Unha visión doce dos cogomelos



A que se vos reciben cunha mesa así, o último no que pensades é en pasteis? Pois así de sorprendido quedei cando vin que o enfoque da cociña de Pedro Roca era cara a repostería. Este ferrolán, que ao parecer está por abrir un novo restaurante, foi presentado por Miguel Vila, que aproveitando a súa posición privileixada degustou a única Xema de Trufa Negra, que o cociñeiro rebozou en trufa relada. Para os demais mortais, o contorno da xema trufada foi de pistacho. Pero non houbo queixa… incrible combinación, e espectacular textura do ovo cocido a 65 graos. O corazón do ovo manipulado coma un cachiño de plastilina entre os dedos, non foi a última sorpresa que este modesto ingredente nos dou no forum.
Xema de trufa negra con pistacho
Fariñas de boletus edulis, e outros cogomelos para panificación foron a seguinte sorpresa da xornada, se a iso lle sumas unha crema pasteleira de cantharellus lutescens, e finalmente podes probalos, non deixas de sorprenderte.

Petit Fours de cogomelos

Seguín este obradoiro acompañado de Chus coa que compartin a degustación destes petit fours.

Publicado en Fórum Santiago,Gastronomía | 1 Comentario

Chef Rivera

Mentres o Grupo Nove andaba de festa con Pista Catro na Sala Compostela, decidín abandonar ao groso do público e ver quen era este clásico da cociña galega que é o Chef Rivera, que xunto a Toñi Vicente son os nomes clásicos que resoan no fondo das miñas lembranzas gastronómicas. Sempre referencias de oídas, mais nada en concreto.
Así que tiven a sorte de velos aos dous no mesmo obradoiro, Toñi de público, e o Chef Rivera como protagonista, xunto ao seu fillo Alejandro.

O chef Rivera no Forum Gastronómico de Santiago de Compostela

Pero a verdadeira convidada era a lamprea. Esta gran descoñecida que foi tratada por completo alí mesmo. Dende a súa limpeza, abrindo unha alí mesmo, coa facilidade de quen xa o fixo varios centos de veces, ata a presentación dunhas cantas receitas, que incluiron a tradicional Bordelesa, e outras polo visto tamén típicas dalgúns lugares coma o Timbal de Lamprea, da que podedes ver unha imaxe da pantalla con pouco detalle, pero que da unha idea do concepto do pan coma contedor de peixe e salsa, fermoso… e delicioso, porque tiven o privilexio de saboreala. A continuación amoso as dúas degustacións que nos ofreceron o timbal, que estaba espectacular.
.Timbal de Lamprea polo Chef Rivera no Forum Gastronómico de Santiago de Compostela
E finalmente o falso risoto de arroz basmati e lamprea que foi unha marabilla de presentación, sabor, aroma… nunca pensara eu en usar arroz basmati para un risoto (aínda que sexa falso, por non levar tona, nin queixo).

Falso Risoto de arroz Basmati con Lamprea polo Chef Rivera no Forum Gastronómico de Santiago de Compostela

Durante a exposición amosouse afable, respostando consultas de todo tipo, e ofrecéndose a dar receitas a quen llas pedira. Dou trucos e consellos para a preparación, coma a lamprea rechea, que el dicía non cociñar e non atopar boas combinacións na cociña tradicional, chourizo, ovo… el dixo que a enchería de… troita.

En definitiva, unha magnífica experiencia que o colocou na lista das vindeiras visitas gastronómicas.

Publicado en Fórum Santiago,Gastronomía | 2 Comentarios

Marcelo = Argazos + Imaxinación

Esta ecuación resume a impresión do obradoiro que impartiu Marcelo Tejedor acompañado de Iván (o seu alter ego, nas súas propias palabras) enmarcado nas xornadas Santiago Repetirás, a derradeira do mes de xaneiro adicada ao marisco, que nos trouxo esta nova incorporación á equipa que son as algas. Chondracanthus, kombu, nori e wakame, nomes todos eles exóticos combinaban con ramallo de mar, musgo irlandés e leituga de mar, palabras que identifican a algunhas das 600 especies que poboan as nosas costas.

Un evento moi interactivo, onde puidemos ver, cheirar e apalpar varios exemplares en distintas presentacións, fresca, salgada, envasada e como non… tamén cociñada, porque aínda que perdín a conta, penso que vimos e probamos unhas 6 ou 7 presentacións distintas.

O cafeto-caldo de algas e bonito que coceu uns gambóns envoltos en panelo, lembroume unha presentación da nosa visita ao seu restaurante.

A traca final foi o agasallo duns marshmallows (nubes de azucre) de argazos (sinto non lembrar ningún nome, pero era moita información para un domingo pola mañá), presentados nunhas latas de sardiñas, depois as galletas mariñeiras? de algas con mermelada tamén de algas, presentada nuns envases coma os pequenos de pegamento Imedio… E, como non, o pan líquido en aerosol que utilizou para facer unha empanada aberta de berberechos en lata, en dúas variantes, con aceite de chondracanthus e con allada, que tivemos o pracer de probar.



As dúas conexións do programa A Revista da TVG, resultaron ser bastante intrusivas e molestas. O único bo é que podemos conservar un par de intres, para a posteridade:

Se queredes ver algunha outra foto do obradoiro, aquí as tedes.

Por se alguén estivera interesado en asistir a algún dos vindeiros eventos, teñen un custe de 10 € por persoa e é preciso reservar.

Publicado en Actualidade,Gastronomía,Persoal | 1 Comentario