Voltamos da nosa estadía en Němčičky e para aproveitar o día imos cara a fermosa vila de Olomouc. No camiño pasamos por Austerlitz onde se produciu a batalla do mesmo nome. Alí o exercito frances dirixido por Napoleon esnaquizou a austríacos e rusos. O certo é que era un prado de película, preparado para cargar contra o inimigo, todo verdiño ata onde onde se fundía co azul do ceo, aínda que na miña foto non se aprecie moi ben, dado que foi feita en marcha dende un coche por unha autoestrada, o que non deixa de ter o seu mérito.

Na foto unha planta que eu penso era de formigón, pero que estaba deseñada de xeito que semellan un soldados napoleónicos cun canón. Boa idea para non deslucir a paisaxe e conxugala cunha actividade necesaria.
Olomouc
Olomouc é unha fermosa cidade Morava que posúe o maior patrimonio cultural de Chequia, só detrás de Praga, a capital. Nesta época hai moi poucos turistas, e polo que leo é unha cidade por descubrir dentro do pais, moi por detrás de Český Krumlov e Karlovy Vary , dúas cidades que non visitei nesta ocasión e que me obrigarán a abusar da hospitalidade do meu anfitrión, novamente.
Polo que lin, durante os séculos XVII e XVIII fixéronse unha chea de fontes para abastecer ós habitantes das vilas, que conxugaban á funcionalidade coa estética. Coa chegada das canalizacións ás vivendas moitas destas fontes foron eliminadas, mais en Olomouc non se fixo e convertironse deste xeito, nunha das súas peculiaridades, fontes, columnas e edificios barrocos que fan dun paseo por Olomouc unha verdadeira delicia.

Esta é a barroca columna da Santísima Trinidade, en plena Horní Námesti. É Patrimonio da Humanidade pola Unesco e representa un estilo único o Barroco de Olomuc, do que non atopei ningunha descripción para acompañar. É esta, xunto coa da virxe, unha das dúas colummnas creadas para conmemorar!? a plaga de cólera que asolou a cidade no século XVIII .Tamén se atopan aquí a fonte do Tritón, o reloxo astronómico (unha réplica da era comunista do que se atopa en praga) na fachada da casa do concello, onde por certo non paraba de saír xente que ía casar, e a fonte das tartarugas (unha das que máis me gustou), e non sei o nome pero había tartarugas así que supoño que se chamará así.

Unha vista da torre da Casa do Concello, vista dende outra que, aínda que me pese, non lembro en que igrexa se atopaba. Xa sei que non é comparable pero poño esta foto, porque unha tónica nas cidades que visitamos é que sempre destacaban eses campanarios das igrexas góticas e barrocas. Nada que ver co que pasa aquí, onde o que pode facer 15 plantas fai 18. Sintoo, pero tiña que dicilo.
E salientable tamén a Catedral de San Wenceslao ó lado do Arzobispado de Olomouc. É esta unha cidade na que está moi presente a Igrexa Católica, con moitos edificios relixiosos pero non só igrexas, senon tamén seminarios e ata unha Facultade de Teoloxía, pertencente a unha das máis antigas universidades de centroeuropa. A Univerzita Palackého.
Non deixa de ser curioso que sobreviviran todas estas entidades a un rexime socialista. Nun país onde a maioría dos habitantes son ateos como farían durante todos estes anos?. (Idea para outro día).
Se queres ver algunha foto máis, preme aquí. Desgraciadamente este widget non se pode insertar correctamente no wordpress, pero agora que levei o choio non vou deixar de amosalo. ;-).
Antes de rematar o meu pequeno paseo pola cidade quería comentar un pequena anécdota. Para poñernos en situación debo comentar que unha das cousas das que nos avisara Óscar perante os preparativos da viaxe, era de que os Bohemios eran uns bordes, e os Moravos eran máis agradables e sociables, coma todos os estereotipos, poden ter unha parte de realidade, pero calquera xeralización é inexacta.
Así pois, tras dar un paseo mañaneiro, entrounos a fame e comezamos a buscar un sitio onde xantar. Levar nativos no grupo sempre é unha axuda, pero para quen non entende a lingua e acaba de chegar é un alivio. Así que decidimos (decidiron) entrar nun restaurante, e cando rematan de falar Sasa e o que semellaba encargado ou propietario do establecemento esta foi a traducción. "Non nos recomenda que comamos aquí". A primeira reacción foi escarallarnos de risa. Unha cousa é ser borde (mais non eran os Moravos os agradables?), pero ir en contra do propio negocio.... Unha vez extendida a explicación o que nos quería dicir o home, e que tiña o local cheo que lle faltaba unha mesa grande e que iamos ter que esperar moito pola comida, todo un xesto de honradez que me gustaría ver máis pola nosa terra.
Afortunadamente caímos nun segundo restaurante que estaba separado en fumadores e non fumadores. O de non fumadores estaba cheo, así que tivemos que pasar o outro que tamén estaba cheo a falta de dúas mesas, e tras de nos entrou unha parella cun rapaciño e quedou completo. Ninguén fumaba. Ía dicir que Europa era diferente, pero acabo de lembra un vagón de tren lixeiro con tres anormales fumando en Berlín. Cousas miñas, o restaurante era baratísimo para nos, e foi o noso primeiro contacto coa gastronomía checa e onde nos namoramos deste Bramborak.
E agora xa imos voltando cara a Praga, non sin antes facer a derradeira parada en Moravia.
Para unha información máis rigurosa sobre a cidade, visitade a páxina de turismo de Olomouc.
chuzame -