Bramboracka

Na nosa viaxe á República Checa mercamos un par de libros de cociña. De un deles, Cociña tradicional checa, publicado pola Asociación Checa de Chefs, foi do que saquei esta receita da tradicional Sopa de pataca que aínda que se parece á da foto do libro en cuestión, non sei se logrou o sabor desexado. Unha, porque non me recordou moito a ningunha das sopas de patacas que alí probamos; e dúas ( e igual máis importante) porque son case incapaz de facer un prato seguindo ó pé da letra a receita.

Bramboracka. Sopa de pataca checa

Ingredientes (os do libro)

  • 20 g de manteiga
  • 30 g de fariña branca
  • 1 l de caldo básico de osos brancos
  • 150 g de vexetais (cenoura, apio, pirixel, col rizada, allo porro, etc.)
  • 150 g de cogomelos frescos ou 20 g se son secos,
  • 50 g de cebola
  • 50 g de touciño
  • 400 g de patacas comino
  • allo, pementa moída, mellorana e sal.

Preparación (tal como eu a fixen)

  1. Por unha parte, poñer a cocer as patacas con auga , comino e sal. Como non dicía nada na receita, eu peleinas e boteinas enteiras para picalas unha vez cocidas.
  2. Nunha tixola refretir en touciño (bacon afumado, foi o que utilicei) a cebola picada en anaquiños pequenos.
  3. Por outra banda, preparar unha mezcla coa manteiga (como o libro non dicía nada, eu boteilla de porco, que é a que tiña na casa) e a fariña (que tampouco era branca, senón unha fariña integral asturiana) e fretir ata “que se poña rosada”, dicía a receita… Pero como o concepto de “fariña rosada” non está na miña cociña, mezcleina ben como se fose para unha bechamel. Engadir o caldo (que como non tiña feito e non me gusta o de bote, sustituín po auga) e mezclar ben ate que comence a ferver. Engadir os vexetais (cenoura, allo porro e apio) cortados en cubiños, as setas secas(nesta ocasión, boletus que lle deron, penso un sabor moi especial á sopa) e un par de dentes de allo machacados.
  4. Pasados uns vinte minutos, engádese o refrito de cebola e as patacas picadas en cubiños pequenos xunto coa auga de cocelas, pementa moída e mejorana ó gusto. Rectificar o sal, e cocer uns dez minutiños máis para que se mezclen ben todos os ingredientes antes de servir.
Publicado en Gastronomía,Receitas | Comentarios cerrados

Gastronomía checa do Nadal. Comida

Non lembro ter feito nada útil nun primeiro de ano, e iso que xa non son un rapaz. A festa foi tranquila, co que tampouco nos erguemos moi tarde, por iso aproveitamos para visitar Praha o día 1 de xaneiro. Cousa que non penso que fixera en ningures… coido que nin en Pontevedra ;-).

Collemos o metro (liña amarela) e paramos en Můstek ou Národní trida para desfrutar dun paseo matinal baixo cero polo centro da cidade. Atraídos por unha forza invisíbel, diriximos os nos pasos cara
Staroměstské Náměstí (a Praza vella), onde nos topamos cun mercado de nadal. Alí descubrimos algúns do elemenos gastronómicos do nadal-inverno checo.


Imaxinade unha filloa feita de pataca. Iso é un Lokše. Non se trata de ningunha lei orgánica checa, senon dunha preparación típica eslava. Tomámola rechea dunha klobása (salchicha). Alí (en realidade coido que por toda centroeuropa), non hai poucas variedades, senon un feixe delas, pero non teño os coñecementos da lingua, nin a información como para espallarme neste punto. Iso sí ainda non atopamos a que non nos gustar.

A continuación caeu un Langoš, que é outra masa a base tamén de pataca, pero neste caso vai fritida en abundante aceite. Acompáñase de ingredentes doces ou salgados. Neste caso era tomate e queixo a xeito de pizza. Non sei que graxas utilizaron para fritilo, pero podo garantir que o aceite de oliva alí é toda unha rareza.


A sobremesa foi un Trdelnik. É unha masa que vai envolta á unha barra polo que adquire esta forma tan particular. Actualmente se utilizan uns rolos de aceiro para a súa preparación e son cociñadas con gas, aínda que tamén atopei un auténtico e tradicional Trdlo de madeira que era quentado por brasas.

Fixádevos no bandeado das zonas do rolo que quedaban expostas ao intenso calor das brasas e por tanto se torraban. Era este  o reclamo do posto no que mercamos o exemplar que amosamos aquí debaixo, e polo boas que estaban penso que atinamos. O acompañamento é Svarak, pero deixo as bebidas para unha vindeira entrega.


Publicado en Česká republika,Gastronomía,Viaxes | Comentarios cerrados