Villafáfila – Viaxe 2007.2 (IV)

Con Feli e as nenas, saímos cara o Centro de interpretación de Las laguna de Villafáfila a atoparnos con Fernando, garda das lagoas. Mala época, con poucos animais, pero afortunadamente o GPS decidiu enviarnos polo camiño máis curto (que non máis rápido) e collemos unha estrada cortada e sen asfaltar, que nos acercou a unha avetarda, paxaro estrela da reserva.

villafafila-avutarda.jpg

No mesmo traxecto coincidimos cunha garza, algún cernícalo e moitas cigoñas.

Xantamos no Mesón Las Lagunas en Villafáfila. Comida caseira e sen pretensións. Servizo rápido e atento. Descoñemos o prezo, pois invitou Fernando, pero é unha boa opción para xantar se visitas á Lagoa.

villafafila-zamora

Despois unha pequena visita ao centro de interpretación, aberto fai non moito, cunha pequena exposición da fauna e flora da reserva, e vídeo sobre os cambios durante o ano na lagoa. Moitas actividades interactivas fano un entretemento apetecible para os máis novos.

Posteriormente un paseo polo exterior, onde unha lagoa artificial flanqueada por varios miradoiros, permite observar parte da fauna (patos azulóns, gansos e fochas sobre todo) de perto e armado cuns prismáticos ou un cámara cun potente zoom conseguirás mergullarte entre eles.

Fora do recinto do centro, dende o miradoiro máis alonxado, asistimos a unhas curiosas carreiras de coellos chimpando dun lado ó outro pola antiga praza de touros de Villafáfila, baixo a atenta mirada dun moucho, todos eles alleos á nosa presenza.

Máis imaxes, como de costume, no seu álbum.

Publicado en Castilla-León,Persoal,Viaxes | 2 Comentarios

De castelos por Castela. Viaxe 2007.2 (III)

Deixarse caer nos brazos de Dioniso é toda unha tentación. Se o combinas cun pouco de cultura, estarás no camiño da perfecta viaxe. Eis comezou a nosa pequena procura de pedras vellas.


Valladolid e Castelo tagged map by user – Tagzania

O roteiro dos castelos de Valladolid, inclue máis dunha ducia destas fortalezas medievais en distintos estados de conservación, das cales só visitamos as tres que amosa o mapa.

Desviarse 1 km para voltar 25 anos atrás non ten prezo. Así me sentín cando vin as formas do Castelo de Villalonso, o primeiro que visitamos, alumeado polos inclinados raios do solpor. Era como voltar a estar na alfombra da habitación, montando o meu pequeno Exín Castillos. Tal como se ve na foto, estabamos no medio dunha eira de trigo colleitado. Atravesándoa a andar, para atallar, demos unha volta ao seu redor, e descubrimos un depósito de auga que afeaba a estampa, ademáis dunha curiosa utilización dos seus vellos muros. Un Frontón.
Castillo_Villalonso-Valladolid-2007-02.jpg

A continuación visitamos o Castillo de los Téllez de Meneses en Tiedra nun estado bastante lamentable, pero transmitindo, aínda, respeto dende o alto dun outeiro. Finalizando o mini tour acercámonos deica o Castillo de los Enríquez en Torrelobatón, cunha impresionante presenza, recentemente rehabilitado, e do que non puidemos ver o interior.

Chamoume atención a utilización destes edificios como silos e pombáis. Curiosos usos lles deparou a historia a quen en tempos mellores albergou nobres, soldados e servos, presenciaría batallas e quen sabe que máis…

Para os interesados deixo máis imaxes no seu album.

Publicado en Castilla-León,Persoal,Viaxes | 3 Comentarios

Restaurante Lera. Viaxe 2007.2 (II) – Toro

Desvelada a incognita: xantar no Lera foi o causante do noso paso por Toro. En realidade, resultou unha afortunada segunda escolla, dado que o plan era visitar novamente o Empalme, pero unha semana antes xa non tiñan mesas libres. Curiosamente atopei a entrevista que lle fixeron a Gloria Lucía Martín nun xornal que casualmente lin no noso paso por Palencia uns días despois, e da que recomendo lectura.

