería de Medio Rural, comezamos a exploración de pistas entre viñedos, salteadas de explicacións sobre a D.O. Ribeiro.



A seguinte parada foi en Barro (Leiro), na Adega Coto de Gomariz, onde dous extraterrestres se adican a revolucionar os caldos da comarca. Tras o rally por pistas embarradas visitando varios viñedos, cada un coas súas peculiaridades, e a non menos importante achega de información histórica que salpicou o tour (sabiades que hai documentos do século X onde se fala de vendas de viño do Ribeiro?), visitamos as instalacións, paso previo a xa esperada degustación. Agradezo a xentileza do enólogo (que me perdoe por esquecer o seu nome) permitíndonos sentir os 40 meses en barrica que pasou o seu novo VX aniversario, que aínda con nome provisorio, xa apunta a viño de coleccionista. Aínda non saio da miña sorpresa por falar dun viño galego con tan longa crianza, e desexo ver o día no que deixe de ser nova, e se convirta nunha práctica máis.



Cun retraso considerable sobre a axenda prevista, pasamos dunha adega co último en tecnoloxía vinificadora a unha de autor. En Cuñas (Leiro), visitamos Adegas Valdavia (gracias Alberto por correxir a ubicación en tagzania), un xeitosísimo exemplo de como tamén se pode seguir facendo un viño pegado á terra. Gustoume atopar a alguén que defendera que o viño feito con calma, non so resiste senon que gaña coa súa crianza en botella. Así foi como saimos con caixas de Valdavia 2006, mentres deixamos que o 2007 siga a facerse...

Espumoso do ribeiro con dúas décadas ao lombo. Foto de Cesar Carril.

En tempo de desconto, con Sole facendo de cuarto árbitro, aparecemos na Cooperativa. Bodega Vitinícola del Ribeiro e ese xigante que engloba boa parte da producción da D.O., e aínda que xa coñecíamos dende hai un tempo iniciativas que fructificaron en magníficos productos coma o seu licor café Lúa, ou o Tostado de Costeira, da a impresión de que a capacidade de sorprendernos non ten fin. Dende as notas de Xaponés na presentación (Youkuzo, Argimiro!) ata a irrepetible experiencia de probar un espumosos do Ribeiro con 19 anos de crianza, da cal podedes ver unha imaxe do fotografo oficial dos Blogastrónomos, Cesar Carril. De verdade, un momento para lembrar.
Fago aquí unha parada, non sen ligar coma sempre Continúo na II parte, aínda que recomendo a lectura de mellores comentaristas, comezando por unhas inevitables primeiras impresións do Gourmet de Provincias ; os primeiros comentarios dos BGG invitados Viticólogo dos Bagos que tivo que por desgracia debeu marchar precipitadamente, e Delokos que apurou o día ata o fin; Magago cunha prolificidade apabullante; Foucellas que nos lembra a anecdota eno-geek; a capacidade de síntesis de moraiminha; máis impresións da man de Sole; e Borralleira que nos descubriu todo o que escribe nesa misteriosa libreta negra, e finalmente máis preguiceiro que de costume Colineta.

Chuzame! chuzame -

4 responses so far

Feb 27 2008

V Xantanza. Lamprea en Casa Emilio

O meu paso polo Forum rematou (que non as crónicas), deixando unha resistencia natural a baixar dese podio de nova gastronomía na que estaba aupado. O mundo real non ten moito que ver con aquilo, pero non por iso é peor.

Os blogastrónomos cambiando radicalmente o estilo das xantanzas anteriores, optamos por un producto e eleboración más tradicional, e nesta época non pode ser outro que a Lamprea.

Comezamos o día, realizando traballos varios, e reservando unha horiña para por remedio a unha situación insostible. Descoñeciamos as Torres de Oeste. Así demos un paseiño, tiramos unhas fotos, e á hora acordada dirixímonos ao punto de encontro: a Taberna Vikinga. Non falarei máis deste tema, porque o ten perfectamente documentado moraiminha, tanto esta primeira parada coma a segunda.

A seguinte parada foi Casa Emilio é un restaurante tradicional. Situado á beira da vía do camiño de ferro Vigo-A Coruña, pode lembrar inicialmente á Estación de Cambre pero nada máis lonxe da realidade.



Recibiunos esta magnifica cesta de pan na mesa, un alimento que desgraciadamente sorprende cando é de calidade, e cada vez é máis difícil de atopar.


O menú non ten moito comentario. As imaxes falan soas da homenaxe que nos dimos para pechar unha semana de choio no forum. Abriu un tradicional Salpicón de marisco.



Seguido por unhas magníficas cigalas á prancha.


E rematando coa celebérrima Lamprea á bordelesa, cociñada no seu sangue, e acompañada de arroz e pan fritido. Curiosamente había dous BGG que non a probaran nunca: os Sres. de Foucellas. Hai que recoñecer que a presentación non é moi atractiva. Unha cousa negra con máis pinta de serpe que doutra cousa, non é moi apetecible, mais como ben recoñeceu a Sra. Foucellas, o mesmo pasa coa morcilla de León e... ben boa que está!

