Máis receitas con philo (V). Apfelstrudel de pera estilo libre

Aproveitando as vacacións e para evitar perder moito tempo diante do ordenador, metinme na cociña. Como vedes o resultado é que estou a perder máis tempo diante da pantalla e compensando a falta de sol cun bonito moreno TFT.

O motivo de escribir esta receita é o seu ridículo título: un strudel de mazá nunca poderá ser de pera. Non hai máis explicación ca o meu esquecido alemán, e que as mazás gastáronse nunha saborosa compota, e só quedaban peras. Agora lembro unha receita de pastel de cabracho que moi amablemente me explicaron, e na cal había surimi, pescada e unha chea de ingredientes máis, e na que non aparecía o peixe homónimo por ningures. Moito me rin con aquela receita, e agora tamén con esta.

Quen queira facer unha receita en condicións mellor que se dirixa a este enderezo, se polo contrario, queredes perpetrar unha sobremesa relativamente doada de libre interpretación… alá vos.


Vexamos, utilicei 4 follas de pasta filo, unhas cantas peras (medio kilo máis ou menos), uvas pasas (ao gusto), arandos deshidratados (porque cadrou que había), ron checo Božkov Tuzemský, manteiga, pan relado (50 g), azucre panela, esencia de vainilla natural e canela en pó.

Penso que está todo. Preparación. Vexamos, hidratar as uvas e arandos. Escorrer e deixar de mollo en ron checo (pouca cantidade). Derretemos unha pouca manteiga (digamos 50 g) nunha tixola e douramos o pan relado, engadimos as uvas, arandos e ron (por iso dicía que pouca cantidade), a canela e unhas pingas de esencia de vainilla, e retiramos do lume para darlle unhas voltas coa idea de misturar e que non se queime. Reservar. Se es moi lambón aproveita para botarlle azucre antes de retiralo.

Cortar as peras ao medio, e retirar as sementes. Eu non retirei a pel (todo o mundo sabe que é onde están as vitaminas), e procedín a tirar unhas rodas de pera tan finas como me foi posible (que non foi moito). Non hai problema, a pera se está ben maduriña vaise cocer no forno perfectamente.

A parte da filo é a máis delicada, coma sempre. Armarse cun pincel e unha boa cantidade de manteiga derretida. Estender dúas follas de filo nun mesado e mollalas coa manteiga. Pousar un par de filas de fatias de pera, e/ou a mestura reservada, e pregar por riba, repetir ata que remates as follas, momento que aproveitarás para facer o propio con outras dúas follas de xeito que teña unha altura coma a da imaxe. Eu penso que fixen como catro veces o procedemento dúas de froita e dúas de zaragallada alternándose. Lembra fechar os extremos, para que non fuxa o contido.

Cando consigas rematar, máis manteiga para darlle un brillo dourado e un pouco de azucre panela por riba, daralle eses puntos escuros de caramelo. Forno 30 minutos 180º altura media. Isto non é lei, cada quen vixíe o seu pastel.

Acompañeino dun sorbete de mazá que tiña no conxelador, para botar por terra toda a miña exposición inicial, sobre peras e mazás (Isto lémbrame )

Publicado en Gastronomía,Receitas | Comentarios cerrados

Bolachas de nata. As miñas galletas preferidas

O que ten este novo estado de gracia no que vivo, é que teño un horario de pitiño. Érgome cedo, e pola noite en canto marcha a luz xa non podo comigo. Poñamos por exemplo o día da X Xantanza. Normalmente o día de Xantanza adícase en exclusiva para iso. Máis nada. Nesta ocasión, ao coincidir a alborada cun troco de cueiros, aproveitei para facer unhas bolachinhas, coa tona tirada do Leite do Alle. Ao ser leite cru, é recomendábel  fervela para o consumo, e un lembra a diferenza entre o leite e o que se merca nas tenda. Esa tona traeme saudades doutro tempo, da casa da miña avoa cando aínda tiñan unha vaca, e tomabamos ese mar branco con escuma e algún lixo que sempre caía e aboiaba nel. Ao fervela, retirando a tona e xuntándoa coa de varios días, a miña nai facía unhas galletas de nata que adoraba.

A receita da miña nai era un parte de tona, outra de azucre e outra de fariña. A súa tendencia ao doce fixo que reducira o edulcorantes e  se convertera en:

  • 1 parte de tona
  • 1/2 parte de azucre moreno de caña
  • 1 1/2 partes de fariña (en realidade á que leve).

A que leve é un matiz que pode asustar inicialmente, pero unha vez que comeces a amasar notarás que por moito que indiquen as receitas, non todas as fariñas son iguais e o mesmo sucede con todo o resto dos ingredentes.
Unha vez amasadas, estiranse cun rolo co espesor desexado, e cortanse cun vaso, ou mellor un molde para darlles forma.



Fixen unha bandexa que pintei con ovo batido para que tiveran un remate máis atractivo, e logo probei a botarlle canela moida a unhas poucas e esencia de vainilla a outras. Sempre te atopas co problema de saber cales che gustan máis ;-)

Publicado en Gastronomía,Receitas | 4 Comentarios

Ovos con cigalas e verduriñas

Onte tiven unha xuntanza que me obrigou a reincorporarme ao traballo. Por sorte, a cita era pola tarde, co que puiden adicar a mañá a facer lavadoras, lavar louza, e cociñar. Entre outras cousas preparei un bote de confitura de pemento amarelo, e logo pensei en utilizala para algo, porque sempre que preparas conservas, hai algún envase que non enches completamente e tes que consumir máis axiña.

Como a nova avoa Mercedes pensa que pasamos fame, trouxonos unha caixa de verduras e hortalizas, ovos e unhas cigalas. Tiña dúas opcións, metelo todo na Thermomix, temperatura varoma e velocidade 6 uns 10 minutos, ou ben inspirarme nun dos pratos da IX Xantanza no Restaurante Alborada. Xulgade vos mesmos.

Ovos con cigalas, verduriñas, co seu caviar e confitura de pemento

Acompañado de pan de centeo e unha das  derradeiras botellas de  Moraima 2007… non sei que máis se pode pedir.

O nome que tiña pensado era: Ovos con cigalas e verduriñas, acompañado do seu caviar e confitura de pemento. Ao escribilo, pareceume demasiado pretencioso e rematei por acurtalo.  E facédeme caso. Na vindeira ocasión na que poidades probar as ovas das cigalas, dicídeme se é posible concentrar máis o sabor a mar.

Publicado en Gastronomía,Receitas | Comentarios cerrados