Voltando ao fío, o Restaurante Lera foi a primeira estrela Michelín de Castilla-León, e tamén primeira da nosa viaxe. Atópase na zona vella toresana nun edificio de pedra do século XV, á beira do arco do reloxo. Entramos nun dos comedores tras baixar uns poucos chanzos. Trátase dun semisótano onde combinan os muros de pedra cunha parede sobre a que se reproduce en grandes letras vermellas un texto de Leonardo da Vinci. Cunha aparente aleatoriedade, unhas ornacinas interrompen a lectura para amosar botellas de viño da D.O. Toro. Á súa beira nos sentamos, e comezamos coa revisión das cartas.

Non había ninguén no comedor que pedira un menú degustación ao que somos tan afeccionados. Isto fixo que Moraiminha dubidara si sería unha boa elección, pero a miña convicción de que o propio cociñeiro é o máis indicado para recomendarnos cales son as súas virtudes, gañou a partida. A carta de viños representaba amplamente a denominación de orixe local, cun pequeno espazo para outras referencias.

O noso primeiro disgusto foi comprobar que se podía fumar. Afortunadamente para nós, non o fixeron nas mesas inmediatas, o que xunto cunha eficiente renovación do aire, minimizou os danos.

Comezamos cunha oferta de diferentes tipos de pan: normal, branco, de aceite, de pasas e noces, de centeo, pode que algún máis que a memoria non sostén ata hoxe… O menú degustación (40 euros por persoa) estaba formado por oito pratos: aperitivo, catro primeiros, peixe, carne e dúas sobremesas.

  • O aperitivo da casa foille ofrecido a todos os comensales. Composto por un caldiño (no medio), e unha cecina de lengua e un rulo de perdiz espectaculares.


  • Foie de pichón. Sabroso inicio, aínda que o sabor do curry no chutney enmascarou o do mango, non tiña probado esta preaparación antes.
  • Escabeche de xabarín. Estabamos de sorte. Unha preparación clásica de caza. O escabeche lembrounos ao que facemos nós na casa, mais con coello.
  • Lentellas de pato. Seica dín por Castela que as lentellas son comida de pobres. Nós moi ricos non somos, pero soubemos apreciar este ennobrecemento da modesta legume con foie.
  • Ameixas. Sorprendentemente boas, preparadas á mariñeira con allo porro. Tal como despois lle comentaríamos a Luis Alberto Lera, mellores que en moitos restaurantes de renome de Galicia, aínda que non mellores que as que facemos nós na casiña (isto non llo dixemos).


  • Cazón, acompañado de verduriñas e trompetillas de la muerte (crathaerellus cornucoioides) deshidratadas. Do menos sobresaínte, directamente quedo coa guarnición.
  • Lebre. A estrela sen dúbida. Rechea de trufa, carne picada de porco e tenreira, un chorro de armagnac, e pode que algún ingredente máis que nos quedara atrás, e cociñada no forno a baixa temperatura de 8 a 10 horas. Indescriptible.
  • A primeira sobremesa xa sen fame foi o Capuchino: suave sabor a café, case imperceptible, crocante a galleta no fondo. Correcto.



  • Uvas con queixo… saben a beso. Un clásico revisitado. O camareiro non nos soubo explicar que era de cada queixo, pero penso que o deducimos ben. Xeado de queixo de cabra, crema de queixo de ovella, e escuma de queixo azul. A abundancia e potente sabor deste último enmascarou o sabor do resto. Gustoume a idea, pero fallou a execución neste punto.

Deixei para o final o viño deliberadamente. Seguindo unha recomendación accidental de Ricardo, eliximos un Liberalia Cuatro. 2003. Segundo a somelier , tratábase dun Toro suave, e non quedamos con gañas de probar un dos de verdade, demasiado corpo para nós. Días despoís, cando xa eliminara a D.O. da miña lista, convencéronme de que o erro foi comezar a bebelo sen comer nada, e unha vez probado o Finca Yerro, formará parte da nosa pequena adega particular, pero esta xa é outra historia.

