Archive for the 'Batallas' Category

Feb 18 2008

Dicen que esto es fácil…

Se fose unha persoa culta, utilizaría citas de vetustos escritores, filósofos ou políticos. Se fose unha persoa culta... non sería eu, por iso uns humoristas aos que admiro como Faemino y Cansado me sirven para admitir unha nova derrota contra o reloxo. Catro anotacións nun día, con 48 horas de retraso, e aínda nin comentei a tarde o primeiro día do fórum... Quédame a Cata de augardentes de Galicia, a Lamprea do Chef Rivera... ata o momento o que máis me gustou do Forum, o Grupo Nove de Festa con Pista Catro, o I Concurso de Pulpeiras e os Cogumelos con Pedro Roca. O día 2 sen comezar, e no intre no que se publique isto, comeza a tarde dos blogs de 16 a 20 h, evento tras evento...

As cociñas do atlántico. FGS 08


Ía dimitir, pero como aquí non hai tradición... non vou ser menos. Xa irán vindo as historias. O tempo en internet é relativo...

Chuzame! chuzame -

No responses yet

Feb 14 2008

De polbo e pulpeiras

Coido que xa contei en varias ocasións, (e se non foi así agora o conto) que a miña nai é cociñeira. A última vez que visitamos o restaurante no que traballa, tratáronnos espectacularmente (como non podía ser doutro xeito) , pero houbo unha cousa que non tería tomado de ningunha maneira: o polbo.

Esa triscante sensación dun polbo con consistencia, con corpo, parece estar en perigo de extinción. E non falo dunha textura buscada a conciencia, con tratamentos e preparacións especiais das que teño oido falar, aínda que non as probei, teño que recoñecer, pero que non dubido sexan novas saídas para este cefalópodo. Refírome a animaliños cheos de estar a cocer, de ser requentados varias veces, da sensación dun moco coa pel despegada. Pensar nisto e quentarme é so un.

Como non podía ser doutro xeito, díxenllo á miña nai, e ela defendeuse explicándonos que continuamente devolvían preparacións á cociña, por estar duro. Duro? É que non teñen dentes?. Pensan que é unha pescada ou rabada? Outra vez me quento.

Para finalizar o compañeiro da miña nai, comenta que a xente pide carne ao punto, e logo a manda de volta dicindo que está crúa. Crúa? Se non saben que é ao punto, ou directamente se non saben comer carne, que non a pidan.

E agora a reflexión: quen ten razón? O cociñeiro ou o comensal? Debe o un aprenderlle ao outro como comer? Non hai unha resposta única, mais en cousas tan obvias coma estas para min si o é.

Tamén esta o de polbo e polbeiras, pulpo e pulpeiras, pero hoxe non toca. Ata poderiamos falar de porque case todas son pulpeiras e no pulpeiros...

Relaxación. Isto é o que necesito. Lémbrarme dunha boa tapa en Casa Fidel O Pulpeiro, coma o da foto. Dende hai anos só o tomo feito por unha profesional...

Polbo á feira de Casa Fidel
Qué cor! Alimenta só de velo...

Toda esta historia ben a conto de que pasado mañá 16 de febreiro, Moraiminha vai participar como xurado no I Concurso de Pulpeiras que se vai celebrar no Forum Gastronómico de Santiago.
Alí estará rodeada de Marcelo Tejedor, Mercedes Rodríguez, Xurxo Fernández, Pep Palau e Miguel Vila, co que de seguro desfrutaremos dunha interesante lectura dominical, coa súa experiencia...

Chuzame! chuzame -

3 responses so far

Xan 30 2008

Feiraco Forever

Published by moraiminha under Batallas, Persoal

Uns máis outros menos, todos estamos afeitos a baduar contra calquera produto ou servizo que non funciona ou co que temos algún problema; pero o que non facemos tan acotío é falar ben cando as cousas si son como deberían. Máis ou menos, isto foi o que me pasou con Feiraco:

Hai uns días, cando me atopaba abrindo un cartón de leite para o almorzo, non sei que pasou que me manquei no pulgar da man dereita, que empezou a sangrar dun xeito bastante escandaloso. E cabreeime, porque aínda que xa tiveramos problemas co sistema de apertura noutras ocasións, seguimos a mercar este leite por iso de que se trata dun produto galego, e as cousas no campo non son fáciles precisamente; así que collín folgos, desenrosquei a tapa, e tirei do anel de plástico que supostamente abre o paquete. Non sei que fixen, pero o meu dedo empezou a sangrar.

