Cogomelos e viños galegos en A Estación de Cambre

– Sabes que me contou o Gourmet?
– Dime.
– Que os de A Estación elixiron Moraima nun menú degustación de cogomelos maridado con viños galegos.
– Pois haberá que ir.

Máis ou menos foi así como decidimos facer a hora e cuarto que separa Pontevedra de Cambre para celebrar a primeira nova deste tipo que tiñamos. Como é lóxico, a moraiminha facíalle moita ilusión que o seu viño formase parte dun menú de maridaxe, e coma eu toleo cos cogomelos, parecía que non había xeito de fuxir desta cita ineludíbel.

Baixo estas letras, os catro interfectos, dos que vou evitar pronunciarme sobre eles, porque non me parece que vaia ser o suficientemente obxectivo.


E unha vez presentados todos os implicados, comezo o percorrido visual polo menú das xornadas gastronómicas de cogomelos 2008 preparado por Beatriz Sotelo e Xoán Crujeiras.

Parece que non podía ser doutro xeito. Estando na Estación sempre hai algún tipo de coctel ou combinado, e nesta ocasión abría o recital un fantástico Portonic.

Tan bo estaba que  case non chegou para acompañar aos aperitivos, que en primeiro lugar foi un Aceite de cogomelos (penso que o sabor era a algún tipo de Boletus), con sal de 5 bagas e maldon, que xunto ao pan de bola, simplemente desaparaceu.


Seguimos con outro petisco do que esquecín o nome, pero no que contrastaba a neutralidade das croquetas cúbicas, que se supoñian de cogomelos pero onde o se sabor quedaba bastante tapado polo da  bechamel, cos saborosísimos emparedados da esquerda.


E aquí comezou o xantar a serio. Agromou o primeiro viño, Terra Minei 2007 da D.O. Ribeiro, para acompañar o Ovo de curral con pisto de lactarius deliciosus (setas piñeiras) crema de pataca e aceite de chourizo. Sen palabras.

Continuamos coa Vieira asada con sésamo, e boletus edulis confitados, que por se non fora suficiente ía acompañado cun aceite de tomates secos (e pensamos que alfábega), que quen mo dera agora cunha boliña de pan.

Presentouse o Moraima 2006 da D.O. Rías Baixas, para acompañar o prato principal de peixe. Un xeitosísimo Lombo de bacallao (rebozado en cogomelos) con crema de coliflor e trompetas dos mortos, un prato que nos acercaba á, xa próxima, gastronomía do nadal (en certa tenda de cousas de casa, xa é nadal dende mediados de outubro, así que debe quedar pouco).

O Lalama 2005 da D.O. Ribeira Sacra, que descubrimos na II Xantanza, reapareceu para o prato principal de carne demostrando que non é preciso ir procurar tintos potentes e con corpo fora da terra, para acompañar pratos de carne coma este pombiño en dúas coccións con ravioli e cogomelos cultivados. Moi ben me soubo esa modesta pataquiña asada.


A sorpresa deste prato estaba á dereita, agochado trala peituga, baixo o nome de ravioli, un pequeno canelón que coma nos comentou Beatriz antes de despedirnos, estaba inspirado no que a convertiu en Cociñeiro do ano 2008, e este a súa vez no canelón de polo piñeiro que tomaramos naquela entrañable III Xantanza.

Quedaba espazo agora para un esperadísimo Tostado de Costeira 2005, do que tamén sobran as palabras, e que acompañaba a copa de requeixo da capela con compota de cantharellus cibarius e laranxa, con azucre moscovado. Para comer dende o fondo cara arriba e non deixar nadiña.


Finalmente uns bicos de chocolate, acompañaron un café para apousentar estómago e ideas antes de emprender o camiño de volta á casa, cun sorriso de orella a orella.


Ata agora A Estación era o lugar onde vira a mesa máis bonita da miña vida. Non quero que se tome a mal, porque os pratos que tomamos naquela III Xantanza foron magníficos, pero os centros con rosas e pementos, xunto aos pétalos deitados por aquela mesa cadrada de 4 comensais por lado, é unha imaxe indeleble que irá asociada con esa vella estación do camiño de ferro de Cambre para sempre. Claro que agora teño outra imaxe cun M que se amalgama ca anterior.

Non quero deixar atras esta nota curiosa. Perto da nosa mesa, outros comensais pedían dous pratos de peixe acompañados cun Rioja crianza, e aínda que sobre gustos non hai nada escrito, parece que enterrar un finísimo peixe sapo baixo un viño desas características é, cando menos, un atentado. Dende o meu modesto punto de vista, situacións como esta son as que aínda lle dan máis importancia a iniciativas coma este menú maridado, onde se funden unha parte de información (e ata formación), ao tempo que se poñen en valor os nosos viños.

