Penes con polo e verduras especiadas. Sabe de carallo!

Quería escribir unha cousa pequeniña para revivir o blog antes da XII Xantanza, mais só a escribir o título xa me din conta de que ía ter que dar moitas explicacións… ou non.

Para situarnos. Cando digo pene quero dicir carallo, e non penne, pluma ou macarrón. En particular, a caixa pon Pasta de cazzo, Pasta Pene, por se quedara lugar a dúbida. Esta pasta é de Rude Food, unha atrevida proposta de alimentos sexuais (ou sexuados) que a xulgar pola ampla gama de produtos, os organos sexuais teñen moito que dicir na cociña. Xa veredes cando llos poña aos vindeiros convidados!


Esta preparación acostumo facela cando teño calquera resto na neveira e non queres quentar no microondas e repetir sabores. Cordeiro, tenreira, porco, polo… con tal de que estea cociñado serve, ata penso que con algún peixe coma o bacallao podería estar ben.  Máis ou menos a cousa ben sendo así.

A receita

Para a salsa, eu collo todas as verduras que teña en casa e pícoas miudiñas (neste caso, allo, cebola, cabaciño,  cenoura, pemento verde, e esparragos verdes). É de gran axuda unha mandolina, para raiar cenoura e cabaciño, por exemplo. Blanquear os esparragos e saltear o resto das verduras cun pouco de aceite de oliva virxe. Cando estean case listas engadir as especias, neste caso, pementa branca, caril, canela e un chile. Darlle unha volta e finalmente engadir o polo, para quentar e mesturar.

Servir sobre a pasta al dente. Si. Hai que cocela, senon está dura de máis.

E agora arranco para o PoioPOP, que en contra do que se podería pensar, non é en Poio.

Publicado en Gastronomía,Receitas | Comentarios cerrados

Receitas con philo (e V). Tartiñas de vieira, tomate e alfábega sobre pasta philo

O 21 de xaneiro de 2007 comecei a escribir esta receita. Así comezaba aquel rascuño:

Fai uns días falaba de Nick Nairn e anunciaba esta receita.

Pasaron máis duns días (máis de dous anos e medio), pero finalmente atopei lugar e tempo para él. Publicouse automáticamente esta mañá, sen revisar sequera, e dados os acontecementos desta fin de semana, xa vai quedar así.
Coma homenaxe a Island Harvest, a serie que me aprendeu que as vieiras se poden comer crúas; a xustificación do prezo dalgúns pratos aparentemente sinxelos e mil cousas máis, vou contarvos como preparo as tartiñas de filo.

Basicamente son tres partes, preparar o leito de verduras, enfornar as follas de filo e quentar as vieiras.

O leito leva cebola cociñada moi lentamente en aceite de oliva, ata case caramelizar, á que se lle engade tomate en cachiños e alfábega. Estes dous elementos quéntanse dándolle dúas voltas. Non se trata de cociñalos, só de potenciar o seu sabor. Na receita orixinal, retirábaselle a pel e a semente dos tomates. Eu penso que é moita leria. Se o tomate sabe ben, o prato será un éxito.

As follas de filo córtanse circularmente adaptándonos ao prato no que vaiamos servilas. Levan unha pincelada de manteiga, e van ao forno ata que collan unha cor dourada, coma a da foto. Tres ou catro son suficientes, aínda que o amigo Nick fai como 6 ou 8, e na miña experiencia iso pode facer moi complexo de comer. Cada un pode experimentar o seu equilibrio entre o punto crocante e as habilidades do comensal.

Finalmente as vieiras córtanse en forma de rombo (tíralle do aire), e pásanse uns segundos pola prancha ven forte.

A presentación sería, colocando varias follas de filo no prato, sobre as que se pousarán a salsa que preparamos previamente, e por riba os cachiños de vieira.  Máis ou menos como vedes na foto.



A dificultade está en ter todo listo a un tempo, para presentalo a unha temperatura axeitada.

