A lamprea no Chef Rivera

Do mesmo xeito que a propia lamprea non deixa indiferente a quen a proba, ter o privilexio fai agora un ano, de ver como a manipulou o Chef Rivera no Fórum Gastronómico, botou por terra todas as miñas ideas preconcebidas dun dos clásicos da restauración galega, espertando o desexo de facerlle unha visita na súa casa.

Foi así como, organizado polo Gourmet de Provincias, e acompañados dos Sres. de Foucellas e D. Magago, optamos por probar o recén estreado menú degustación de lamprea do Chef Rivera [situación], bautizado coma Peliqueiro.

Comezamos cunha Vichyssoise de apertivo, para limpar o padal e entrarlle a partires de aquí a unha presenza in crescendo do ingredente principal a medida que transcurría o xantar. As Croquetas mal feitas, unha novidade deste ano, foron o primeiro contacto. Nótese que é o nome do prato e non unha apreciación persoal.

Continuamos co recentemente premiado Rissoto caldoso de Lamprea, un dos pratos que xa coñecía e repostou as espectativas.

E a esta altura, chegamos ao meu preferido sen dúbida. A ensalada de lamprea ao espeto con verduras asadas, onde a textura da lamprea somente marinada e marcada á prancha rematou por deixarme sen palabras.


Finalizamos os pratos principais cunha receita tradicional do noso prehistórico acompañante: á bordalaise, coa que dou o contrapunto ao resto de preparacións. Uns grans de arroz salvaxe asinaron a presentación.



Como sobremesa presentounos un sorbete de mazá verde, sobre chocolate e compota, fantástico para refrescarnos.



A traca final veu da man desta orixinal presentación dos petits fours unha peculiar tella presentada sobre un auténtico disco de vinilo.

Os caldos acertadamente seleccionados por magago foron un Marboré 2003, D.O. Somontano que nos acompañou na primeira parte do menú e un Avan Concentración, Ribera del Duero, co que culminamos os pratos de lamprea. Na miña opinión a carta de viño aínda que ampla, bótanse en falta máis referencias galegas de calidade e un axustamento nos prezos.

O prezo: 52 € que con bebidas rematou en algo menos de 62 € por cabeza,; moi amábelmente, fomos convidados aos cafés e ás copiñas de viño de porto coas que puxemos fin ao xantar.

Os meus compañeiros botaron de menos o tamén famoso timbal de lamprea que prepara o Chef Rivera, que non forma parte do menú degustación, máis que puidemos ver cando llo servían á mesa do lado. Aínda que eu xa tiven a sorte de probalo, como os demáis comensais non, quedou pendente para outra ocasión.

Hai unha cara escura na lamprea que se mestura co seu sangue, e lle da sona de indixesta. Cada un terá as súas experiencias e non é día de contar as miñas, mais un experiencia coma a de hoxe ensinoume que parte da culpa tamén está no comensal. Unha reparto equilibrado de doses coma o que desfrutamos hoxe, evita este tipo de molestias.

Un paseo pola vila ilustrado por dous cicerones de excepción, culminou esa xa tardiña. Un breve paso por A Casa dos Martínez, que haberá que visitar, pola boa sensación transmitida na conversa con Quique Martínez e as recomendacións de quen xa o visitaran, o Pazo de Quito, o Convento do Carme e en especial a Igrexa de Santiago de Padrón, que como se dunha historia de aventuras e misterio se tratara, agocha baixo un altar o pedrón, o cal espertou todo tipo de conxeturas e fantasías ao seu redor.

Coma sempre, sacamos unhas fotitos, comemos, bebemos e pasamos unha estupenda tarde, en mellor compaña. Finalizando cunha despedímonos deica a vindeira xantanza que xa está aí, como quen di…

As visións de Gourmet de Provincias, Manoel Foucellas e Magago.

Publicado en Gastronomía,Restaurantes | 7 Comentarios

V Xantanza. Lamprea en Casa Emilio

O meu paso polo Forum rematou (que non as crónicas), deixando unha resistencia natural a baixar dese podio de nova gastronomía na que estaba aupado. O mundo real non ten moito que ver con aquilo, pero non por iso é peor.

Os blogastrónomos cambiando radicalmente o estilo das xantanzas anteriores, optamos por un producto e eleboración más tradicional, e nesta época non pode ser outro que a Lamprea.

Comezamos o día, realizando traballos varios, e reservando unha horiña para por remedio a unha situación insostible. Descoñeciamos as Torres de Oeste. Así demos un paseiño, tiramos unhas fotos, e á hora acordada dirixímonos ao punto de encontro: a Taberna Vikinga. Non falarei máis deste tema, porque o ten perfectamente documentado moraiminha, tanto esta primeira parada coma a segunda.

A seguinte parada foi Casa Emilio é un restaurante tradicional. Situado á beira da vía do camiño de ferro Vigo-A Coruña, pode lembrar inicialmente á Estación de Cambre pero nada máis lonxe da realidade.



