XV Xantanza. Oh! Sushi. Dende as outras puntas do mundo.

Un cociñeiro arxentino que fai cociña xaponesa en Galicia. Pódesese pedir máis cosmopolitismo?. Velaí o cadro co que partimos nesta xantanza.
Oh! Sushi non era un descoñecido antes da convocatoria do pasado sábado. Hai pouco máis dun ano que o visitamos quedando con gañas de máis, e unha xantanza presentábase como unha das mellores oportunidades para retornar.

Contamos con dúas convidadas, unha repetidora Carmen Albo alias Guisándome la vida á que se ve que non asustamos o suficiente, e unha nova vítima María F. Tesouro alias María’s Recipe Book que sobreviviu e xa veremos se quedou con gañas de máis.

E coma sempre comezamos co menú:



Por se non entendedes a letra, podedes ver unhas imaxes que alimentan, porque esta cociña abre os sentidos entrando primeiro polos ollos, que é o único que podo compartir… e para o resto tedes que visitar o restaurante.

Se queres velo a pantalla completa que é máis lucido…
E difícil quedarse con algo, o figado de peixe sapo non parecía atractivo a primeira vista, e foi unha revelación, a ensalada de polbo con cogombro (un reto de xmanoel), a experiencia do sashimi de robaliza con 24 e 48 h e a interesante explicación en torno á procura do punto de consistencia e sabor ideais, a ensalada de atún picante un must se os visitas, os nigiri de rincha e ata o de pelexo de salmón que é un peixe que non me chama, o Gindara saikio miso (bacallao negro, mariñado en miso e ao forno) espléndido (do pouco que comimos cociñado).

<carallada>Por buscar unha defecto, faltou a panga. Agardabamos ese delicado bocado e as lonxas non nos quixeron desta volta, para compensalo aforraron moito en enerxía (gas, electricidade) na preparación da maioría dos pratos.</carallada>

Aínda a risco de repetirme, non podo esquecer o que publiquei onte no irmán pequeno deste blog: ACITC Intres Edition. Un dos momentos que pasarán a historia dos blogastrónomos coma míticos. Non é preciso comentalo só hai que ver o vídeo (que desgraciadamente non se deixa acompañar polas imaxes).

Para os que lles gustara a idea atopei a receita e nos videos relacionados unha chea de exemplos similares con outros alimentos vivos, pero que isto non asuste aos dubidosos comensais. Teño a sospeita de que foi un reto de Andrés contra nos. Unha especie:

de a ver se comedes isto!

A nosa velada resposta foi obviamente:

Vostede non sabe a quen lle está dando de comer!

Coma sempre tiveron que botarnos do local, por ese costume da longas sobremesa onde trituramos a preguntas a quen se deixa. O pobre Andrés acompañounos un bo pouco, restando tempo ao descanso para o turno da cea.



Gracias a el e ao seu equipo pola experiencia. A vindeira terá que ser na barra, que é o sitio onde se ten que comer o sushi, non si?

Outras visións do mesmo ágape: Capítulo 0 (Magago e FotoSole), Manoel Foucellas en Pantagruel Supongo.

Publicado en Gastronomía,Restaurantes,Xantanzas BGG | 18 Comentarios

Restaurante La Oca. Un salón-comedor cheo de sabores

Disto moito de ser un gran cociñeiro, pero as veces cando me meto entre olas e tixolas, recibo un inmerecido cumprido:

Nunca pensaches en montar un restaurante?

Un que, por sorte ou desgracia, ten a unha profesional na familia, sabe ben que non é mesmo preparar un xantar ou cea para 4 ou 6 amigos que alimentar un sala chea de comensais, sen esquecer a anarquía horaria que acostumamos practicar, e que as datas que consideramos festivas ou de descanso, son as habituais de producción para estes traballadores e empresarios deste sector.
Todo isto ven a conto, porque o Restaurante La Oca estivo virtualmente vedado para nos durante ben tempo. A apertura habitual e ao mediodía durante a semana e as noites de venres e vesperas de festivos. Precisamente un festivo local era unha desas raras oportunidades que decidimos aproveitar.


O comedor lembroume ao salón da miña casa (ou de tantas outras) nun día de festa. As cadeiras, as paredes inzadas de pratos, imaxes e cadros, as lámpadas e apliques, o chinero… non sei se foi casualidade, pero ata os comensais que nos acompañaban, semellaronme figurantes escollidos para recrear un ambiente máis fidedigno. Un, ao que xa lle branquean os cabelos e as pernas alcanzan ao chan,  sentiuse máis novo, coa presión das debidas advertencias antes dunha visita, para causar unha boa impresión comportándose correctamente.
O trato cordial e cercano de quen nos atende (xunto con algunha chamada de móbil, sempre fora de lugar), dispersa eses pensamentos e centranos na carta. Chegamos cunha idea fixa. O menú degustación sorpresa que cun prezo de 35 € (+ IVE) e o noso obxectivo inicial, mais asexar os segredos da carta por desbotar algún prato con un ingredente menos apetecible (todos temos algún) e facer unha quiniela
mental sobre que pratos escollerías, forma parte do ritual.

