IX Xantanza no Restaurante Alborada. Homenaxe á cigala

É francamente imperdoable que non escribira nin unha liña da VIII Xantanza, e non me quedará máis remedio que facelo calquera día.  Non por iso vou deixar de comentar a recente xantanza (e xa van IX) que amablemente organizou o Sr. Foucellas, no Restaurante Alborada en A Coruña.

A estas alturas xa temos  análises pormenorizadas e imaxes de mellor calidade ca estas, pero non por iso vou quedar calado. Adiante pois co menú.

Inauguramos a mesa cuns petiscos que non viñan detallados sendo un sorpresa que resultou ser do máis agradable. En primeiro lugar unha divertida Filo-Pizza sobre cacahuetes agridoces, noz de macadamia en tinta de lura e tempura de pistachos (xa copiei algo).

Oliva esférica e en madalena. A esferificación de tamaño máis respetable que teña tomado ata o de agora.

A primeira aparición da raiña da IX Xantanza foi na Espetada de cigala con mahonesa de soia e caranguexo  fritido sobre cama de pataca palla.

Espetada de cigala con mahonesa de soia e caranguexo  fritido sobre cama de pataca palla

A estas alturas xa comezaramos dar boa conta dun Antonio Montero Autor 2008 da D.O. Ribeiro, rexio consorte xunto ca cigala, durante boa parte do xantanza.

A partires de aquí os primeiros. Iniciamonos co Carpaccio de cigala e ourizo con xeado de lichis, un dos mellores do día.

Carpaccio de cigala e ourizo con xeado de lichis

A seguir veu a tosta de salpicón Alborada, cunha orixinal presentación invertida.

As Verduras grelladas en papel fata, nas que reapareceu a cigala, dando unha mellor presenza ao tradicional papillote. (Isto vouno copiar).

A sardiña desespiñada con queixo e foie, levou un ingredente extra. Das fotos é a que máis me gusta, pero o resultado non me acabou de contentar, o foie era méramente testimonial e non se apreciaba xunto a unha sardiña á que lle sobraba cocción.

Alcachofas de tempada con polbo e aceite de morcilla un acerto, pode que gañara co seu xamón, pero a presenza da morcilla foi suficiente como contrapunto, e o polbo tiña unha textura consistente moi agradable.


Un exceso de sal botou por terra un prato que a priori ía ser o meu preferido. Nin é espectacular, nin moi exótico, pero esta preparación de tintes mediterráneos da puntilla da ría con arroz negro e alioli, leva 3 elementos que me encantan. Mágoa.

Chegou por fin un clásico da carta, que en palabras do propio Luis Veira nunca van poder retirar: Ovos con cigalas, patacas e aceite de trufa

Eu fixen o cambio de viño a esta altura, aínda que xa estaba presente na mesa porque os amigos do tinto son un lobby en si mesmos. O Refugallo 2006 que curiosamente non aparece na páxina dos seus productores Dominio do Bibei.

Decidín entrarlle con este acompañamento ao Bonito de tempada con soia e caramelo de pementos. Igual digo unha barbaridade, pero o acompañamento estaba delicioso.

O fin da etapa salgada chegou cun porquiño con pó de pistacho iraní, orellóns e sal negra.

A complexa tarefa de habilitar espazo para que os doces atoparan o seu lugar, correu da man dun Mojito, que trala disiquisición de geiko sobre a variedade de menta utilizada, cumprimiu sobradamente co seu cometido. Só me pesa non aceptar a oferta do maitre e ter recuncado.

Como compañeiro das sobremesas unha aposta arriscada: María Castaña. Viño doce aromatizado con castañas torradas, que non pareceu chegar a convencer. Estivo ben como experiencia.
A continuación,baixo o suxestivo nome de Primavera, se atopaba vainilla, cardamomo (que confundín visualmente conkiwi), e outros sabores frescos.

A torrada temperada con xeado de torrada, foi o redundante e saboroso remate do xantar.

Mais non da nosa estancia no Alborada, que se alongou con cafés, caña, petit fours e os inevitables gin tonics, con debate incluido.
Dende xa, sabede que un Fever Tree con Hendrick’s é o Gin Tonic da casa, ou así é dende que pasei por alí.

Non quero deixar de salientar o impecable servizo de sala. Atentos a calquera comentario, que nin cas dificuldades engadidas dos obstáculos móbiles, deixaron un só detalle por cubrir. A miña noraboa a todos.

Como xa ven sendo habitual, as visións doutros comensais complementarán e enriquecerán a experiencia, tal como fixeron ca súa presenza:
Gourmet de Provincias, Capítulo 0, Pantagruel Supongo, Laconada, Borralleira, De Pinchos e o convidado de honra, Melvin.

E xa por fin, agradecer a moraiminha todas as fotos dos pratos.

Publicado en Gastronomía,Restaurantes,Xantanzas BGG | 7 Comentarios

A casa dos Martínez: Repetirás



Mañá imos A Coruña á IX Xantanza, onde estou seguro que os responsables do Alborada nos han dar un recital, visto o menú adiantado polo organizador de tan magno evento Sr. Foucellas .  Máis quedaría cargo de conciencia se non escribira, aínda que só foran dúas liñas, do noso paso no serán de onte por A Casa dos Martínez.

