Restaurante Trébula. Sorpresa no Morrazo

Ter unha orientación á hora de saír non ten prezo. E certo que dende que temos ese gran amigo coñecido coma Internet, a cousa é máis doada, pero dende o meu punto de vista, non sempre é así.  A intelixencia colectiva que alimentamos creando contido nese grande océano de información que é Internet, obríganos a botar o aparello axeitado. Se a malla é moi mesta,  apañamos todo, se é rara haberá algún peixe pequeno, pero de grande valor, que acabará por colarse.

Aínda así, as veces unha recomendación directa ten un valor especial. E este foi o caso que nos ocupa. Rescatado do fondo do armario, fago visible visita a Cangas do Morrazo do mes de abril. Hai pouco preguntáronme por el e tiña idea de que xa escribira algo. Obviamente non foi así.

O Restaurante Trébula atópase no Paseo marítimo de Rodeira en Cangas do Morrazo, dende as súas mesas máis privilexiadas pódese desfrutar de envexables vistas doskyline vigués, moito máis atractivas na noite, e do ronsel de embarcacións que cruzan a ría uníndoas.

O menú de aquela comezou con sopa de tomate con ibérico e crema de corales con fideos de arroz



Atun con cogombro picante



Sardiña con pan



Xurelo con verduras e caldo curto afumado



Peixe sapo mariñado e gromos



Pescada con espárragos e chícharos pelados



Foie con tosta de pasas e noces e reducción de PX



Solombo con pataca especiada



Tetilla con froitos vermellos



Sopa de biscoito de manteiga con xelatina se augardente



Unha boa opción para comer en Cangas, con pratos ben presentado, e un trato en sala excepcional, onde cun prezo contido. Sinto non lembrar o importe exacto, nin o viño que nos acompañou pero estou por apostar que foi o grande Contraparede, que polo que me comentaron deixaron de producir.

Publicado en Gastronomía,Restaurantes | 10 Comentarios

Restaurante La Oca. Un salón-comedor cheo de sabores

Disto moito de ser un gran cociñeiro, pero as veces cando me meto entre olas e tixolas, recibo un inmerecido cumprido:

Nunca pensaches en montar un restaurante?

Un que, por sorte ou desgracia, ten a unha profesional na familia, sabe ben que non é mesmo preparar un xantar ou cea para 4 ou 6 amigos que alimentar un sala chea de comensais, sen esquecer a anarquía horaria que acostumamos practicar, e que as datas que consideramos festivas ou de descanso, son as habituais de producción para estes traballadores e empresarios deste sector.
Todo isto ven a conto, porque o Restaurante La Oca estivo virtualmente vedado para nos durante ben tempo. A apertura habitual e ao mediodía durante a semana e as noites de venres e vesperas de festivos. Precisamente un festivo local era unha desas raras oportunidades que decidimos aproveitar.


O comedor lembroume ao salón da miña casa (ou de tantas outras) nun día de festa. As cadeiras, as paredes inzadas de pratos, imaxes e cadros, as lámpadas e apliques, o chinero… non sei se foi casualidade, pero ata os comensais que nos acompañaban, semellaronme figurantes escollidos para recrear un ambiente máis fidedigno. Un, ao que xa lle branquean os cabelos e as pernas alcanzan ao chan,  sentiuse máis novo, coa presión das debidas advertencias antes dunha visita, para causar unha boa impresión comportándose correctamente.
O trato cordial e cercano de quen nos atende (xunto con algunha chamada de móbil, sempre fora de lugar), dispersa eses pensamentos e centranos na carta. Chegamos cunha idea fixa. O menú degustación sorpresa que cun prezo de 35 € (+ IVE) e o noso obxectivo inicial, mais asexar os segredos da carta por desbotar algún prato con un ingredente menos apetecible (todos temos algún) e facer unha quiniela
mental sobre que pratos escollerías, forma parte do ritual.

A elección do viño xa é amolado sabendo o que vas comer, nin te atrevas se o menú é sorpresa. Os espumantes son o noso comodín, e o Champagne vaise de prezo, un cava servirá. Comezamos.



Ensalada de lamprea con aceite de pementa verde



Revolto de centola, laminas de bacallao e mazá



Ovo pochado con especias e trufa branca do piamonte



Bacalhao a 65º con pilpil de allada e pisto



Solombo de cervo, confituras caseiras e salsa de foie, queixo de cabra e azafrán



Torrada e xeado de turrón

Acompañamos a aventura cun Juvé & Camps Reserva de la Familia Brut Nature, augas e unha infusión foise a algo menos de 60 € por cabeza.

Unha homenaxe en toda regla, do que salientarei especialmente a ensalada de lamprea, coa que teño unha relación desigual, e que non agardaba probar novamente este ano, xunto co bacallao (impecable), e os surtido de acompañamentos para o cervo, realmente un espectáculo.

Definitivamente, entrará nos meus recomendados de Vigo, e nas candidaturas de futuras xantanzas, o que non sei é como imos facer para organizar a data… quen sabe… quizais a primeira Ceanza?  (Academico ou morte  para este neoloxista afeccionado ;-))

Publicado en Gastronomía,Restaurantes | 1 Comentario

María de Medeiros

Cando moraiminha me dixo que viña María de Medeiros ao Pazo da Cultura de Pontevedra, pregunteille quen era esa muller co mesmo nome ca actriz portuguesa de Pulp Fiction. Sorprendentemente resultou ser a mesma persoa, e onte fomos vela.

Magnificamente contornada por un pianista bretón, un contrabaixista turco e un percusionista brasileiro, repasou o seu disco A little more blue que segundo os comentarios que fixo entre tema e tema, son unha escolma de cancións, maioritariamente brasileiras (Chico Buarque, Caetano Veloso…), que significaron algo para el durante a súa adolescencia e xuventude.

Dun xeito, diría eu didáctico, enunciaba as traduccións ao castelán das letras, seguramente porque así o ten preparado para a xira española. Algo totalmente innecesario, para actuar aquí, que lle quedou claro cando dubidada se dirixirse ao seu público en portugués ou castelán.

Non hai moito máis que dicir, mellor escoitala e que cada quen xulgue.

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/IWnsb0Yq2qM" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Publicado en Concertos,Espectáculos | Comentarios cerrados

Máis berberechos en Pontevedra

Mentres as brétemas causadas polos comedores de carne se resisten a abandoarme, deito este pequeno apuntamento, antes de desfrutar dunha reparadora sesta, e prepararme para os eventos do día.

Onte enterouse Moraiminha casualmente de que estaban os de Máis Berberechos no Café Moderno de Pontevedra co gallo do Enterro do Loro Ravachol. E este un programa que escoitamos os domingos deica quedar a durmir, e co que resulta entretido. Así que ata aló fomos, a pasar un bo rato, e agudizar o noso mal estado de saúde física e mental.

Para que vexades o ambiente teño un pequeno video ilustrativo…
[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/B9yHzGvDwfc" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Ian todos vestidos co traxe da Galescola, e a delegada da clase levaba unha libreta co padriño. Realizaron unhas cantas entrevistas, compartiron unha bica e licor café… unha festa.


E compartindo a noite co equipo e outros invitados, déronnos as tantas…

Malia o meu mal estado, conseguín subir o resto das fotos ao seu álbum correspondente.

Publicado en Actualidade,Persoal,Radio | 6 Comentarios