Así que o primeiro que fixen ó chegar ó traballo foi buscar o enderezo electrónico de Feiraco, enviarlles unha mensaxe mostrando o meu enfado polo percance, e, moi digna, rematar afirmando que acababan de perder un cliente.

Con certa sorpresa (agradábel, por certo) recibín ó día seguinte contestación á miña queixa. Na resposta comezaban pedindo disculpas polo incidente, e pasaban a explicarme que o selado do slim-clap, que é como se chama o sistema de peche en cuestión, lles estaba a dar algúns problemas que intentaban detectar co control de calidade posterior, pero que iso non sempre funcionaba, polo que estaban a intentar solucionalo co cambio de parte da maquinaria. Tamén me dicían que, a modo de disculpa, me enviarían unha caixa de leite á miña casa.

Contestei, como non podía ser doutro xeito, aceptando as disculpas, e agradecendo a contestación á miña queixa. Tal como funcionan algúns servizos post-venta, unha atenta disculpa (que outra cousa quería eu, senon que me escoitasen?) e unha explicación é todo o que na maioría dos casos necesita o cliente.

Entablada xa unha certa relación co Sr. Feiraco (así dei en chamar ó meu interlocutor), este voltou a responder ó meu correo, preguntándome se tiña algún outro paquete de leite que mercara xunto có do incidente, e se sería posíbel que llo remitise (a portes debidos, por suposto) xa que así poderían examinar o fallo do sistema e tratar de mellorar o produto. Quedamos, pois, en facer o trueque: eu lles enviaba os bricks presumibelmente defectuosos, e eles me mandaban outros para sustituilos.
feiraco brick leite

Mandeilles o meu número de teléfono móbil, e cal non foi a miña sorpresa cando, ó pouco, me estaba chamando quen se identificou como Director de Marketing de Feiraco! Falamos un bo pouco, voltou a pedirme disculpas, eu agradecín de novo a súa atención, e quedamos en que un par de días despois fariamos o cambio do que antes falaba, para o cal alguén pasaría pola miña casa para que eu non tivese que molestarme máis do preciso. Tal como quedaramos, dous días despois, esta misma persoa se puxo de novo en contacto conmigo para quedar para dicirme que esa tarde viría alguén, probabelmente o delegado de zona a visitarme.

A miña sorpresa foi maiúscula cando, esa tarde, apenas unha semana despois da miña queixa, o delegado de zona e o Sr. Feiraco (en realidade, o Director de Marketing, como xa dixen) timbraban á miña porta cos paquetes de leite que vedes na foto. Falamos durante case unha hora (como diría un amigo enxeñeiro, dous recursos para unha sóa tarefa!), non só do que lles traía alí senón, como podedes supoñer, de moitas outras cousas relacionadas co consumo, coa atención ó cliente, o control de calidade, o prezo do leite, algunha que outra lenda urbana que circula sobre os cartóns de leite, e non sei cantas cousas máis.

O que si sei, é que a min o Sr. Feiraco tenme gañada de por vida.

Chuzame! chuzame -

9 responses so far

Xan 12 2008

De críticos e blogogastrónomos

Estes días que andiven de viaxe, comezou unha pequena polémica no blog Salsa de Chiles. Non é o obxeto deste comentario opinar sobre ela, senon reflexionar sobre outro artigo, que casualmente está relacionado.

No avión de Paris a Praha, tiveron o detalle de ofrecernos un xornal para facer o desplazamento máis levadeiro, e dado que o meu dominio do Checo é certamente limitado, escollín The Prague Post. A nosa anterior visita aínda estaba recente, e tiñamos tempo abondo para revisitar algúns lugares senlleiros, e desfrutar da gastronomía local con tranquilidade. Calquera información é boa si se é tan listo, como para non preparar minimamente a viaxe e por riba desbota a opción de adquirir unha guía como referencia, co cal un xornal que ten coma un cuarto dos seus contidos relacionados coa gastronomía, pareceron como caídos do ceo.

