XIII Xantanza. Acompáñanos pola Illa de Ons

Queredes pasar unha xornada na Illa de Ons, degustando un menú tradicional e acompañando aos blogastrónomos?

Mapa da Illa de Ons
A continuación as repostas a todas as dúbidas que vos asaltan:

  • Que imos facer:
    1. Desprazarnos ata á Illa de Ons (Parque Nacional Illas Atlánticas)
    2. Durante o traxecto degustación de produtos de Finca do Corvo a cargo do cociñeiro Javi Olleros (Culler de Pau – O Grove).
    3. Visita pola illa.
    4. Xantar tradicional
  • Cando: O vindeiro sábado 30 de outubro. Saída ás 10:30 h retorno ás 18:30 h.
  • Como: En barco (pensamos no paracaídas pero igual non caiamos todos dentro da illa :-P).
  • Onde: Sairemos do Porto de Bueu
  • Porqué: Unha xornada coma esta merece ser compartida con máis xente.
  • Prezo: 55 € + Viño

Para acompañarnos, tes que cumplir estes estritos requisitos:

  1. Ser amigo da páxina facebook dos blogastrónomos.
  2. Responder a esta mensaxe indicando que queres acompañarnos (por favor, só unha resposta por persoa)
  3. Levar fame e gañas de pasalo ben :-)

No caso de que o número de apuntados supere a nosa capacidade organizativa, verémonos na obriga de realizar un sorteo.

O menú tradicional con:

  • Polbo
  • Percebes
  • Empanada de zamburiñas
  • Cocido con bolos do pote
  • Empanada de mazá
  • Bandullo

Quen quere vir?

Publicado en Actualidade,Eventos,Gastronomía,Xantanzas BGG | 1 Comentario

Os BloGastrónomos Galegos xa estamos no facebook!

Non era sen tempo…

Pode pensar algún…

Non vivimos disto….

Penso eu…
O feito é que xa está e estades todos convidados a pasar polo noso recuncho e tomarlle algo…

BGG Blogogastrónomos

Xa sabedes…

Publicado en Actualidade,Eventos,Gastronomía | Comentarios cerrados

Chimpar polo aire

Onte lembrábamo a miña nai:

De cativo querías ser paracaidista.

É certo, pero tamén lembro as miñas ansias por ser astronauta, bombeiro e mecánico entre outras, e malamente sei trocar unha roda.
Xa me pasou o tempo para algunha das miñas vellas arelas. Afortunadamente, non para outras.



A pasada semana, acercámonos ata o Aeródromo de Palmeira (Braga), onde desfrutei do meu primeiro salto tandem en paracaídas da man do Paraclub GalsurSkydive Braga , e non quero deixar pasar a oportunidade de recomendárvolo.
Nesta modalidade non precisas ter ningunha experiencia previa. Só tes que cumplir uns requisitos básicos: pesar menos de 100 kg; non terse mergullado nas últimas 48 h; non ter problemas médicos, etc (consultar antes de contratar), recibes unha pequena formación do que debes e non debes facer, e o máis importante:  sempre, sempre… sorrir ( para saír ben nas fotos).

O prezo do Salto Tandem con vídeo é de 250 € e 25 € máis se estás interesado nas fotos. Para os acompañantes hai un bar no mesmo aeródromo onde petiscar algo, e se vos fixades no mapa, o aeródromo está dentro dun circuíto de velocidade e un de karts na beiriña.

Se despois de ler isto tes algunha inquedanza, non vexas o vídeo ou quererás arrancar cara a Braga.

Salto tandem en paracaídas from makeijan on Vimeo.

E sí, xa estou a pensar cando vou dar outro chimpo…

Publicado en Persoal | 4 Comentarios

Os prezos no século XXI

Non se trata da superficie dunha lúa de Saturno, senon do prezo dunha magnífica bola de pan de Lalín  marcada con bolígrafo. Un método do século XX que perdura nos nosos días.

No tempo dos códigos de barras, chips RFID, bandas magnéticas e demais medios de marcado, aínda  aparecen sorpresas como esta, que abren unha chea de interrogantes: será comestible a tinta? Cumplirá a lexislación en materia de sanidade?

Respostas que escapan dos meus coñecementos, o que si podo afirmar é que o pan era doutro planeta.



Publicado en Gastronomía,Intres,Persoal | 2 Comentarios

Un novo fito na historia dos BGG: A primeira cata de Gasosas

Os Blogastrónomos temos un aquel de tentar innovar en gastronomía. A nosa última aventura foi a cata de gasosas celebrada hai escasa horas na enoteca  Bagos en Pontevedra.

Entre os seis asistentes xuntamos unha nada desprezable cantidade de bebidas carbonatadas producidas na nosa terra. Entre elas, por citar algunhas estaban: Xiada, Feijoo, El Pombal, La Pitusa, Nieto, Espiña, Pousada, Lareva, Xenio, etc.  e así ata 15 envases diferentes. A continuación unha instantánea do que alí se xuntou.

Escolma de gasosas utilizadas na cata

Nesta segunda imaxe amosamos os representantes do segmento máis alto. Con envase de vidro e mesmo precinto de garantía nos exemplares máis senlleiros.

gasosa-1

O certo é que detallar unha cata tan ampla, e con tantas mostras  sería unha ardua tarefa, por iso quero agradecer a Magago e Sole a idea de gravar en video os momentos máis significativos, de xeito que quede constancia e mesmo, porqué non dicilo, como unha guía para que calquera afeccionado se inicie neste apaixoante mundo das burbullas.

Tras o visionado do mesmo quédalle a un a sensación de que hai produto, e que quizais falte un pequeno pulo para posicionalo no lugar que lle corresponde. Déixoo caer para abrir o debate: Por qué non unha D.O. Gasosa de Galicia?

Outras visións: Capítulo 0, Laconada, La caja de los hilos, O Viticólogo e De Pinchos.


Actualización: Obviamente trátase dunha pequena farsa montada para o día de onte. Certo é que debería ter sido o 1 de abril, pero como a idea xurdiu na última xantanza decidimos facela desta volta.

Agradecémoslle a Fernando e Adrián do Bagos que se prestaran a seguirnos o xogo. Non vaiades na procura de gasosas alí porqué non ás atoparedes, como tampouco cervexa e outras bebidas que non sexa estrictamente un amplo abano de viños, e unhas magníficas tapas para acompañalos. Supoño que haberá que facerlles unha entrada para compensalos…

Publicado en Batallas,Eventos,Gastronomía | Comentarios cerrados