VI Xantanza, I Bebenza ou as sorpresas continúan no Ribeiro (e II)

Tras unha mañá alongada deica as catro, e non sen pedir mil veces desculpas por chegar a Casal de Armán unha hora depois do previsto para xantar, adicámonos a comentar as experiencias vividas, case coma nunha sobremesa. Fora do programa, visitamos a adega anfitriona, da cal, como non podía ser doutro xeito, xa tiveramos dado boa conta dos seus caldos, aínda que todo hai que dicilo, en menor medida que noutras ocasións por motivos obvios.



En Casal de Armán non podían ser menos e agochan os seus tesouros. Durante o xantar, doume por preguntar se elaboraban Tostado do Ribeiro, mais a resposta do camareiro: Fan algo pero non sei se queda… Lonxe de aplacar a miña curiosidade, estimulouna coma a dun cativo, e cando no medio da visita preguntei novamente polo tostado, contarónnos que o estaban a preparar á moda da casa. Oito anos duraba o proceso e ían polo cuarto… Moito tempo de espera. Afortunadamente, outra peculiar vinificación nos estaba reservada para probar. Conxelación a -25 C, para retirar unha parte da auga e acadar un caldo dourado coma os acios maduros dos que ven. Por non levar un caderno, a información pode ser parcial e ata errada, mais non así as sensacións que lembro… tanto é así que voltarei pasado o verán a ver se é certo que o teñen finalmente listo…
Dirixímonos depois dunha mañá bendecida polo espíritu do mesmo Baco, a cultivarnos pero doutra maneira polas vellas rúas de Ribadavia. As estreitas rúas das súa xudería, guiaron os nosos pasos, axudados dos consellos de delokos, ata a Tafona de Herminia. Unha panadeira que por unha casualidade do destino comezou a cocer doces kosher baseandose en antigas receitas, e alí leva un par de décadas, acumulando lembranzas e anécdotas que non dubida en partillar con quen queira escoitalas.

Os seus son unha explosión de sensacións na boca, sementes de papoula, e fariñas de froitos secos forman parte de moitas das receitas, que sorprenderán polo ausencia das habituáis triga e milla.


A tarde caeu e a xenebra Citadelle e a súa tónica compañeira, Fever Tree, tomaron o control da situación, como non, noutra adega: Viña Meín, lugar que acolleu os nosos cansos ósos, e que se converteu no Falcon Crest particular do grupo de irreductibles blogastrónomos que amenceron no Ribeiro.

Só lembro que este ano xa fixen o tratamento preventido contra a malaria … ;-)

Publicado en Gastronomía,Xantanzas BGG | 1 Comentario

VI Xantanza, I Bebenza ou visita de amigos polo Ribeiro (I)

Nin máis, nin menos co Ribeiro, foi o escenario que soportou as novas aventuras dos blogastrónomos, mais a nosa conquista de Ourense non foi o único cambio desta nova reunión. Moitas novidades naVI Xantanza, que por méritos propios se converteu na I Bebenza. Visitas a adegas, paseos culturales, Gin-Session, e novos blogastrónomos invitados foron algunhas delas. Co que xa se leva escrito queda pouco que contar, polo que resumirei as miñas experiencias na medida do posible…


VIXantanza tagged map by user – Tagzania

Como se pode apreciar no mapa, non paramos en todo o día, cousa que xa presaxiaba o detallado programa publicado por magago uns días antes. Collemos un microbus, que encolleu fronte as contundentes dimensións dos blogastrónomos, fronte ao Castelo de Ribadavia, e acompañados por un guía da Consellería de Medio Rural, comezamos a exploración de pistas entre viñedos, salteadas de explicacións sobre a D.O. Ribeiro.



A seguinte parada foi en Barro (Leiro), na Adega Coto de Gomariz, onde dous extraterrestres se adican a revolucionar os caldos da comarca. Tras o rally por pistas embarradas visitando varios viñedos, cada un coas súas peculiaridades, e a non menos importante achega de información histórica que salpicou o tour (sabiades que hai documentos do século X onde se fala de vendas de viño do Ribeiro?), visitamos as instalacións, paso previo a xa esperada degustación. Agradezo a xentileza do enólogo (que me perdoe por esquecer o seu nome) permitíndonos sentir os 40 meses en barrica que pasou o seu novo VX aniversario, que aínda con nome provisorio, xa apunta a viño de coleccionista. Aínda non saio da miña sorpresa por falar dun viño galego con tan longa crianza, e desexo ver o día no que deixe de ser nova, e se convirta nunha práctica máis.



Cun retraso considerable sobre a axenda prevista, pasamos dunha adega co último en tecnoloxía vinificadora a unha de autor. En Cuñas (Leiro), visitamos Adegas Valdavia (gracias Alberto por correxir a ubicación en tagzania), un xeitosísimo exemplo de como tamén se pode seguir facendo un viño pegado á terra. Gustoume atopar a alguén que defendera que o viño feito con calma, non so resiste senon que gaña coa súa crianza en botella. Así foi como saimos con caixas de Valdavia 2006, mentres deixamos que o 2007 siga a facerse…

Espumoso do ribeiro con dúas décadas ao lombo. Foto de Cesar Carril.

