Non se trata da superficie dunha lúa de Saturno, senon do prezo dunha magnífica bola de pan de Lalín marcada con bolígrafo. Un método do século XX que perdura nos nosos días.
No tempo dos códigos de barras, chips RFID, bandas magnéticas e demais medios de marcado, aínda aparecen sorpresas como esta, que abren unha chea de interrogantes: será comestible a tinta? Cumplirá a lexislación en materia de sanidade?
Respostas que escapan dos meus coñecementos, o que si podo afirmar é que o pan era doutro planeta.
Os Blogastrónomos temos un aquel de tentar innovar en gastronomía. A nosa última aventura foi a cata de gasosas celebrada hai escasa horas na enoteca Bagos en Pontevedra.
Entre os seis asistentes xuntamos unha nada desprezable cantidade de bebidas carbonatadas producidas na nosa terra. Entre elas, por citar algunhas estaban: Xiada, Feijoo, El Pombal, La Pitusa, Nieto, Espiña, Pousada, Lareva, Xenio, etc. e así ata 15 envases diferentes. A continuación unha instantánea do que alí se xuntou.
Nesta segunda imaxe amosamos os representantes do segmento máis alto. Con envase de vidro e mesmo precinto de garantía nos exemplares máis senlleiros.
O certo é que detallar unha cata tan ampla, e con tantas mostras sería unha ardua tarefa, por iso quero agradecer a Magago e Sole a idea de gravar en video os momentos máis significativos, de xeito que quede constancia e mesmo, porqué non dicilo, como unha guía para que calquera afeccionado se inicie neste apaixoante mundo das burbullas.
Tras o visionado do mesmo quédalle a un a sensación de que hai produto, e que quizais falte un pequeno pulo para posicionalo no lugar que lle corresponde. Déixoo caer para abrir o debate: Por qué non unha D.O. Gasosa de Galicia?
Actualización: Obviamente trátase dunha pequena farsa montada para o día de onte. Certo é que debería ter sido o 1 de abril, pero como a idea xurdiu na última xantanza decidimos facela desta volta.
Agradecémoslle a Fernando e Adrián do Bagos que se prestaran a seguirnos o xogo. Non vaiades na procura de gasosas alí porqué non ás atoparedes, como tampouco cervexa e outras bebidas que non sexa estrictamente un amplo abano de viños, e unhas magníficas tapas para acompañalos. Supoño que haberá que facerlles unha entrada para compensalos...
Toda unha estratexia. Mentres os cataláns andan enleados coas súas consultas pro-independencia, os vascos ca resaca do plan Ibarreche, e os españois pendentes de todos estes movementos, dende Vimianzo, unha vaga avanzará paseniña convertendo toda a península ibérica en galega.
É un segredo. Non se vaian enterar os de Galicia Bilingüe ;-).
Asitir a un festival dende o backstage. Eis unha vella arela feita realidade. Non foi ningún dos que visitei os últimos anos: Primavera Sound, FIB, Summercase, LolaPop, Sonorama, DoloRock... Tampouco as bandas eran coñecidas, nin atopei ningún famoso. Alcohol e drogas non faltaron, pero non eran para min. Non me importou...
Teño dous novos amigos: Antonius e Gulliver. Sonche cousas derivadas do meu futuro cambio de estado. Aínda que me caen ben, son un pouco cansinos e cando zafo deles, procuro ir mergullarme. Por mor da miña teima de almacenar a información en liña, petei con dilogs.com, unha rede social para mergulladores, onde, entre outras cousas, pódense gardar e partillar as túas inmersións, planear os vindeiros lugares a visitar, procurando centros e os fondos que visitan, o seu estado metereolóxico, así como información e valoracións dos mesmos. Case perfecto.
E digo case, porque aínda que estaba xa en varias linguas, faltaba a miña. Adiqueille unhas horiñas, e problema resolto. Velaquí a versión galega de dilogs, que como se pode ver neste anuncio xa é oficial. Coma sempre agradécese calquera notificación de erros. Xa levo corrixidos uns cantos nestes días, pero sempre quedan atrás cousas.
Se che interesa botarlle un ollo a como queda a cousa, unha capturiña, de como se ven os meus mergullos, mais o mellor é que te deas de alta e probes ti mesmo como funciona.
Hoxe andiven polo Cabo Udra, na Ría de Pontevedra, e vin a nai de todas as centolas, que acobillada perto dunha fenda, evitaba as nasas esparexidas polo fondo.
Tamén pasei por Yayo Daporta ao que non voltaba dende a primeira xantanza, para comprobar que segue en forma, voltei á Casa dos Martínez a probar ese cava do que tanto fachendea e outras historias que quedarán na lista de rascuños, por quen sabe canto tempo...