Outras desfeitas que preparei con pasta philo: Philo Pizza , Philo pizza doce de mazá, Saquiños de foie con confitura de amorodo e reducción de moscatel, Roletes

Publicado en Gastronomía,Receitas | Comentarios cerrados

Receitas con philo (IV). Roletes

Outro xeito, quizais o máis doado, de utilizar a pasta é facer un rolo con ela. O rolete salgado é de coello escabechado. Unha preparación fantástica de moraiminha que se conserva moitísimo tempo, e permítenos tomar coello de caza fora de tempada.



Esta outra preparación sería igual pero con queixo de Burgos e marmelo. En realidade non fago un rolo senon pregues coma os dun plano. Un para un lado, pouso unha lasquiña de queixo, prego para o lado contrario, estendo un pouquiño marmelo,coma nunha especie de zigzag continuo, ata que remata a folla.
Fixádevos que vai un tempo mínimo ao forno e apenas ten tempo de fundirse o queixo, mentras co marmelo se fusiona ca fina película de masa. De momento non sei facer queixo. O meu doce de marmelo saese do mapa.



Outras receitas: Philo Pizza , Philo pizza doce de mazá, Saquiños de foie con confitura de amorodo e reducción de moscatel.

Publicado en Gastronomía,Receitas | 4 Comentarios

Receitas con philo (III). Saquiños de foie con confitura de amorodo e reducción de moscatel

Unha das moitas celebracións que fixemos cas boas novas que nos trouxo o noso bichoquiño, coincidiu ca presenza dun paquetiño de pasta filo, un pouquiño foie, as primeiras confituras de amorodo ás que lles engadin xelatina, e a idea de facer a reducción co Moscatel de Pasas Los Madroñales.

E dese xeito xa destripei a receita. Non hai moito misterio, nin orixinalidade, mais lembro con agarimo toda a experiencia. Unha vez tes todos os ingredentes a man, é doado de facer… e sabe aínda mellor. Cortar a pasta en cadros duns 10-15 cm (nada de risas con isto), e pousar no centro un anaquiño de foie. Recoller as catro puntas, e apretar no medio, abrindoas cara afora. Enfornar un ratiño, e presentar engadindo a confitura no alto do saquiño. A reducción de moscatel dalle un aquel, ao que me estou afeccionando…

Previously on Another cow in the corn: Philo Pizza , Philo pizza doce de mazá.

Non soi moi dado a estas cousas pero non me resisto a comentalo. Duascentas cincuenta (250) anotacións. Cando comecei non pensei escribir tantas parvadas.

Publicado en Gastronomía,Receitas | 2 Comentarios

Receitas con pasta philo (II). Philo-pizza doce de mazá

Para a mesma cea que fixemos a anterior Philo-pizza, preparamos unha alternativa doce aproveitando unhas mazás tabardillas que saben que se escarallan moi ben. A idea segue a ser realizar algo sinxelo pero con chispa. Mazá finamente cortada cunha mandolina, esparexer azucre moreno e canela por riba, ademáis deitar unhas pinguiñas de aroma de vainilla. Tamén fixen unha variante con mel de rosmaninho (romeu) procedente de Mirandela (Portugal), que quentei uns segundos no microondas para que unha vez licuada fose máis doada de traballar. Obviamente o mel sustitue ao azucre. Agora mesmo estame lembrando ao Apfelstrudel. Seguro que unhas pasas, e unhas noces picadas non lle ían mal, queda para outra volta.

Esta outra é unha aposta máis arriscada cun resultado positivo, afortunadamente. As lascas de mazá aromatizadas co curry que trouxemos de Exipto, e o mel que antes comentei. Magnífico. Está mal que o diga, pero aí está. A nota negativa está na potencia do ingredente. Boteino un pouco a correr, e onde caeu máis concentrado fíxose demasiado agresivo o picante. Supoño que servindoo a modo de azucre glass, cun coador ou outro aplicador creado a tal efecto os resultados serán mellores.

Outras receitas con philo: Philo Pizza

Publicado en Gastronomía,Receitas | 3 Comentarios