Hai un tempo  decidín que non levar a cámara enriba non era motivo suficiente para pospoñer a visita a un restaurante, e afortunadamente nesta ocasión temos imaxes do propio Enrique, que ligarei en lugar de apropiarme delas.

Comezamos?

Ceamos nesta mesa, e eu tomei uns chipiróns ao wok coma estes, un solombo de bonito que ata penso que pode xustamente este mesmo, e moraiminha mailo bichoquiño partillaron unhas riquísima sardiñas con toda a súa graxiña,e unha fideua de infarto.

De sobremesa sorbete de mandarina, e unha tarta de queixo, con frambuesas, amorodos confitados e un biscoito de café (ou era licor café?), sobre un fondo dunhas natillas líquidas…

Todo isto, mollado cunhas copas de Zárate, D.O. Rías Baixas, auga, pan e café (que non tomamos) non chegou aos 30 € por cabeza.

Agora só quero voltar e probar ese cava, o carpaccio… todo, quero probalo todo.

Definitivamente non descubrín a pólvora, porque xa os meus compañeiros teñen falado marabillas deste lugar, e non podo máis que agradecerlles que tal fixeran, pero sirva esta pequena entrada, para amosar o meu agradecemento pola velada de onte.

Publicado en Gastronomía,Restaurantes | 2 Comentarios

A lamprea no Chef Rivera

Do mesmo xeito que a propia lamprea non deixa indiferente a quen a proba, ter o privilexio fai agora un ano, de ver como a manipulou o Chef Rivera no Fórum Gastronómico, botou por terra todas as miñas ideas preconcebidas dun dos clásicos da restauración galega, espertando o desexo de facerlle unha visita na súa casa.

Foi así como, organizado polo Gourmet de Provincias, e acompañados dos Sres. de Foucellas e D. Magago, optamos por probar o recén estreado menú degustación de lamprea do Chef Rivera [situación], bautizado coma Peliqueiro.

Comezamos cunha Vichyssoise de apertivo, para limpar o padal e entrarlle a partires de aquí a unha presenza in crescendo do ingredente principal a medida que transcurría o xantar. As Croquetas mal feitas, unha novidade deste ano, foron o primeiro contacto. Nótese que é o nome do prato e non unha apreciación persoal.

Continuamos co recentemente premiado Rissoto caldoso de Lamprea, un dos pratos que xa coñecía e repostou as espectativas.

E a esta altura, chegamos ao meu preferido sen dúbida. A ensalada de lamprea ao espeto con verduras asadas, onde a textura da lamprea somente marinada e marcada á prancha rematou por deixarme sen palabras.


Finalizamos os pratos principais cunha receita tradicional do noso prehistórico acompañante: á bordalaise, coa que dou o contrapunto ao resto de preparacións. Uns grans de arroz salvaxe asinaron a presentación.



Como sobremesa presentounos un sorbete de mazá verde, sobre chocolate e compota, fantástico para refrescarnos.



A traca final veu da man desta orixinal presentación dos petits fours unha peculiar tella presentada sobre un auténtico disco de vinilo.

Os caldos acertadamente seleccionados por magago foron un Marboré 2003, D.O. Somontano que nos acompañou na primeira parte do menú e un Avan Concentración, Ribera del Duero, co que culminamos os pratos de lamprea. Na miña opinión a carta de viño aínda que ampla, bótanse en falta máis referencias galegas de calidade e un axustamento nos prezos.

O prezo: 52 € que con bebidas rematou en algo menos de 62 € por cabeza,; moi amábelmente, fomos convidados aos cafés e ás copiñas de viño de porto coas que puxemos fin ao xantar.

Os meus compañeiros botaron de menos o tamén famoso timbal de lamprea que prepara o Chef Rivera, que non forma parte do menú degustación, máis que puidemos ver cando llo servían á mesa do lado. Aínda que eu xa tiven a sorte de probalo, como os demáis comensais non, quedou pendente para outra ocasión.

Hai unha cara escura na lamprea que se mestura co seu sangue, e lle da sona de indixesta. Cada un terá as súas experiencias e non é día de contar as miñas, mais un experiencia coma a de hoxe ensinoume que parte da culpa tamén está no comensal. Unha reparto equilibrado de doses coma o que desfrutamos hoxe, evita este tipo de molestias.

Un paseo pola vila ilustrado por dous cicerones de excepción, culminou esa xa tardiña. Un breve paso por A Casa dos Martínez, que haberá que visitar, pola boa sensación transmitida na conversa con Quique Martínez e as recomendacións de quen xa o visitaran, o Pazo de Quito, o Convento do Carme e en especial a Igrexa de Santiago de Padrón, que como se dunha historia de aventuras e misterio se tratara, agocha baixo un altar o pedrón, o cal espertou todo tipo de conxeturas e fantasías ao seu redor.

Coma sempre, sacamos unhas fotitos, comemos, bebemos e pasamos unha estupenda tarde, en mellor compaña. Finalizando cunha despedímonos deica a vindeira xantanza que xa está aí, como quen di…

As visións de Gourmet de Provincias, Manoel Foucellas e Magago.

Publicado en Gastronomía,Restaurantes | 7 Comentarios