A xulgar por como quedaron os pratos, non creo que lles disgustara moito.



As sobremesas eran a elixir, e como se pode apreciar optei por seguir tradicional, e un probar o queixo con marmelo.

Todo isto regámolo con Martín Codax e Tinto Pesquera. Non vou opinar sobre un Rías Baixas porque non sería imparcial, e sobre o Pesquera, penso que lle iría mellor un Mencía Summun da Ribeira Sacra, para que quedara todo na casa, pero non houbo queixa.

Cafés, licores e ata puros (e non me preguntedes porqué, pero non me queixei do fume), seguida dunha sesión Karaoke, que pasará á pequena historia dos BGG, coma un dos momentos míticos.

O mellor é que despóis de sair de alí, aproveitando a anormal benignidade metereolóxica, fomos de terrazas a Carril. Unha primeira parada onde nos entregamos a unha das grandes creacións Made in England: O Gin Tonic. Para que logo critiquemos a cociña inglesa, como ben dixo Xesús.

Finalmente culminamos a noite co descubremento de O Loxe Mareiro, onde nos deron máis das nove. Boa xente, mellor ambiente, e un lugar privilexiado da Ría de Arousa... que máis se pode pedir...

Teño que ir ao médico, porque sempre son dos últimos en irme das Xantanzas... é grave doutor?

Coma de costume ligo as versións dos meus compañeiros. Non hai coma ler varias versións do mesmo suceso.

O madrugador gourmet, o arqueólogo magago, as fotos de Cesar, o mini apunte de Sole e a visión cinéfila de moraiminha.

Chuzame! chuzame -

5 responses so far

Nov 29 2007

I aniversario e IV xantanza dos blogogastrónomos. Restaurante Allo e Aceite.

Agora que leo o título parece que está un a falar do Carlos de Habsburgo. Como xa comentaron algúns dos meus compañeiros blogogastrónomos nos seus respectivos blogs, o pasado sábado celebramos a xantanza de aniversario deste grupo de afeccionados á gastronomía. Para min xa forma parte do transcurrir anual, coma as mesmas estacións. O meu desexo neste que parece un punto de inflexión dentro do grupo, é que poidamos disfrutar dun cento de outonos máis.
Para non repetirme, e sobre todo para publicalo antes da vindeira paparota, que esta vida que levo non me deixa moito tempo para adicarlle a esta segunda actividade afección.

A nosa xornada comezou cun paseo polo casco vello pontevedrés, no que fixemos de improvisados cicerones de Manoel Foucellas e a súa dona. Visiblemente afectados pola noite anterior, aproveitamos o paseo para habilitar un espazo no noso corpo, onde albergar unha nova xantanza. (Por certo, Sr. Foucellas esta é a foto da que che falei). Traslado a Marín, onde o punto de reunión foi o Bar As Cuncas, que como non podía ser doutro xeito fora recomendado por moraiminha.

A miña opinión do Allo e Aceite xa a contei hai uns meses por aquí e non teño intención de cambiar nin unha coma. Así paso a comentar brevemente os pratos do menú que nos ofreceu Pablo, non sen antes comentar que a disposición das fotos non corresponde como é habitual ao orde de presentación, senon as miñas preferencias, destacando así os pratos que máis me gustaron.

Comezo polo aperitivo de Zamburiña con mahonesa de soia e queixo de cabra con mel, envolto este último nunha pasta philo (ou similar), que me encantou. Das croquetas
xa non sei que dicir. Son a miña debilidade, tanto a de choco coma a de bacallao. En breve voltarei falar delas...



Gustoume que aproveitaramos a presenza de cogumelos nos vindeiros pratos, mais non tanto o seu punto, tanto a cigala coma a langosta tiñan un exceso de cocción na miña opinión. O bo do inquilino da cama de arroz caldoso, é que tocou o extremo que une coa cabeza, co que collín o realmente máis saboroso do bicho.

O xurelo con pisto de cantharellus que tiña unha pinta incluso desagradable, disimulado baixo unha escuma dun sabor que tristemente non lembro, pero o sabor era francamente bo, e a tamén a combinación. Lembrei neste momento a anterior xantanza na que falei con Gonzalo de El Mercadito, do cheo que estaba dos Cantharellus Cibarius que traía o meu pai hai anos, mentras que para el era un cogumelo fantástico. A pescada con grelos e sopa de cebola simplemente magnífica. O peixe e os grelos no seu punto... teño unha fermosa foto onde se aprecia, que xa publicarei outro día. E sí, cominlle o pelexo, como ben sabe Xosé Manoel (prometo tentar rematar ese post, xa non digo antes, este ano).


A fazula con castaña á vainilla, con eses froito secos dandolle un toquiño orixinal, xeraron distintas opinións na mesa, a combinación tradicional de porco e castaña tan de esta época, quizais chegou un pouco tarde se queriamos saborear convenientemente as sobremesas. A primeira delas unha nova presentación do tradicional queixo, marmelo e galletas, son un exemplo de que non se necesita inventar a pólvora para sorprender, e non foi sorpresa para min porque xa o probara, pero si agardaba con impaciencia a chegada da torrada ao forno con xeado de vainilla, perfecto fin de festa. As magníficas gominolas foron a guinda do pastel.