Recibiunos esta magnifica cesta de pan na mesa, un alimento que desgraciadamente sorprende cando é de calidade, e cada vez é máis difícil de atopar.


O menú non ten moito comentario. As imaxes falan soas da homenaxe que nos dimos para pechar unha semana de choio no forum. Abriu un tradicional Salpicón de marisco.



Seguido por unhas magníficas cigalas á prancha.


E rematando coa celebérrima Lamprea á bordelesa, cociñada no seu sangue, e acompañada de arroz e pan fritido. Curiosamente había dous BGG que non a probaran nunca: os Sres. de Foucellas. Hai que recoñecer que a presentación non é moi atractiva. Unha cousa negra con máis pinta de serpe que doutra cousa, non é moi apetecible, mais como ben recoñeceu a Sra. Foucellas, o mesmo pasa coa morcilla de León e… ben boa que está!

A xulgar por como quedaron os pratos, non creo que lles disgustara moito.



As sobremesas eran a elixir, e como se pode apreciar optei por seguir tradicional, e un probar o queixo con marmelo.

Todo isto regámolo con Martín Codax e Tinto Pesquera. Non vou opinar sobre un Rías Baixas porque non sería imparcial, e sobre o Pesquera, penso que lle iría mellor un Mencía Summun da Ribeira Sacra, para que quedara todo na casa, pero non houbo queixa.

Cafés, licores e ata puros (e non me preguntedes porqué, pero non me queixei do fume), seguida dunha sesión Karaoke, que pasará á pequena historia dos BGG, coma un dos momentos míticos.

O mellor é que despóis de sair de alí, aproveitando a anormal benignidade metereolóxica, fomos de terrazas a Carril. Unha primeira parada onde nos entregamos a unha das grandes creacións Made in England: O Gin Tonic. Para que logo critiquemos a cociña inglesa, como ben dixo Xesús.

Finalmente culminamos a noite co descubremento de O Loxe Mareiro, onde nos deron máis das nove. Boa xente, mellor ambiente, e un lugar privilexiado da Ría de Arousa… que máis se pode pedir…

Teño que ir ao médico, porque sempre son dos últimos en irme das Xantanzas… é grave doutor?

Coma de costume ligo as versións dos meus compañeiros. Non hai coma ler varias versións do mesmo suceso.

O madrugador gourmet, o arqueólogo magago, as fotos de Cesar, o mini apunte de Sole e a visión cinéfila de moraiminha.

Publicado en Gastronomía,Restaurantes,Xantanzas BGG | 5 Comentarios

Chef Rivera

Mentres o Grupo Nove andaba de festa con Pista Catro na Sala Compostela, decidín abandonar ao groso do público e ver quen era este clásico da cociña galega que é o Chef Rivera, que xunto a Toñi Vicente son os nomes clásicos que resoan no fondo das miñas lembranzas gastronómicas. Sempre referencias de oídas, mais nada en concreto.
Así que tiven a sorte de velos aos dous no mesmo obradoiro, Toñi de público, e o Chef Rivera como protagonista, xunto ao seu fillo Alejandro.

O chef Rivera no Forum Gastronómico de Santiago de Compostela

Pero a verdadeira convidada era a lamprea. Esta gran descoñecida que foi tratada por completo alí mesmo. Dende a súa limpeza, abrindo unha alí mesmo, coa facilidade de quen xa o fixo varios centos de veces, ata a presentación dunhas cantas receitas, que incluiron a tradicional Bordelesa, e outras polo visto tamén típicas dalgúns lugares coma o Timbal de Lamprea, da que podedes ver unha imaxe da pantalla con pouco detalle, pero que da unha idea do concepto do pan coma contedor de peixe e salsa, fermoso… e delicioso, porque tiven o privilexio de saboreala. A continuación amoso as dúas degustacións que nos ofreceron o timbal, que estaba espectacular.
.Timbal de Lamprea polo Chef Rivera no Forum Gastronómico de Santiago de Compostela
E finalmente o falso risoto de arroz basmati e lamprea que foi unha marabilla de presentación, sabor, aroma… nunca pensara eu en usar arroz basmati para un risoto (aínda que sexa falso, por non levar tona, nin queixo).

Falso Risoto de arroz Basmati con Lamprea polo Chef Rivera no Forum Gastronómico de Santiago de Compostela

Durante a exposición amosouse afable, respostando consultas de todo tipo, e ofrecéndose a dar receitas a quen llas pedira. Dou trucos e consellos para a preparación, coma a lamprea rechea, que el dicía non cociñar e non atopar boas combinacións na cociña tradicional, chourizo, ovo… el dixo que a enchería de… troita.

En definitiva, unha magnífica experiencia que o colocou na lista das vindeiras visitas gastronómicas.

Publicado en Fórum Santiago,Gastronomía | 2 Comentarios