Mar 12 2008
Beijing e a contaminación
Vai facer dous anos que fixen esta viaxe, e non a vou dar escrito na vida, pero así de cando en cando, pode que me dea por comentar algo dela. Hoxe acordeime das primeiras impresións que tiven ao chegar a Beijing...
Esta foi a primeira imaxe que tirei ao chegar a China. Unha vista dende o Sheraton Great Wall Hotel. Non é unha grande foto, pero sirva para ilustrar a visibilidade nun día normal.
Segundo nos contou Yu (o noso guía) esta situación era habitual, dado que chegaba area en suspensión orixinada por tormentas de zonas desérticas. Isto unido a unhas baixas precipitacións que axudaran a limpar o aire, que o inmenso parque de bicicletas, está a ser trocado por vehículos a motor vertixinosamente, e que o crecemento económico, do que se fala dende hai anos, ten que vir da man dunha industrialización moi acusada, so poden ter como resultado un ambiente pouco respirable.
A vindeira foto é a máis reveladora. É unha mata dunha beirarrúa perto do hotel. Estabamos no mes de abril e coma unha milagre, agromaban as folliñas na recén chegada estación, mais se as comparamos coas súas vellas compañeiras, constatamos toda a veracidade de toda a información aportada. Pensemos que todo o que está incrustado nesas follas estivo antes no aire...

Todo este conto ven a que se acercan os Xogos Olímpicos e onte lin en El País que o corredor de maratón etíope Haile Gebrselassie, non competirá nas olimpiadas por causa da contaminación, e como podedes imaxinar non me estrañou nadiña...
chuzame - 





