Actividades para unha fin de semana na Parada das Bestas

Como xa contei un par de entradas atrás, visitar A Parada das Bestas supón disfrutar dunha magnífica  gastronomía, conxugada cun precio máis que atractivo se aproveitamos unha promoción coma o II Outono Gastronómico, pero lonxe de quedarse aí, ofrécenos o entorno idílico das terras da Ullóa.


A nosa desculpa foi a entrada na corentena (non eu que son un rapasiño) duns cantos amigos que por esta vida que levamos, non nos podemos ver todo o a miúdo que nos gustaría, e posto que foi un éxito (de crítica e público) imos facer público o plan por se alguén quere copialo e de paso pagar uns dereitos de autor.

– Pero non estaba publicado todo como creative commons?
– Home si, pero a crise é a crise… ;-)

O noso plan pasou por chegar un venres, acomodarnos, cear e disfrutar da sobremesa.

Sábado pola mañá tras un almorzo en condicións, atacarlle ao roteiro do Balneario, de algo menos de 10 km é un bo xeito de comezar. Ademáis é moi probable que teñades ata  guía.


Varias paradas parar tirar fotos. O cruceiro que se atopa no ecuador da viaxe,  o abandoado Balneario de Frádegas… Recomendo ademáis, dúas variacións do roteiro recomendado; a primeira perto da casa, baixar cara o Río Ulla, e tirar unhas fotos no vello muiño e sobre a presa (o traxecto recomendado para facer con cativos); e case ao final facer un pequeno desvío a Santa Mariña do Castro, onde tras unha pequena costa, se atopan un feixe de vellos cruceiros románicos, que tal como sospeitaba formaban parte dun antigo Viacrucis.



De volta xa, lavar a cara e acercárse a Palas a petiscar algo tras o cal non se pode deixar de pasar polo Castelo de Pambre, lugar que me ten enfeitizado dende a nosa anterior visita, e causante da miña nova afeccións a botar Euromillonarias.



Para recuperarnos da tristura que causa abandoar nun día soleado, a vizosa herba aos pes do castelo que me transporta á nenez, cando pasaba o tempo encaixando as pezas dun Exin Castillos,  non atopo nada mellor que ir tomar un café ata o Balneario do Río Pambre, e logo pasar a tarde nas súas instalacións.



Unha vez a osmose enruga ós nosos pelexos, e cos dixitais pasificados, saímos a tomar unha rexeneradora caña, mentres observamos este solpor. Qué máis se pode pedir? Voltar cear na Parada das Bestas, tomar unhas copas e arrasar nunhas partidas de Pictionary.

Tímidos raios de sol do outono, colanse entre as portas anunciando o novo día. Almorzo e despedida.

Os souvenirs que acostumamos traer son casi sempre comestibles. No caso de Palas de Rei a visita é obrigada a Queixería Arqueixal, onde fan un iogur e uns queixos da D.O. Arzúa-Ulloa, e tamén do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica, que merecen entrada aparte. Por desgracia, non puidemos traer Pan da Ulloa da Panadería Modesto, na veciña Antas de Ulla, mais queda reflexada para unha vindeira ocasión. Ámbas son descubertas da Parada das Bestas de onde son fornecedores.

No camiño de volta a casa, atravésasenos a Feira de Melide, obrigándonos a mercar uns Ricos e como non a tomar polbo nun deses enormes locales, verdadeiras imitacións de feiras situadas no baixo dun edificio.

Moitas actividades e planificación, pero cun ritmo pausado, rematan co corpo canso e a cabeza despexada e chea de experiencias e boas lembranzas.

Non foi este o derradeiro momento da viaxe, pareceume unha máis que expresiva imaxe para rematar. Pambre, Isto sí que é un skyline!


Publicado en País,Restaurantes,Viaxes | 3 Comentarios

Oliba Olio Birjin Estra

Aceite de Oliva Laguardia Rioja ÁlavaNon, o meu dominio do euskera non é tan bo, mais calquera pode copiar o texto dunha botella.