A selección de viños foi na miña opinión mellorando cara o final, comezamos cun Zárate Tras da Viña 2004, que sendo un magnífico viño, quizais tiña demasiado corpo para acompañar un número tan elevado de pratos de peixe e marisco. Tamén pode ser que teño o padal deformado últimamente ;-). O tinto que acompañou á frugal presenza de tallada no menú, foi o meu primeiro contacto cun mencía con crianza. Algueira triunfou na miña opinión, e haberá que seguirlle os pasos. Durante a sobremesa correu o Moscato de Ochoa, que erroneamente asociei ao sur do levante, cando é orixinario de Navarra. Un caldo que non sabería clasificar, pero que se deixa beber, cunha baixa graduación alcohólica (similar á dunha cervexa), doce sen ser empalagoso, e cun punto de frescura.

A xantanza en definitiva e un lugar de encontro, aínda que non o pareza durante moito tempo os pratos pasan a un segundo plano, e interesantes conversas xurden dos distintos acompañantes, e porque non dicilo, de extremo a extremo da mesa, porque aínda que non é lugar, fago público o meu empeño en que estas xantanzas queden reducidas a un baixo número de comensáis. Discusións sobre o futuro de blogogastrónomos ou blogastrónomos (que é o nome oficial), como as que alí se deron, ou incluso máis profundas disertacións sobre a fermosura dun cociñeiro en particular, non se poderían dar noutras condicións. Os meus compañeiros nesta ocasión foron Xesús Fraga e Xosé Manoel, cos que penso aínda non compartira mesa tan perto. Viaxes, anécdotas, historias persoales, e como non, recomendacións de todo tipo. De momento sigo o criterio de ir compartindo mesa con xente nova cada vez, e xa van quedando menos... Cando estabamos no mellor da reunión, despois do terceiro grado que lle fixo Magago a Pablo, mentres comezaba outra interesante conversa, alguén falou de levantarnos. Eran xa ás sete da tarde, e o restaurante voltaba a abrir ás nove. Toda unha maratón a dese día para o Allo e Aceite.

O mestre Colineta fixo un oco na súa ministerial axenda, para compartir xantanza pero tivo que deixala a medias, polo que se dilatou no tempo.

Finalizando xa, coma sempre ligo as outras visións do mesmo evento. Só unha conxugación de todas elas levará ao lector na dirección correcta: Capítulo 0, Gourmet de provincias y el perro gastrónomo, Laconada, pequeno apuntamento de La Caja de los Hilos, que por fin completou, De Pinchos, Pantagruel Supongo, o Xantanzus Interruptus de Colineta e finalmente Matemáticas, paladar y fogones.

Só me queda darlle a benvida á nosa nova fichaxe estrela, coa que espero compartir conversa pronto, e rematar dunha vez.

Chuzame! chuzame -

6 responses so far

Nov 01 2007

Mapa das blogoxantanzas

Published by makeijan under Gastronomía, Xantanzas BGG

Hai uns días o Gourmet de Provincias anunciou os resultados da votación do vindeiro restaurante que acollerá unha blogoxantanza. Será Pablo Romero o afortunado cociñeiro que nos deleite co seu saber, no seu local: Allo e Aceite. Os que pasades por aquí de cando en cando lembrarédelo.

Para tan magno evento, restan aínda unhas semanas, e a nova xa se publicou hai uns días. Entón, cal é a utilidade desta entrada?. Só presentar este mapiña no que aparecen os lugares que imos visitando ese feixe de afeccionados á gastronomia que somos os blogogastrónomos.

blogoxantanza tagged map by user - Tagzania

Se non se amosa o mapa dentro do blog, preme nesta ligazón para velo en Tagzania.

A elección de destino é por rigurosa votación na lista dos blogogastrónomos, co cal non deixa de reflectir os gustos da maioría. Ademáis eu aforro moitísimo en desplazamentos, posto que case todos me quedan perto da casa ;-).
Pero sendo autocrítico, hai algunhas cousas que chaman a miña atención:

  1. A terceira parte dos restaurantes (de momento é doado facer contas ;-)), están situados na provincia de Pontevedra, e con centro na capital, sin que ningún deles estea na mesma, cando a maioría de votantes residen na provincia da Coruña.
  2. Todos están no eixo atlántico.
  3. Todos pertencen a nove (si ben é certo que cando comezamos a nosa andaina hai un ano, aínda non formaba parte do grupo. Actualización: Xa non son todos do grupo Nove ;-).

Non quero buscar pantasmas, cal Iker Jiménez gastronómico, pero sabendo que o segundo clasificado desta última votación pertence á mesma zona, algo me dí que para a xantanza do inverno deberiamos diversificar os restaurantes que eliximos...

Chuzame! chuzame -

7 responses so far

Next »

Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Blog sen Fume