VII Xantanza (I). Visita ao berce do Queixo do Cebreiro

Xa pasou o trago da organización, e aínda quedando lonxe da perfección, penso que non quedou tan mal a cousa. Vaiseme facer algo complexo resumir tanta actividade, polo que vou optar por varias entradas temáticas máis cativas, doadas de ler, e que me servirán para lembrar a xornada cando volte a elas.

Está visto que as xantanzas xa non son nada sen actividades paralelas, e para esta ocasión parecía un pecado pasar polas terras do Cebreiro e non visitar unha das súas queixerías. Por proximidade co noso destino, elixín a Queixería Xan Busto en Nullán (As Nogáis), unha das dúas da D.O.P. Queixo do Cebreiro.




Recibiunos Carmen, a matriarca que aturou pacientemente o complexo encaixe dunha caravana de mediaducia de coches, e aínda que eu esperaba que estivera sorprendida polo despregue de cámaras que acompaña aos blogastrónomos, quitounos importancia dicindo:

A semana pasada estiveron os da Galega.

Unha vez quedou claro que dous coches se extraviaran e ían comezar o aperitivo antes cos demáis, Verónica, a filla, guiounos cara o pequeno galpón no que se transforma o leite das súas oito vacas, e que cada 3 días sirve unhas 50 unidades desta pequena xoia luguesa.



Cunha producción dunhas 4000 unidades anuais, que xa ten vendidas, parece un bo negocio, pero o procedemento semiartesanal, desanima as propietarias para aumentar a producción.
Unha das cousas que me resultou máis curiosas, é o tema da forma de sombreiro invertido ou cogomelo. Actualmente os moldes só imitan o que antigamente non era máis que un sobrante de queixo que quedaba fora dos moldes, e se expandía cara a fora polo peso aplicado a modo de prensa.



Ter a producción xa vendida complicou a degustación, pero a un blogastrónomo non se lle pode deixar ir sen probar o produto, e finalmente fixémonos cun exemplar desa elaborado esa mesma mañá, e que levamos A Lareira para degustar, sendo para min un dos grandes éxitos da xantanza.
Queda iso sí, a arela de probar o Queixo Curado do Cebreiro, ese mito do que moito se oe, pero ninguén viu, e moito menos probou. Unha procura que ten toda a traza de levar o mesmo camiño có do Santo Grial… Só que os templarios eran uns afeccionados ao noso lado…

Publicado en Gastronomía,Xantanzas BGG | 2 Comentarios

70 € de queixo…

Estes días ando no aire. Visitas, traballo, un cambio de coche… non teño tempo para nada. A ver se remato algún dos rascuños que teño a medias.

Esta é a imaxe da que falaba na primeira entrada de hai uns días sobre a feira do queixo do Cebreiro onde comentei que gastara máis de 70 € en queixo. Lémbrovos que o centro da imaxe levou máis da metade dos cartos. Á esquerda temos un queixo curado de leite de vaca de Queixos Pacita (Friol, Lugo), productora esta que tamén fan un producto con queixo de ovella, mais tiñamos cuberto ese flanco con O Rexo producido por COVIGA, cooperativa alaricana, da que xa oira falar, e da que por fin vou poder probar os seu productos.

Da sorprendentemente ampla representación do San Simón da Costa, escollín, un pouco ao chou a verdade, o de Queixería Valado, e para finalizar de alén das nosas fronteira, pero non moito( Ambasmestas para ser exactos) Veigadarte especializados en queixos frescos de cabra, de coidada presentación en ampla variedade. Se non lembro mal escollemolos de allo e pirixel, e guindilla verde.

Para os prezos xa pasaron moitos días, pero penso que os rulos eran a 4 € e o resto ían no rango de 7 a 9 €.

Publicado en Actualidade,Gastronomía | Comentarios cerrados

XXII Feira da D.O.P. Cebreiro

Ultimamente estou preocupado. Son unha persoa caseira e arrincarme do meu fogar é unha tarefa ben complexa. Gustame viaxar, iso é certo, mais  cando isto implica un desprazamento longo: coller un avión, un tren, pasar varios días fora da casa… o resto de pequenas fuxidas dun día non son algo que me chame. Ou quizais debía dicir chamara, porque os pouco menos de cincocentos quilométros que papei antonte, para ir a Pedrafita do Cebreiro non teñen moita explicación.

Stand do Queixo do Cebreiro
A desculpa foi a celebración da XXII Feira da D.O.P. Cebreiro, e como non tiñamos moitos plans para esta semana santa optamos por ir ver que se cociñaba nesta minúscula D.O. A D.O.P. Queixo do Cebreiro debe ser a asociación deste tipo máis pequena posíbel. Só dous produtores están acollidos nela; Quexerías Castelo de Brañas, S.L., que comercializa baixo a marca Castelo, sita na propia Pedrafita do Cebreiro, e que probablemente sexa a que todos coñezades por estar bastante ben distribuida (eu teñoa mercado en grandes superficies sen problema), e Carmen Arrojo Valcarcel, localizada en Nullán, no veciño concello de As Nogais que comercializa o Xan Busto, que como curiosidade, comentarei que ás 13:45 h cando fun mercar un queixo xa remataran as existencias.

A conxunción da feira mensual coa de enxalzamento do queixo converteu a vila nun fervedoiro de xentes e vehiculos, que aínda sendo a primeira ocasión na que me paseaba por esta feira, levei a impresión de que as expectativas de asistencia foran ultrapasadas. Había un coche metido en canto curruncho  era posible.
Receitas queixo do cebreiro, paté, tarta e croquetas

A noso pequeno periplo comezou pola nave na que se degustaban catro receitas do queixo: tarta de queixo ao forno e croquetas (en primeiro plano), e paté de queixo con bonito, e pementos (ao fondo xunto a un par de ringleiras maís da magnífica tarta de queixo. Aquela nave estaba chea de xente, pero aínda había máis que comer. Credeme se digo que todo sabía marabillosamente pero a tarta de queixo botaba por fora.

No paso de rigor pola nave de expositores sorprendeume a presenza de queixos de Friol, San Simón da Costa… e non era de extrañar xa que unha feira non se fai con dous fabricantes e un expositor da D.O., pero sorprendeume non ver aos artesáns que fan as súas produccións de xeito tradicional fora da denominación. A miña sorpresa veu cando lin hoxe que os produtores particulares tiñan o seu espazo no Centro de Artesanía, quee con ese nome non nos chamou a entrar, xa que viñamos a tiro fixo. Xa o dicía a miña nai: o que non sabe e coma o que non ve.

Cando a motilidade intestinal presionou o suficiente, acercámonos a unha das múltiples polbeiras (de Melide para máis señas). Elixida por unha profesional non había nada que temer.

E deixo as adquisicións para mañá… máis de 70 € en queixo teño que xustificalas dalgunha maneira… é unha debilidade ;-).

Publicado en Actualidade,Eventos,Gastronomía | 7 Comentarios