Viva La Vida Tour – Coldplay – O2 Arena – Praha – CZ

Mentres Gwyneth Paltrow andaba a presentar a súa aventura gastronómica en New York, fomos a Praha a ver ao seu home e os colegas (Coldplay), con tan boa sorte que cadrou co casamento de Óscar e Saša en Neznasovy. Mais esta historia que deberá ir noutra entrada (ou iso espero).



O O2 Arena, antigo Sazka Arena, é, aínda que na imaxe non se aprecie ben, un multiusos espectacular onde habitualmente xoga o HC Slavia ao Hoquei sobre xeo, e que pendurou o sold out, para a primeira visita desta banda á República Checa. Un gran escenario con dúas pasarelas nos extremos, unha descomunal pantalla na que se proxectaron distintas imaxes, xunto con 5 bolas que amosaban imaxes e video coma se dun cine esférico se tratase, uns canons laser, e distintos tramos con luces que penduradas da cúpula subían e baixaban completaron a posta en escea.

Tras Albert Hammond Jr. (guitarrista de The Strokes) e unha interminable espera na que o público se entretivo ca ola, apareceron no escenario e Chris Martin, abriu o espectáculo cunhas verbas en checo que por suposto non entendín, e continuaron co seguinte setlist extraido de mycoldplay.com:

Life In Technicolor
Violet Hill
Clocks
In My Place
Speed Of Sound
Cemeteries Of London
Chinese Sleep Chant
42
Fix You
Strawberry Swing
God Put A Smile Upon Your Face (techno version)
Talk (partial – techno version)
The Hardest Part (piano – Chris)
Postcards From Far Away (piano instrumental)
Viva La Vida
Lost!
The Scientist (acoustic)
Death Will Never Conquer (acoustic – Will singing)
Viva La Vida (remix interlude)
——
Politik
Lovers In Japan

(Por aquí tocaron Fix you de novo)
Death And All His Friends
——-
Yellow
The Escapist

Un dous meus temas preferidos (God Put A Smile Upon Your Face) foi literalmente destrozada nunha versión supostamente techno, cos 4 compoñentes nun escenario rodeado de xente ao estilo U2, e tirando de batería programada pero moi cativa e un, cando menos desafortunado, efecto na guitarra elexido por Jonny Buckland.

Despois de Lost!, os catros compoñentes da banda comezaron a correr por un carreiro entre a pista e as gradas (lémbrade os campos de hoquei das películas). Precedidos dun enorme individuo, pensei que ían dar unha volta a toda a pista, para aumentar a excitación do público, a nosa sorpresa veu cando suben pola noite escaleira e xusto á nosa altura se meten no espazo reservado aos minusválidos, onde nun pequeno escenario portátil sucedeu isto.

[kml_flashembed movie=”http://www.youtube.com/v/KPvn7B36R0U” width=”425″ height=”350″ wmode=”transparent” /]

Vese que hai a quen lle tocou máis perto deles, mais afortunadamente non fomos nos, porque xa estaría divorciado ;-).

A continuación tocaron Death Will Never Conquer e fuxiron pasando novamente a poucos metros, rodeados dunha escolta de gardas de seguridade, que non os abandoaron en ningún momento.

Non foi esta a única curiosidade da noite. Cando tocaron Fix you, na primeira parte do concerto, seica non quedaron moi contentos con ela, e Chris pediu perdón pola interpretación en canto remataron. A sorpresa veu cando soou novamente no primeiro bis, incluindo algunhas modificacións coma:

It’s our first time in Prague

and we fucked up the song

e algo máis que non puiden entender, pero que fora destas modificacións, resultou nunha impecable reproducción da peza orixinal.

O comezo do segundo bis con Yellow, saltando a introducción acústica, todos xuntos, centrados na batería, cun só impacto sonoro, foi o comezo do fin dunha actuación na que esperaba ver a unhas estrelas do pop e non esperaba moito é que me transmitiu emocións inesperadas, e que formará, inevitablemente, parte das miña selección particular.

Publicado en Concertos,Espectáculos | 2 Comentarios

Gastronomía checa do Nadal. Comida

Non lembro ter feito nada útil nun primeiro de ano, e iso que xa non son un rapaz. A festa foi tranquila, co que tampouco nos erguemos moi tarde, por iso aproveitamos para visitar Praha o día 1 de xaneiro. Cousa que non penso que fixera en ningures… coido que nin en Pontevedra ;-).

Collemos o metro (liña amarela) e paramos en Můstek ou Národní trida para desfrutar dun paseo matinal baixo cero polo centro da cidade. Atraídos por unha forza invisíbel, diriximos os nos pasos cara
Staroměstské Náměstí (a Praza vella), onde nos topamos cun mercado de nadal. Alí descubrimos algúns do elemenos gastronómicos do nadal-inverno checo.


Imaxinade unha filloa feita de pataca. Iso é un Lokše. Non se trata de ningunha lei orgánica checa, senon dunha preparación típica eslava. Tomámola rechea dunha klobása (salchicha). Alí (en realidade coido que por toda centroeuropa), non hai poucas variedades, senon un feixe delas, pero non teño os coñecementos da lingua, nin a información como para espallarme neste punto. Iso sí ainda non atopamos a que non nos gustar.

A continuación caeu un Langoš, que é outra masa a base tamén de pataca, pero neste caso vai fritida en abundante aceite. Acompáñase de ingredentes doces ou salgados. Neste caso era tomate e queixo a xeito de pizza. Non sei que graxas utilizaron para fritilo, pero podo garantir que o aceite de oliva alí é toda unha rareza.


A sobremesa foi un Trdelnik. É unha masa que vai envolta á unha barra polo que adquire esta forma tan particular. Actualmente se utilizan uns rolos de aceiro para a súa preparación e son cociñadas con gas, aínda que tamén atopei un auténtico e tradicional Trdlo de madeira que era quentado por brasas.

Fixádevos no bandeado das zonas do rolo que quedaban expostas ao intenso calor das brasas e por tanto se torraban. Era este  o reclamo do posto no que mercamos o exemplar que amosamos aquí debaixo, e polo boas que estaban penso que atinamos. O acompañamento é Svarak, pero deixo as bebidas para unha vindeira entrega.


Publicado en Česká republika,Gastronomía,Viaxes | Comentarios cerrados