Entre recomendacións de restaurantes e locales de moda, había dous interesantes artigos dun tal Dave Faries que chamaron a miña atención. Tiña intención de dixitalizalos, mais afortunadamente os contidos son accesibles en liña.

Un deles, titulado Rumors of Stars, fala David Faries - The Prague Postda posibilidade de que apareza a primeira estrela Michelín na capital checa aínda, que non queda claro se está realmente preparada para iso. Voltarei facer referencia a este artigo en vindeiras entradas.

O outro, Of knife and Pen, relata a rutina dun crítico gastronómico e as normas que se autoimpón no seu traballo. Extracto e traduzo libremente as mesmas:

  • Evitar distraccións previas á comida.
  • Visitar polo menos tres veces o restaurante.
  • Tomar notas xusto despois da visita.
  • Non reservar previamente.
  • Non identificarse ante o maitre.
  • Non aceptar invitacións, nin propiciar malentendidos con ninguén do sector. En definitiva, manter a neutralidade.
  • Lembrarse sempre de que non se é máis cun empregado que pasa os seus gastos ao fin da semana.

Eu non son crítico gastronómico. Tampouco teño un blog sobre o tema, só un apartado del adicado a esta afección, pero hai puntos desta relación cos que coincido e parecen de sentido común, e outras que nos diferencian; por criterio, como por exemplo, non reservar, que eu sustituiría por facelo con pseudónimos; ou por ocupación, xa que teño que pago todos os meus xantares e ceas, o cal me leva a optar por locales que descoñezo, antes de visitar varias veces o mesmo restaurante.

Dito isto, aí quedan as miñas opinións... Si che gustan ben... senon: Alt+F4

Chuzame! chuzame -

3 responses so far

Dec 31 2007

Feliz ano novo…. checo

Dende hai uns anos, estas datas teñen un novo estímulo: As VÁNOČNÍ CUKROVÍ. Como védes está pegado tal cual , maíusculas incluidas, porque o checo é doado de falar pero escribilo é outra cousa ;-). Este conxunto de letras con tiles significa Doces de Nadal, e era un dos alicientes das visitas de Óscar e Saša. Esta sobremesa é o equivalente ao turrón de por aquí, pero coa vantaxe de que estas son caseiras, feitas pola nai de Saša, que me ten que disculpar pero non lembro o seu nome. Hainas de nata, xenxibre, coco, chocolate... un amplo surtido.
VÁNOČNÍ CUKROVÍ

Teño a receita dalgunha delas enterrada no fondo do correo, e se alguén ten interese podo publicala á volta, porque o que fai diferente este ano é que este nadal a parella en cuestión decidiu visitar Cuba en decembro, co que non nos quedou outra que ir na procura das galletas ata a súa residencia de Praha. Se todo vai ben, á hora de publicación coíncidirá co noso despegue de Peinador.

E cando esteades a prepararvos para tomar as uvas, lembrádevos do frío que imos pasar. Coma o link é dinámico, dentro dunha semana xa non terá sentido por iso engado esta captura explicativa do que é frío. Xa sei que 0C é unha boa temperatura; nin frío, nin calor, mais -10C e sensación térmica de -24C é moito ata para un conxelador de 4 estrelas.

Cando menos non terei que visitar ao meu ciruxán plástico nunha tempada, por iso da conservación, e agardo non gastarme moito porque o comezo do ano vai ser apretado con algunhas actividades
interesantes (si, tamén estresantes).

A todos, lectores habituáis (algún haberá digo eu), visitantes de paso (chegados de buscadores en pos de algo que non van atopar aquí), e outras herbas (familia, amigos, etc) coas que teño contacto por mail, e de cando en cando premen na sinatura para saber que é iso de Outra Vaca No Millo Another Cow In The Corn, e ter algunha nova de min:

Feliz Aninovo

Feliz Año Nuevo

Happy New Year 

Chuzame! chuzame -

No responses yet

« Prev - Next »

Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Blog sen Fume