Mai 12 2008

Restaurante Aponiente - El Puerto de Santa María

Published by emanem under Gastronomía, Restaurantes

Hai tempo que tiñamos pendente unha visita a Chipiona e finalmente decidimos baixar esta pasada ponte de maio. Coma os nosos anfitrións non eran nativos, postos a procurar un lugar para darnos unha homenaxe non nos servían de referencia. Foi así, como moraiminha pediu axuda e Gourmet de Provincias acudiu, como é habitual en el, ao rescate. Deste xeito soubemos de Ángel León, e o seu Restaurante Aponiente na Ribera del Marisco de El Puerto de Santa María.

As angostas rúas desa zona son casi todas de sentido único, e unha vez o GPS nos mareou un pouco paseando dun lado a outro, optamos por aparcar onde atopamos sitio, e confiar nos nativos para achegarnos ao noso obxectivo. A primeira persoa que atopamos, coñecía o local, e acompañounos un anaco de camiño, comentándonos que coñecía o restaurante, que si era un novo proxecto de Ángel León... Polo acento xuraría que era anglofalante. Gracias a el, chegamos a bo porto.

O local estaba casi cheo. É pequeno (unhas 10 mesas), en tonos crema, branco e negro, con detalles mariños nos elementos decorativos. É de fumadores (polo que lin aquí pronto cambiará) pero cunha boa renovación de aire.

O primeiro que nos ofreceron foi tomar algo mentres decidiamos. Estando en Cádiz non podiamos evitar a proba dun manzanilla (San León) e un fino (Fino Pavón) que aínda sen ser caldos que nos entusiasmen, eliximos para o aperitivo; por iso de intentar seguir os costumes da zona, e, por suposto, de experimentar sensacións non habituais para nós.

Esa (probar cousas novas) foi unha das razóns que nos levou (a outra é a de non ter que decidir...) ao menú degustación dende antes de sentarnos á mesa.

De aperitivo, tomamos pez mantequilla con manteca colorá. O seu nome defineo perfectamente: cremoso en extremo, desfacíase literalmente na boca. Contáronnos que lle chamaban tamén pez tomasa por unha xitana moi coñecida por aqueles lares, que era moi negra, coma a pel do peixe.

Seguimos cun salmorejo con acedía rellena de jamón ibérico. Sen dúbida (aínda que no noso caso non é difícil, pois non é este un prato co que nos atopamos cada día) é o mellor salmorejo que temos probado; e o mérito tense que deber a que, según nos comentou o camareiro, Ángel León o prepara coas verduras asadas e non crúas, o que lle da outra textura. Unha fabulosa recreación de dous clásicos da cociña desta zona.


A continación, regañá con guiso de tomate y sardina al punto de cocción. Prato fresco e sabroso, aínda que dalgún xeito a presenza deste peixe e o tomate nos fixo lembrar tamén, á nosa cociña máis tradicional (quen non lembra eses guisos de xoubas do verán?). Segundo nos informaron, ademáis do tomate tamén leva as tripas da xouba, algo que para algunha xente pode resultar desagradable, pero que clarisimamente actuou como potenciador do sabor. O punto era como podedes imaxinar pola foto, un golpiño de calor...

Sen dúbida: o ravioli de morcilla con puré de manzana verde foi unha das estrelas do día. Aínda que relacionamos o sur con produtos do mar, o certo que esta é tamén unha terra onde o porco ten unha grande importancia, e este é bo exemplo.


Despois, seguimos cun choco a la plancha con butifarra, tinta y alioli. A verdade é que nos resultou un tanto curiosa esta combinación, pero non por iso menos boa. Un prato sinxelo e saboroso a un tempo.

A presentación da Corvina asada en huesos de aceituna chamou poderosamente a nosa atención. Non oiramos nunca falar do tema, e parece que é relativamente recente, por esta nova descubro que é unha iniciativa do propio Ángel León e dun dos seus mestres Andoni Aduriz. Tras sernos presentada na brasa na que estaba a ser cociñada, foinnos servida con guacamole de oliva e salsa de aliño. Outro prato que, consegue anovar ese clásico peixe grellado da praia e o verán.



E para rematar o outro (para nós) prato estrela: borriquete con guiso de rabo de turo y oreja confitada, que nos deixou sen fala. A finura do guiso, a frescura do peixe, e esa triscante ourella confitada foron, sen dúbida de ningún tipo, un final de luxo para este xantar, no que aos pratos salgados se refire, sendo tamén o prato de carne do menú degustación. Provocación? Xenialidade?

Acompañaramos o xantar con Minuet 2003, un Chardonnay do Penedes, curiosamente presentado con rolla de rosca, que nos encantou. A nosa idea era probar un caldo da zona, mais non nolo recomendaron e pensar nun Rías Baixas pareceunos un xesto chauvinista, aínda que unha vez avalidado o menú no seu conxunto considerámolo a mellor opción.

