VII Xantanza (I). Visita ao berce do Queixo do Cebreiro

Xa pasou o trago da organización, e aínda quedando lonxe da perfección, penso que non quedou tan mal a cousa. Vaiseme facer algo complexo resumir tanta actividade, polo que vou optar por varias entradas temáticas máis cativas, doadas de ler, e que me servirán para lembrar a xornada cando volte a elas.

Está visto que as xantanzas xa non son nada sen actividades paralelas, e para esta ocasión parecía un pecado pasar polas terras do Cebreiro e non visitar unha das súas queixerías. Por proximidade co noso destino, elixín a Queixería Xan Busto en Nullán (As Nogáis), unha das dúas da D.O.P. Queixo do Cebreiro.




Recibiunos Carmen, a matriarca que aturou pacientemente o complexo encaixe dunha caravana de mediaducia de coches, e aínda que eu esperaba que estivera sorprendida polo despregue de cámaras que acompaña aos blogastrónomos, quitounos importancia dicindo:

A semana pasada estiveron os da Galega.

Unha vez quedou claro que dous coches se extraviaran e ían comezar o aperitivo antes cos demáis, Verónica, a filla, guiounos cara o pequeno galpón no que se transforma o leite das súas oito vacas, e que cada 3 días sirve unhas 50 unidades desta pequena xoia luguesa.



Cunha producción dunhas 4000 unidades anuais, que xa ten vendidas, parece un bo negocio, pero o procedemento semiartesanal, desanima as propietarias para aumentar a producción.
Unha das cousas que me resultou máis curiosas, é o tema da forma de sombreiro invertido ou cogomelo. Actualmente os moldes só imitan o que antigamente non era máis que un sobrante de queixo que quedaba fora dos moldes, e se expandía cara a fora polo peso aplicado a modo de prensa.



Ter a producción xa vendida complicou a degustación, pero a un blogastrónomo non se lle pode deixar ir sen probar o produto, e finalmente fixémonos cun exemplar desa elaborado esa mesma mañá, e que levamos A Lareira para degustar, sendo para min un dos grandes éxitos da xantanza.
Queda iso sí, a arela de probar o Queixo Curado do Cebreiro, ese mito do que moito se oe, pero ninguén viu, e moito menos probou. Unha procura que ten toda a traza de levar o mesmo camiño có do Santo Grial… Só que os templarios eran uns afeccionados ao noso lado…

Publicado en Gastronomía,Xantanzas BGG | 2 Comentarios

XXII Feira da D.O.P. Cebreiro

Ultimamente estou preocupado. Son unha persoa caseira e arrincarme do meu fogar é unha tarefa ben complexa. Gustame viaxar, iso é certo, mais  cando isto implica un desprazamento longo: coller un avión, un tren, pasar varios días fora da casa… o resto de pequenas fuxidas dun día non son algo que me chame. Ou quizais debía dicir chamara, porque os pouco menos de cincocentos quilométros que papei antonte, para ir a Pedrafita do Cebreiro non teñen moita explicación.

Stand do Queixo do Cebreiro
A desculpa foi a celebración da XXII Feira da D.O.P. Cebreiro, e como non tiñamos moitos plans para esta semana santa optamos por ir ver que se cociñaba nesta minúscula D.O. A D.O.P. Queixo do Cebreiro debe ser a asociación deste tipo máis pequena posíbel. Só dous produtores están acollidos nela; Quexerías Castelo de Brañas, S.L., que comercializa baixo a marca Castelo, sita na propia Pedrafita do Cebreiro, e que probablemente sexa a que todos coñezades por estar bastante ben distribuida (eu teñoa mercado en grandes superficies sen problema), e Carmen Arrojo Valcarcel, localizada en Nullán, no veciño concello de As Nogais que comercializa o Xan Busto, que como curiosidade, comentarei que ás 13:45 h cando fun mercar un queixo xa remataran as existencias.

A conxunción da feira mensual coa de enxalzamento do queixo converteu a vila nun fervedoiro de xentes e vehiculos, que aínda sendo a primeira ocasión na que me paseaba por esta feira, levei a impresión de que as expectativas de asistencia foran ultrapasadas. Había un coche metido en canto curruncho  era posible.
Receitas queixo do cebreiro, paté, tarta e croquetas

A noso pequeno periplo comezou pola nave na que se degustaban catro receitas do queixo: tarta de queixo ao forno e croquetas (en primeiro plano), e paté de queixo con bonito, e pementos (ao fondo xunto a un par de ringleiras maís da magnífica tarta de queixo. Aquela nave estaba chea de xente, pero aínda había máis que comer. Credeme se digo que todo sabía marabillosamente pero a tarta de queixo botaba por fora.

No paso de rigor pola nave de expositores sorprendeume a presenza de queixos de Friol, San Simón da Costa… e non era de extrañar xa que unha feira non se fai con dous fabricantes e un expositor da D.O., pero sorprendeume non ver aos artesáns que fan as súas produccións de xeito tradicional fora da denominación. A miña sorpresa veu cando lin hoxe que os produtores particulares tiñan o seu espazo no Centro de Artesanía, quee con ese nome non nos chamou a entrar, xa que viñamos a tiro fixo. Xa o dicía a miña nai: o que non sabe e coma o que non ve.

Cando a motilidade intestinal presionou o suficiente, acercámonos a unha das múltiples polbeiras (de Melide para máis señas). Elixida por unha profesional non había nada que temer.

E deixo as adquisicións para mañá… máis de 70 € en queixo teño que xustificalas dalgunha maneira… é unha debilidade ;-).

Publicado en Actualidade,Eventos,Gastronomía | 7 Comentarios