A elección do viño xa é amolado sabendo o que vas comer, nin te atrevas se o menú é sorpresa. Os espumantes son o noso comodín, e o Champagne vaise de prezo, un cava servirá. Comezamos.



Ensalada de lamprea con aceite de pementa verde



Revolto de centola, laminas de bacallao e mazá



Ovo pochado con especias e trufa branca do piamonte



Bacalhao a 65º con pilpil de allada e pisto



Solombo de cervo, confituras caseiras e salsa de foie, queixo de cabra e azafrán



Torrada e xeado de turrón

Acompañamos a aventura cun Juvé & Camps Reserva de la Familia Brut Nature, augas e unha infusión foise a algo menos de 60 € por cabeza.

Unha homenaxe en toda regla, do que salientarei especialmente a ensalada de lamprea, coa que teño unha relación desigual, e que non agardaba probar novamente este ano, xunto co bacallao (impecable), e os surtido de acompañamentos para o cervo, realmente un espectáculo.

Definitivamente, entrará nos meus recomendados de Vigo, e nas candidaturas de futuras xantanzas, o que non sei é como imos facer para organizar a data… quen sabe… quizais a primeira Ceanza?  (Academico ou morte  para este neoloxista afeccionado ;-))

Publicado en Gastronomía,Restaurantes | 1 Comentario

Restaurante Oh! Sushi. Vigo.

Como quen dí acabo de chegar de Vigo de experimentar novamente ca comida xaponesa, despois de pasar polo teppanyaki, e o kushi, atopamos en Vigo o restaurante Oh Sushi, a carón da Estación de Autobuses. Recomendado por Xosé Manoel na última xantanza, acompañounos, xunto a Cris e a Roi Mariño, na estrea na nova andaina deste local. Con este último dato, podese inferir que cando menos ten unha zona de non fumadores. Oh! Sushi é aínda mellor. Un local libre de tabaco.

Máis ben son poucos os coñecementos que teño sobre esta cociña oriental, polo que despois de visitar a súa páxina e facebook, enviei unha mensaxe tanteando a viabilidade dun menú degustación (pensar pouco, probar moito). A luba foi recollida por Andrés Medici, que nos sorprendeu cos pratos que siguen.
Os nomes poden non ser todo o correctos porque o xaponés non é o meu, pero máis ou menos a cousa foi así.

Aperitivo

Ensalada wakame kiuri

Tataki de bonito

Spice Tuna Salada (Ensalada especiada de atún)

Nigiri de Salmón con wasabi natural

Ebi furay roll

Garam Unaginokawa – Algo con anguía :-)

Nigiri de Vieira y caviar de trufa

Gyozas

Limón con Sake

Tiramisú de te verde

Anguía, bonito, vieira, algas… o conxunto foi redondo. En conxunto menos de 35 € (IVE incluído) por cabeza, con auga, cañas de Kirin e té verde.

Quedoume pena de probar un par de Sakes presentes na carta, voltaremos para o outono-inverno a probar o peixe branco na súa óptima estación.

Publicado en Gastronomía,Non fumadores,Restaurantes | 15 Comentarios

The Posies + Holywater. Sala Mondo. Vigo

Hoxe levanteime (atención! novidade) pensando que criterio se debe seguir á hora de dicir se un concerto foi bo ou malo. Quizais en función do son? calidade musical? elección de temas? actitude da banda?. A miña opinión agora mesmo (mañá terei outra) é que un concerto é bo se o pasaches ben nel, e definitivamente onte fun a un concertazo.
Nin foi á mellor actuación que vin de Holywater, con novo look naufrago de Ricardo, e a guitarra de Martín tan baixa que case non se oía, e a The Posies, cun Jon Auer pasado de kilos (pero mellor estar calado, porque coido que iso da idade e o peso é contaxioso) atopeinos un pouco desiguáis, e algo descoordinados por momentos, pero que máis da?

Paseino de medo, con Xosé Manoel, Cesarín e Ángela. Coñecía todas as cancións que se tocaron en case 3 horas de concerto; din chimpos e dancei o que quixen; non esperaba escoitar Coming right alone e sen embargo soou para fechar a primeira parte da actuación dos de Seattle, adicada a rememorar o decimo quinto aniversario da edición de Frosting on the Beater, que agora teño autografiado por Jon e Ken; puiden mercar, por fin, o Tranquility de Holywater, e así desvelar o nome da miña pista preferida, a oito, Last Ulcer,…. qué máis podo pedir?
Como documentación gráfica, á falta das fotos de Cesarinn que chegarán ou non, e pode que algún día ilustren esta entrada, tiro dun dos videos que subiu Refius, pouco despois de rematar a actuación.
[kml_flashembed movie=”http://www.youtube.com/v/wqXqtb6LWnA” width=”425″ height=”350″ wmode=”transparent” /]

Non ven moito a conto, pero como onte me lembrei da actuación do 2001 en La Iguana, subín estás imaxes de dúbidosa calidade que tomei ca miña primeira cámara díxital… e agora a durmila.

Publicado en Concertos,Espectáculos | 1 Comentario