Pero voltemos ao tema… Unha vez rematado o xantar, acercouse o cociñeiro a interesarse pola xantar. Non sabemos se foi polas fotos, ou porque fomos os únicos ese día en tomar o menú degustación. Como non podía ser doutro xeito, comentámoslle a nosa satisfacción polo xantar: a sorpresa que nos causaran as ameixas (rimos ó comentar como en todas partes se atopa quen estrague un bo producto, como podería ser o lechazo pola súa zona) e o espectacular que era a lebre, un dos seus pratos estrela, polo que puidemos deducir e comprobar. Neste momento, disculpouse por non ter falado con nós antes, pois nos tería posto algún prato máis de caza, vendo que nos gustaba, pero o local estaba completo, el tivera moito que facer na cociña e con máis carne non teriamos podido.
Aínda que o local resultou un tanto barulleiro (12 de outubro, festas no pobo…) comentaban os camareiros que se tiveran dous comedores ese día seguro que os enchían pola cantidade de xente que chegou sen reserva e non puido ser atendida. En definitiva, un dos mellores xantares das vacacións enogastronómicas, por pouco máis de 100 €, incluindo o viño e os cafés. E, como non, un aliciente máis para visitar Toro, que sempre paga a pena.

Finalmente, para quen guste dos detalles, o álbum de fotos do xantar.

Publicado en Castilla-León,Gastronomía,Persoal,Restaurantes,Viaxes | 1 Comentario

Viaxe 2007.2 (I) – Toro

Comezo así, un breve relato das miñas primeiras vacacións estrictamente enogastronómicas. Definitivamente morrerei pobre, porque en vez de aforrar para ter máis posesións e riquezas, sempre que podo procuro dar unha volta polo mundo, un exercicio que de ser recetado polos médicos aforraría moitas liortas neste mundo que nos toca vivir. Acostumo a visitar os lugares máis lonxanos que permite o meu peto, porque sempre penso que cos anos serei aínda máis preguiceiro. Na vindeira entrada saberedes que me levou alí, porque aínda que fermosa, a visita a Toro foi un pracer colateral.
castilla-leon.zip
Flotando sobre as rúas de cantos de río, pasamos por baixo do Arco do reloxo, do que se dí que a masa utilizada para a súa construcción foi feita con viño (de Toro, of course), e ao final da rúa aparece a Colexiata de Santa María la Mayor. Para visitala tivemos que sortear un mercado medieval, enmarcado nos actos da Festa da vendima, que por aquelas terras e outras que logo visitaremos é ben tarde se o comparamos coas que deixamos atrás.

No seu interior, realizamos un pequeño descanso coincidindo cuns minutos musicais. Variacións do Adagio de Albinioni e o Canon de Pachebel interpretadas nun escenario de excepción.

Detrás da colexiata atópase un miradoiro dende o que se pode ver unha boa extensión da ancha Castilla. Fugaces compañeiros de visita, salientaban a fermosura da vista, que sen ser desagradable, non me dicía moito. Saliento iso sí, a ponte romana (aínda que a denominación correcta sería románica), baixo a que pasa o Douro dende hai máis de 8 séculos.
castilla-leon.zipPero a pequena vila non ten só grandes edificios, o que sorprende é atopar. En calquera lugar atopas edificios singulares, e grandes portóns de madeira, vestixios dunha época na que a cidade debeu ter maior relevancia. Iso sí mágoa de coches. Presente por calquera lugar, un acostumado a peonalización pontevedresa, percátase da súa fortuna cando chega a lugares así.
castilla-leon.zip
Estou certo de que Toro da para máis e que nunha vindeira visita teremos que adicarlle máis tempo. Está nun bo sitio de paso para o resto da peninsula especialmente para quen coma min fuxe das maratonianas xornadas en coche.

Quen quedara con gañas de máis información pode pasar pola páxina do Concello de Toro, que aínda que abusou do flash(manías que che teño), ten uns contidos interesantes.

Publicado en Castilla-León,Viaxes | Comentarios cerrados