Publicado en Gastronomía,moraima,Restaurantes | 4 Comentarios

Caótico Makeijan. Familia, TV, Barro e Moraima

Cando se fala de globalización, comunicacións e estas cousas, tendo a pensar en teléfonos satélite, VPN, e en xeral cousas prácticas, pero non cotiás. A raiz dunha recente cea na casa dos meus pais, cuns familiares arxentinos, cambiei de idea. Ela sigue en Argentina e el está vivindo e traballando aquí. Lía contounos que a nai estaba colgada da GTV América, tanto é así que ata viu a un tío meu e ninguén da familia tiña nin idea de que fora á tele. Alguén que vive a miles de km sabe máis dun familiar común que vive a 5 km da miña casa.

Hernán, pola súa banda, tivo unha experiencia máis surrealista. Ó rematar un partido de futbol colleu o teléfono e tiña varias chamadas perdidas da nai. Loxicamente preocupouse, chamou de volta, e todo o problema era que a miles de kilómetros en Buenos Aires, a nai vira pola televisión, un accidente de tráfico no que morrera un rapaz da mesma idade en Vilaboa. Hernán alleo a esta situación, estaba só a uns poucos kilómetros. Non é abraiante?

Logo ven o da tele. Unha mañá perdida gravando imaxes, para ocupar un minuto nun reportaxe que non chega a catro, e por riba, realizando dúas tomas, unha castelán e outra en galego, para que na emisión en galego, usaran a entrevista en castelán.
Aquí tedes a reportaxe sobre o Concello de Barro, que emitiu Desde Galicia para o mundo na TVG. O máis importante por suposto son os segundos que falan de Adega Moraima.

Seica Desde Galicia para el mundo a versión en castelán do programa é máis longa pero non sei onde a emiten…

[kml_flashembed movie="http://youtube.com/v/7sFhjfnVpmo" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Se alguén ten interese en saber onde quedan os lugares dos que se fala na reportaxe, que bote unha ollada a este pequeno mapa de Tagzania.


barro tagged map by user – Tagzania

Mañá sábado, estaremos na Feira Franca, concretamente poderedes atoparnos aquí se queredes vir probar o viño de Moraiminha ;-). Sabedes que a uva albariña trouxeronna os monxes de Cluny ao mosteiro de Armenteira no século XII?. Lino na wikipedia.
Máis desorde e cambios de tema, nunha anotacións completamente deslabazada. ¡Viva el mal! ¡Viva el capital!, que dicía a Bruja Avería.

Será unha entrada o suficientemente caótica? Seguro que non tanto coma a película de Julio Medem.

Publicado en Batallas,moraima,Persoal | 1 Comentario

Moraima nos medios

Mentres ando a desfrutar dunhas breves e merecidas ferias, volto novamente a falar do Albariño Moraima. Nesta ocasión para facer unha pequena escolma do aparecido nos medios sobre esta nova bodega. É unha cuestión máis sentimental que outra cousa. Dentro dun tempo será fermoso lembrar estes momentos de incertidume, e ter un lugar onde recopilar os primeiros pasos nos medios de comunicación.

Prensa

As primeiras capturas das novas nos xornais. La Voz de Galicia, Faro de Vigo e Diario de Pontevedra, escribiron sobre a inauguración da adega.

Prensa especializada

Comentario de El placer de beber na revista Epicur do mes de decembro do 2007.



Televisión

Reportaxe sobre Viña Moraima emitido no apartado O Agro do programa A Revista da TVG, o 17 de xullo de 2007.

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/AKIOaCfL8SU" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Extracto do reportaxe sobre Barro emitido en Desde Galicia para o mundo da TVG, o 26 de agosto de 2007, no que se menciona Viña Moraima.

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/DnaK7sApIjw" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Internet

Vou salientar as tres primeiras mencións, e deixar que google remate o traballo. Así quedará constancia dos precursores, e seguirá a actualizarse a información.

Patrocinios

Moraima é un dos patrocinadores da 10ª Regata de Cruceros do Real Club de Mar de Aguete.

Outra información

Dosier de prensa de Viña Moraima:

Radio

De paso tiña ganas de probar a insertar audio (podcast), nunha anotación, e esta é unha magnífica ocasión porque dispoño da entrevista que lle fixeron a Salomé Cancela en Radio Galicia Cadena SER. O programa: Arroz con Chicharos, dirixido e presentado polos noso compañeiro blogogastrónomo Miguel Vila, e que foi emitido o 3 de xuño de 2007.

É a miña primeira experiencia e non domino o plugin, pero penso que haberá que premer nalgún botón dos que aparecen polo pe da anotación.

Publicado en Actualidade,Gastronomía,moraima,Persoal | Comentarios cerrados