Unha visión doce dos cogomelos



A que se vos reciben cunha mesa así, o último no que pensades é en pasteis? Pois así de sorprendido quedei cando vin que o enfoque da cociña de Pedro Roca era cara a repostería. Este ferrolán, que ao parecer está por abrir un novo restaurante, foi presentado por Miguel Vila, que aproveitando a súa posición privileixada degustou a única Xema de Trufa Negra, que o cociñeiro rebozou en trufa relada. Para os demais mortais, o contorno da xema trufada foi de pistacho. Pero non houbo queixa… incrible combinación, e espectacular textura do ovo cocido a 65 graos. O corazón do ovo manipulado coma un cachiño de plastilina entre os dedos, non foi a última sorpresa que este modesto ingredente nos dou no forum.
Xema de trufa negra con pistacho
Fariñas de boletus edulis, e outros cogomelos para panificación foron a seguinte sorpresa da xornada, se a iso lle sumas unha crema pasteleira de cantharellus lutescens, e finalmente podes probalos, non deixas de sorprenderte.

Petit Fours de cogomelos

Seguín este obradoiro acompañado de Chus coa que compartin a degustación destes petit fours.

Publicado en Fórum Santiago,Gastronomía | 1 Comentario

Acuse de recibo

Isto do código cociña éche unha carallada. Agora vou ter que informar dos miles de euros que me embolsaba por comentar restaurantes, viños, etc… Remataron os segredos. ;-)

Todo este conto ven a que acabo de recibir, servida directamente na casiña, esta caixiña coa que agasallaron os de Viña Costeira a todos os bloggers presentes no I Encontro de bloggers enogastronomicos.
Está composta por Treixadura do Ribeiro, Selección Costeira 2006, e unha privilexiada primeira botella da colleita do 2007, que segundo indican foi liberada do seu depósitos hai menos dunha semana. Unha parella que calquera día sufrirá unha mini cata vertical, pero non nun futuro cercano xa que aínda lle agardan uns meses na nosa adega (dous nos recomenda Argimiro), porque na miña opinión é cedo para esta colleita, e algún tempo máis non lle sobrará.

Completa o conxunto, no centro da caixa, o magnífico Licor Café Lúa Jamaica Blue Mountain, do que xa falei hai perto dun ano… e esta si que non dura meses…

Non podo menos que dar as gracias.

Publicado en Actualidade,Fórum Santiago,Gastronomía,Persoal | Comentarios cerrados

Chef Rivera

Mentres o Grupo Nove andaba de festa con Pista Catro na Sala Compostela, decidín abandonar ao groso do público e ver quen era este clásico da cociña galega que é o Chef Rivera, que xunto a Toñi Vicente son os nomes clásicos que resoan no fondo das miñas lembranzas gastronómicas. Sempre referencias de oídas, mais nada en concreto.
Así que tiven a sorte de velos aos dous no mesmo obradoiro, Toñi de público, e o Chef Rivera como protagonista, xunto ao seu fillo Alejandro.

O chef Rivera no Forum Gastronómico de Santiago de Compostela

Pero a verdadeira convidada era a lamprea. Esta gran descoñecida que foi tratada por completo alí mesmo. Dende a súa limpeza, abrindo unha alí mesmo, coa facilidade de quen xa o fixo varios centos de veces, ata a presentación dunhas cantas receitas, que incluiron a tradicional Bordelesa, e outras polo visto tamén típicas dalgúns lugares coma o Timbal de Lamprea, da que podedes ver unha imaxe da pantalla con pouco detalle, pero que da unha idea do concepto do pan coma contedor de peixe e salsa, fermoso… e delicioso, porque tiven o privilexio de saboreala. A continuación amoso as dúas degustacións que nos ofreceron o timbal, que estaba espectacular.
.Timbal de Lamprea polo Chef Rivera no Forum Gastronómico de Santiago de Compostela
E finalmente o falso risoto de arroz basmati e lamprea que foi unha marabilla de presentación, sabor, aroma… nunca pensara eu en usar arroz basmati para un risoto (aínda que sexa falso, por non levar tona, nin queixo).

Falso Risoto de arroz Basmati con Lamprea polo Chef Rivera no Forum Gastronómico de Santiago de Compostela

Durante a exposición amosouse afable, respostando consultas de todo tipo, e ofrecéndose a dar receitas a quen llas pedira. Dou trucos e consellos para a preparación, coma a lamprea rechea, que el dicía non cociñar e non atopar boas combinacións na cociña tradicional, chourizo, ovo… el dixo que a enchería de… troita.

En definitiva, unha magnífica experiencia que o colocou na lista das vindeiras visitas gastronómicas.

Publicado en Fórum Santiago,Gastronomía | 2 Comentarios

Cata de Augardentes de Galicia

Retomo as publicacións do primeiro día do Fórum, pode que a alguén lle interesen, aínda que xa non son unha nova stricto sensu. Sábado pola tarde, despois dun frugal xantar baseado en tres pinchos e dúas cañas, por riba da sidra da cata anterior, pareceume que seguir de catas era o axeitado, e así caín na de augardentes. Conducida por Jose Luis Hernaez Mañas, da EVEGA dou unha amena e ilustrativa charla acompañado por alguén da D.O. Augardentes e Licores Tradicionáis de Galicia da que sinto non lembrar o nome.

Augardente - licor de herbas - licor café

Entre as cousiñas que aprendín foi a temperatura recomendable para o seu consumo. A 8C se atopa o equilibrio entre o efecto desecante e o anestesiante do alcohol, que influirían negativamente na percepción dos aromas. E digo ben aromas, porque como xa comentei na anterior cata deste tipo á que asistín, hai xa case un ano, na augardente branca tamén hai matices en sabores e cheiros. Non é o mesmo unha caña de Mencia, que de Albariño, ou a raiña delas: A da Ulla, feita a partires de catalán, variadad de uva híbrida que curiosamente en cataluña chaman francés.Jose Luis Hernaez Mañas
Tamén probamos dúas variedades de xastreu, que non son moi do meu agrado, en xeral, finalizando cun licor café.

Ilustrativa charla interactiva, en definitiva, que afortunadamente ía acompañada dun par de larpeiradas, para facilitar a dixestión e unha equilibrada absorción de alcoholes.

Publicado en Fórum Santiago,Gastronomía | 2 Comentarios

Volta á realidade…

Xa me reclamou o traballo, e nun tris de estar rodeado de Ferrán Adrià, Carlos Maribona e Pep Palau, de blogueiros que coñecía e outros novos, de entrar nos actos sen importar as colas…

Aos meus anos descubrín o significado do conto da Cincenta!.

Afortunadamente teño as crónicas dos que quedan que aínda son moitos. Seguro que terei información abonda da súa man. Ademáis non queda nada para V Blogoxantanza… A mín quédame recoller a cabaza, redactar un feixe de historias, documentalas con fotos, e por este video coa promocional coa sintonía do Fórum, que non canso de escoitar. Por certo alguén sabe de quen é?

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/Sb3NDbvC0L0" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Publicado en Batallas,Fórum Santiago,Gastronomía,Persoal | Comentarios cerrados