En tempo de desconto, con Sole facendo de cuarto árbitro, aparecemos na Cooperativa. Bodega Vitinícola del Ribeiro e ese xigante que engloba boa parte da producción da D.O., e aínda que xa coñecíamos dende hai un tempo iniciativas que fructificaron en magníficos productos coma o seu licor café Lúa, ou o Tostado de Costeira, da a impresión de que a capacidade de sorprendernos non ten fin. Dende as notas de Xaponés na presentación (Youkuzo, Argimiro!) ata a irrepetible experiencia de probar un espumosos do Ribeiro con 19 anos de crianza, da cal podedes ver unha imaxe do fotografo oficial dos Blogastrónomos, Cesar Carril. De verdade, un momento para lembrar.
Fago aquí unha parada, non sen ligar coma sempre Continúo na II parte, aínda que recomendo a lectura de mellores comentaristas, comezando por unhas inevitables primeiras impresións do Gourmet de Provincias ; os primeiros comentarios dos BGG invitados Viticólogo dos Bagos que tivo que por desgracia debeu marchar precipitadamente, e Delokos que apurou o día ata o fin; Magago cunha prolificidade apabullante; Foucellas que nos lembra a anecdota eno-geek; a capacidade de síntesis de moraiminha; máis impresións da man de Sole; e Borralleira que nos descubriu todo o que escribe nesa misteriosa libreta negra, e finalmente máis preguiceiro que de costume Colineta.

Publicado en Gastronomía,Xantanzas BGG | 5 Comentarios

Acuse de recibo

Isto do código cociña éche unha carallada. Agora vou ter que informar dos miles de euros que me embolsaba por comentar restaurantes, viños, etc… Remataron os segredos. ;-)

Todo este conto ven a que acabo de recibir, servida directamente na casiña, esta caixiña coa que agasallaron os de Viña Costeira a todos os bloggers presentes no I Encontro de bloggers enogastronomicos.
Está composta por Treixadura do Ribeiro, Selección Costeira 2006, e unha privilexiada primeira botella da colleita do 2007, que segundo indican foi liberada do seu depósitos hai menos dunha semana. Unha parella que calquera día sufrirá unha mini cata vertical, pero non nun futuro cercano xa que aínda lle agardan uns meses na nosa adega (dous nos recomenda Argimiro), porque na miña opinión é cedo para esta colleita, e algún tempo máis non lle sobrará.

Completa o conxunto, no centro da caixa, o magnífico Licor Café Lúa Jamaica Blue Mountain, do que xa falei hai perto dun ano… e esta si que non dura meses…

Non podo menos que dar as gracias.

Publicado en Actualidade,Fórum Santiago,Gastronomía,Persoal | Comentarios cerrados

Moraima nos medios

Mentres ando a desfrutar dunhas breves e merecidas ferias, volto novamente a falar do Albariño Moraima. Nesta ocasión para facer unha pequena escolma do aparecido nos medios sobre esta nova bodega. É unha cuestión máis sentimental que outra cousa. Dentro dun tempo será fermoso lembrar estes momentos de incertidume, e ter un lugar onde recopilar os primeiros pasos nos medios de comunicación.

Prensa

As primeiras capturas das novas nos xornais. La Voz de Galicia, Faro de Vigo e Diario de Pontevedra, escribiron sobre a inauguración da adega.

Prensa especializada

Comentario de El placer de beber na revista Epicur do mes de decembro do 2007.



Televisión

Reportaxe sobre Viña Moraima emitido no apartado O Agro do programa A Revista da TVG, o 17 de xullo de 2007.

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/AKIOaCfL8SU" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Extracto do reportaxe sobre Barro emitido en Desde Galicia para o mundo da TVG, o 26 de agosto de 2007, no que se menciona Viña Moraima.

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/DnaK7sApIjw" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Internet

Vou salientar as tres primeiras mencións, e deixar que google remate o traballo. Así quedará constancia dos precursores, e seguirá a actualizarse a información.

Patrocinios

Moraima é un dos patrocinadores da 10ª Regata de Cruceros do Real Club de Mar de Aguete.

Outra información

Dosier de prensa de Viña Moraima:

Radio

De paso tiña ganas de probar a insertar audio (podcast), nunha anotación, e esta é unha magnífica ocasión porque dispoño da entrevista que lle fixeron a Salomé Cancela en Radio Galicia Cadena SER. O programa: Arroz con Chicharos, dirixido e presentado polos noso compañeiro blogogastrónomo Miguel Vila, e que foi emitido o 3 de xuño de 2007.

É a miña primeira experiencia e non domino o plugin, pero penso que haberá que premer nalgún botón dos que aparecen polo pe da anotación.

Publicado en Actualidade,Gastronomía,moraima,Persoal | Comentarios cerrados