Coa transición ás sobremesas fomos agasallados cunhas copas de Pedro Ximenez; non sei se porque é costume da casa, ou para premiar o noso entusiasmo ante o fabuloso xantar que estabamos a disfutar, e que por suposto transmitiamos continuamente, e aínda máis ca chegada da apoteósica pre-sobremesa: sopa de ponche con helado de azahar y esponja de naranja. Indescriptibelmente bo. Só este intre xustificou a viaxe. Esa laranxa en tres texturas, onde a esponxa nos pareceu toda unha creación, e o sabor do xelado... Crede que estamos ben frustrados por non ter unha imaxe que honre esta creación como se merece.

Xa para rematar, unha homenaxe de Ángel ás clásicas galletas maría. Completamente eclipsado polo anterior, fixosenos algo pesado e empalagoso. Esta deconstrucción foi o menos salientable do menú.

E coa infusión, non podían faltar os Petit fours: leche de ron, nubes de amapola, naranja y bombón de chocolate.


Unha vez rematado o panexírico, hai que comentar os detalles non tan positivos ao comezo e o fin.

Na chegada pasaron pola nosa mesa os 3 camareiros, preguntándonos as cousas repetidamente, o que transmitía unha sensación de desorganización, se ben é certo que se esvaeceu no transcurso do xantar, mais mentras estabamos a rematar as nosas infusións, comezaron a fechar as persianas do comedor, signo inequívoco de que te queren botar, mais o xeito debeu ser máis cortés. Unha simple indicación sería suficiente. Estar de vacacións fixo que non lle dera moita importancia no momento, e que nos lembrara a cando apagan as luces nos locales de copas para expulsar aos rezagados que doutro xeito, non marchan, pero unha semana despois pareceme moito máis grave...

Non quero que estas liñas confundan. Foi unha experiencia gastronómica magnífica, mais nunha futura visita, estaría ben que se correxiran estes comportamentos inapropiados.

O menú degustación do restaurante Aponiente custa 48 euros, que sumado ao auga, pan, viño e IVE, a cousa saíu por 149 euros para dúas persoas. Os nosos recordos deste xantar... non teñen prezo!

Finalizamos este ladrillo cunha curiosidade. Ángel León tiña un blog: El Chef del Mar. Falo en pasado porque máis dun ano sen actualizarse supón a súa defunción, así que mellor visita de o álbum de fotos da nosa visita.

Chuzame! chuzame -

4 responses so far

Mai 07 2008

Clientes VoIP sen soltar un peso

Agora que o releo... que vello queda iso de ... sen soltar un peso. ;-)


Xa levo un tempo sen escribir algo productivo así que hoxe vai ser o día...

Levo un tempo traballando cunha IPBrick. Basicamente trátase dunha appliance que corre unha debian, e que pode proporcionar varios servizos, dos cales actualmente uso; a PBX virtual fornecida por Asterisk; o gateway de fax con servizo fax2mail e mail2fax por Hylafax; e o servizo de VPN a cargo de OpenVPN.

Para os servizos telefónicos que oferta Asterisk, utilizamos teléfonos IP físicos, mais hai a posibilidade de aproveitar os equipos informáticos por medios de softphones, que non son máis que aplicacións que convirten os ordenadores en terminales telefónicos. Os que esteades familiarizados con skype saberedes de que falo.

A finalidade desta entrada e comentar as aplicacións gratuitas (sen entrar en si é freeware, open source, etc.) que atopei para IPBrick (Asterisk). Común a todas elas é a utilización do protocolo SIP.

Tentarei salientar algúns puntos, e indicar as carencias, que sempre serán subxectivos, e primeiras impresións porque aínda non os usei moito tempo, ca esperanza de que sirvan de guía para alguén.

Imos aló:

Ekiga

Comezo por este por un motivo completamente subxectivo: está en galego!. Coñecido coma GnomeMeeting, é un port da aplicación para o escritorio Gnome GNU/Linux, a Windows. A versión actual é beta, vai pola 2.0.11.
Pros:

  • Está en galego (tamén en castelán)
  • Soporta múltiples contas
  • Soporta H.323 co que tamén e compatible con Netmeeting.
  • Video e Chat entre clientes.
  • Sinxela interface.

Contras:

  • Só permite unha liña.
  • Quizáis demasiado sinxelo para un usuario avanzado.

Non podo deixar de poñer unha captura...


Ligazón á descarga da versión windows

X-Lite

Este é o que che recomendan e instalar dende IPBrick. Trátase dunha versión gratuita que oferta CounterPath, con limitacións sobre os seus productos de pagamento: eyeBeam e Bria.
Pros:

  • Boa Interface
  • Permite gravación de conversas
  • Utilización de dúas liñas

Contra:

  • Só en inglés
  • Só soporta unha conta
  • Algunha publicidade dos productos de pago (pouco molesta)

Descarga (solicita un e-mail) .