Para a viaxe a La Rioja do pasado outono, pedín consello a Jesús de La Guarda de Navarra sobre viños, adegas e lugares a visitar. Foi imposible visitalo todo, e non sei se darei escrito algo máis daquela viaxe, aínda que lle agradezo novamente toda a atención prestada.

Unha das inevitables visitas foi a Laguardia, onde tras deixar un pequeno agasallo en Alimentación Lorente, que foi agradecido cunhas fantásticas guindillas (das que aínda conservo algunha en aceite de oliva), visitamos Entre viñas y olivos, unha magnífico exemplo de como son as casas e as súas adegas tradicionáis, e onde poderás facerte unha idea de que durante boa parte dos teus paseos pola vila, estarás a voar sobre viño, dado que estas excavacións invaden as rúas e mesmo as casas dos veciños! Tras a visita podes pasar pola tenda, que con ese nome, non precisa de máis explicación.

Foi neste peculiar establecemento, onde adquirimos unha botella dun descoñecido aceite alavés, A.D.O.R.A. Elaborado a partires da variedade Arroniz, que parece estar presente en Navarra e Euskadi principalmente, é un deses zumes de oliva que apetece degustar acompañados dun bo pan.

Hai uns días que me puxen en contacto con eles, para ver como me podo facer con esta pequena xoia, e segú me comentaban a súa producción é tan pequena que non distribuen máis que nos seu contorno. A boa nova é que están a traballar nunha tenda online. Mentres, agardo impaciente a súa aparición…

Publicado en Gastronomía,La Rioja,Viaxes | Comentarios cerrados

Aproveitados…

Lamentabelmente, non todos os blogueiros son trigo limpo… Hoxe mesmo escoitei de primeira man unha desas historias que xa teño lido, e ás que me resultaba difícil dar creto; non por desconfianza nas fontes, senon por pudor.

Nun restaurante onde xantamos este mediodía, preguntáronnos polo noso anómalo comportamento ao ver que faciamos fotos dos pratos. Cando lle falamos ao propietario da nosa afección, non nos puxo moi boa cara e seguidamente escoitamos abraiados a súa primeira experiencia cun suposto compañeiro impresentábel.

Seica non hai moito, alguén se presentou nese local, e nada máis entrar se dirixiu ao noso anfitrión cunhas verbas do estilo: A ver como nos trata, que teño un blog algo, e se falo mal do seu restaurante, non vai vir ninguén de Galicia“. A resposta do hostaleiro foi aproximadamente: Eu tento tratar ben a todo o mundo que entra por esa porta. As amenazas parece que seguiron ata que se fartou de aturar ao noso misterioso aproveitado cunha frase do estilo ou é que pretende que o invite ao xantar?

Por unha banda, podo asegurar que descubrir que nos falaban dun blogger noi foi algo inmediato. Nós dixemos que tiñamos un blog, e como se falaramos de Alfa Centauri! Tivemos que explicar un pouco de qué ía a cousa, ate que se deu conta de que eramos da mesma especie que aquel individuo, cousa que nun principio non lle agradou moito, aínda que penso que ao final mudou a súa opinión inicial. Sospeitar que podía ser galego, case nos doeu máis.

Fose de onde fose, xente así é a que da mala fama aos blogs gastronómicos, e fai que críticos e cociñeiros sintan animadversión cara a nós.

Nin me dou por aludida cando leo ou escoito segundo que críticas (aínda que recoñezo que doen, polo descoñecemento do que agroman), nin quero que me identifiquen con personaxes deste tipo. É este un dos motivos polo que asinei o código cociña.

