Restaurante El Laurel. Toñi Vicente rexurde en Noalla

Haberá uns seis meses que apareceu  en notas ciscadas acó e aló, o novo proxecto de Toñi Vicente. Non tiven a oportunidade de visitala en Santiago, e despois do rebumbio de hai dous anos, porque negalo,  nin apetecía. Foi a casualidade, quen nun casamento, non me digas como, sacou o tema e a conseguinte  recomendación, que non deixou lugar a dúbidas.

O restaurante Laurel atópase na Revolta – Noalla, moi perto da praia da Lanzada no Concello de Sanxenxo. O local resulta moi agradable e acolledor.

Optamos coma sempre que é posible polo menú degustación, deixando na cociña toda a responsabilidade da nosa experiencia.   Comezamos cun aperitivo de pastel de cabracho.



Co Salmón marinado, xeado de queixo do cebreiro e xelatina de tomate abriuse oficialmente o menú. Fantástico comezo.



Espárragos verdes, vieiras e crocante de xamón
.  Para min un prato cargado de mensaxe, e estaba moi bo.


Pescada en emulsión de aceite e infusión de limón.  Perfecto punto da pescada, acompañamentos que ensamblan coma un crebacabezas.



Entrecot de tenreira acompañado dunha curiosa tempura de pementos de padrón e un caldo (perdoade a miña memoria).



Torrada da miña nai con xeado de piña. Só esta sobremesa merecería escribir unha entrada soa, e iso que non me considero lambón.  Esta falsa torrija doume gañas de coñecer á nai de Toñi Vicente.



Rematamos cuns petit fours: pousos do café e bombón xeado, e o coche obrigounos á deixar os espirituosos para o regreso a Pontevedra (que non os perdoamos).  Acompañamos o ágape cun Crego e Monaguillo (Godello e Treixadura) da D.O. Monterrei, de entre unha pequena carta, que  sorprendía a pesares do seu tamaño.

Prezo final 48 € por cabeza (Menú degustación 35 € IVE incluido).
Na miña opinión o menú degustación está perfectamente dimensionado para unha cea, pero nun xantar quedaríase curto. A pesares disto, directo para a miña lista de recomendados.

Nota. Acabo de enterarme de que xa non está en Noalla senón en San Adrian de Cobres (Vilaboa).

Publicado en Gastronomía,Restaurantes | Comentarios cerrados

Comentarios cerrados.

Lo sentimos, pero los comentarios están cerrados para esta entrada.