Express Talk

Probada a versión Express Talk Basic 3.08 desta aplicación de nch software que tamén teñen unha versión de pagamento, e tamén para PocketPC (mágoa dalgún dispositivo para probalo).

Pros:

  • Permite gravación de conversas
  • Ata seis liñas

Contra:

  • Só en inglés
  • Só soporta unha conta
  • Instala o nch toolbox (que non sei para que serve) e un feixe de iconas para descarga dos seus productos, o cal semella abusivo.

Descarga.

3CX

O cliente 3CX VoIP forma parte do 3CX Phone System, un conxunto de servidor e cliente de PBX Virtual para windows que se pode atopar dende unha versión gratuita con soporte para 8 liñas. Non teño pensado probar de momento o servidor polo que me centrarei no softphone.

Pros:

  • Apariencias (skins) intercambiables
  • Versión en castelán
  • Soporta varias contas
  • Ata 3 liñas

Contra:

  • Non permite cambiar o ID de usuario (Sempre aparece 3CXPhone).

Ligazón á descarga.

E ao final qué?

Terei que poñerllo a probar ás miñas ratas de laboratorio pero penso que vou atacar ás opcións primeira EKIGA e última 3CX, porque teñen o que precisamos, unha ferramenta simple, e que poidan entender.

Eu seguramente seguirei experimentando co que atope, porque opcións coma o voicemail son interesantes, a transferencia de chamadas, etc. poden facer que algún día desparezan os termináis telefónicos físicos de enriba dos nosos escritorios...

Chuzame! chuzame -

3 responses so far

Mai 06 2008

Fusión…

Published by makeijan under Intres, Persoal

Levo uns días con moito choio, que sumado á ponte que disfrutei xunta máis traballo, e moitas cousas que contar que non sei se darei sacado á luz. De momento tiro dunha imaxe que curiosa da nosa terra.

Fusión... Qué outro nome pode ter esta mistura de palmeira e centola?


Chuzame! chuzame -

2 responses so far

Abr 28 2008

III Festa do Xabarín. Cerdedo

Published by makeijan under Eventos, Gastronomía

Onte fomos dar unha volta deica Cerdedo, para airearnos e probar de paso un pouco xabarín. Tras dar un paseo pola exposición e mercar pan (sempre o pan), fomos deica o Mesón Carola, a probar os tres pratos diferentes de xabarín que prepararon co gallo da festa. Tanto este como todos os demais locais estaban ate arriba de xente; pero grazas á influenza de Chus, irmán do dono, non tivemos problema en disfrutar dunha mesiña na pequena terraza, lonxe da formula 1 do fume do tabaco.

Como dicía, foron tres as preparacións que probamos; e tivemos a sorte de que nos foran servidas de menos a máis:

Xamón de Xabarín asado... que quizáis por ser moi magro estaba demasiado seco, aínda que xa estaba moi presente o sabor do porco bravo.

Xabarín estufado, a máis elaborada posibelmente, e que nos recomendaban se só fósemos elixir un dos pratos.

Costeleta de Xabarín, que estaba incríbel.

Finalmente, puidemos probar a famosa vincha, que aínda sin estar na presentación tradicional parcheou a miña débeda con esta sobremesa.

En canto ó prezo, dicir que a atención de Chus (compañeira dun curso que está a facer moraiminha) non se limitou a buscarnos un bo sitio para xantar, senón que tamén nos fixo algo de prezo na conta. Os tres pratos de xabarín, dúas racións de vincha, dúas cervexas, unha botella de auga de litro, e un par de viños e un Vermú branco non chegaron ós 34 euros. Grazas Chus!

O Mesón Carola é un mesón de pobo, onde todos, clientes e non clientes, semellan coñecerse e ter xa unha certa confianza; e para nós, foi unha moi boa oportunidade para degustar o xabarín, que tanto nos gusta, e que moi poucas veces se nos pon a tiro... gastronomicamente falando, quero decir, que pola caza aínda non nos deu.

Chuzame! chuzame -

No responses yet

Abr 23 2008

Unha nova fonte de neoloxísmos: A DGT

Published by makeijan under Batallas, Persoal

Solicitude de transmisión de veh�culosRecentemente cambiamos de coche, e hoxe vou vender o meu antigo Corsa, que tantas historias podería contar se falara... A transmisión de vehículos perante a D.G.T. é un dos pasos a seguir para facer efectivo o cambio de titularidade. O impreso do organismo dependente do Ministerio de Interior ofrece un impreso bilingüe.... ou trilingüe, porque non sei se enfocalo coma neoloxismo, ou coma un xeito de que cultivemos unha nova língua (que non cheguei a identificala), porque xa temos suficientemente coidada a nosa.

Que xulgue cada quen:

Verificades les dades

É a máis salientable, mais non a única desagradable sorpresa...

Chuzame! chuzame -

2 responses so far

« Prev - Next »

Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Blog sen Fume