Publicado en Batallas,Gastronomía,Persoal,Viaxes | 7 Comentarios

Beijing e a contaminación

Vai facer dous anos que fixen esta viaxe, e non a vou dar escrito na vida, pero así de cando en cando, pode que me dea por comentar algo dela. Hoxe acordeime das primeiras impresións que tiven ao chegar a Beijing…Vista dende o Sheraton Great Wall Hotel en Beijing - China
Esta foi a primeira imaxe que tirei ao chegar a China. Unha vista dende o Sheraton Great Wall Hotel. Non é unha grande foto, pero sirva para ilustrar a visibilidade nun día normal.

Segundo nos contou Yu (o noso guía) esta situación era habitual, dado que chegaba area en suspensión orixinada por tormentas de zonas desérticas. Isto unido a unhas baixas precipitacións que axudaran a limpar o aire, que o inmenso parque de bicicletas, está a ser trocado por vehículos a motor vertixinosamente, e que o crecemento económico, do que se fala dende hai anos, ten que vir da man dunha industrialización moi acusada, so poden ter como resultado un ambiente pouco respirable.

A vindeira foto é a máis reveladora. É unha mata dunha beirarrúa perto do hotel. Estabamos no mes de abril e coma unha milagre, agromaban as folliñas na recén chegada estación, mais se as comparamos coas súas vellas compañeiras, constatamos toda a veracidade de toda a información aportada. Pensemos que todo o que está incrustado nesas follas estivo antes no aire…

Todo este conto ven a que se acercan os Xogos Olímpicos e onte lin en El País que o corredor de maratón etíope Haile Gebrselassie, non competirá nas olimpiadas por causa da contaminación, e como podedes imaxinar non me estrañou nadiña…

Publicado en Actualidade,China,Persoal,Viaxes | Comentarios cerrados

Gastronomía checa do Nadal. Comida

Non lembro ter feito nada útil nun primeiro de ano, e iso que xa non son un rapaz. A festa foi tranquila, co que tampouco nos erguemos moi tarde, por iso aproveitamos para visitar Praha o día 1 de xaneiro. Cousa que non penso que fixera en ningures… coido que nin en Pontevedra ;-).

Collemos o metro (liña amarela) e paramos en Můstek ou Národní trida para desfrutar dun paseo matinal baixo cero polo centro da cidade. Atraídos por unha forza invisíbel, diriximos os nos pasos cara
Staroměstské Náměstí (a Praza vella), onde nos topamos cun mercado de nadal. Alí descubrimos algúns do elemenos gastronómicos do nadal-inverno checo.


Imaxinade unha filloa feita de pataca. Iso é un Lokše. Non se trata de ningunha lei orgánica checa, senon dunha preparación típica eslava. Tomámola rechea dunha klobása (salchicha). Alí (en realidade coido que por toda centroeuropa), non hai poucas variedades, senon un feixe delas, pero non teño os coñecementos da lingua, nin a información como para espallarme neste punto. Iso sí ainda non atopamos a que non nos gustar.

A continuación caeu un Langoš, que é outra masa a base tamén de pataca, pero neste caso vai fritida en abundante aceite. Acompáñase de ingredentes doces ou salgados. Neste caso era tomate e queixo a xeito de pizza. Non sei que graxas utilizaron para fritilo, pero podo garantir que o aceite de oliva alí é toda unha rareza.


A sobremesa foi un Trdelnik. É unha masa que vai envolta á unha barra polo que adquire esta forma tan particular. Actualmente se utilizan uns rolos de aceiro para a súa preparación e son cociñadas con gas, aínda que tamén atopei un auténtico e tradicional Trdlo de madeira que era quentado por brasas.

Fixádevos no bandeado das zonas do rolo que quedaban expostas ao intenso calor das brasas e por tanto se torraban. Era este  o reclamo do posto no que mercamos o exemplar que amosamos aquí debaixo, e polo boas que estaban penso que atinamos. O acompañamento é Svarak, pero deixo as bebidas para unha vindeira entrega.


Publicado en Česká republika,Gastronomía,Viaxes | Comentarios cerrados