Restaurante El Empalme – Rionegro del Puente (e II)

Xa comentei na anterior anotación case todo o que tiña que contar sobre o Restaurante El Empalme, polo que a utilidade desta entrada non é máis que amosar máis que nada graficamente, como foi o noso xantar de finais do pasado maio.
A situación estratéxica desta templo culinario, no cruce da N-550 coa N-631 e cunha privilexiada saída da Autovía das Rías Baixas faino un lugar ideal para realizar unha parada no noso tránsito cara á meseta. Por este motivo, durante un tempo, referiámonos a el, coma o restaurante de Mombuey , aínda que efectivamente pertenza a Rionegro del Puente (Zamora),  O maior defecto é o seu nivel de ocupación. Pensar en xantar alí, un día de comezo ou fin de ponte é algo que vai quedar niso. Nun pensamento. Das nosas últimas tentativas fallidas, lembro chamar cunha semana de antelación para recibir un completo por resposta e nalgunha ocasión tamén temos observado in situ, como un lento peregrinar de desexosos comensais, entraban e saían ao minuto por non ter realizada unha reserva previa.
Unha vez sorteado este inconveniente, a miña seguinte suxerencia e esquecer a carta, e deixarse aconsellar. Preguntaranche se hai algo que non comas ou ao que es alérxico, e ata, como lle pasou a moraiminha na nosa primeira visita, pode que insistan de máis se es muller, cousa que lle sentara bastante mal daquela.

Esquecidas estas pequenas anécdotas comezamos ca peculiar degustación:




Comezamos con este guiso de  patacas con senderuelas, e continuamos cun surtido de boletus, dos que lembro vagamente as variedades Reticulatus e Pinicola , Aereus e Aemillipero non me atrevería a etiquetalos.





Dado o noso interese comezou comezou a traer algúns exemplares do que iamos comendo.



Coido que isto era unha vieira con cantharellus, pero tamén pode que non o fora.





Algo de caza, que posiblemente sexa corzo coma o que tivemos a oportunidade de probar como pincho hai pouco.



A sobremesa ao límite das nosas capacidades, foi millo, laranxa e xeado de boletus, tan fermoso como saboroso.



Acompañado dun zume de guanabana.


Non me paro en detalles, porque xa pasou tempo, pero os pratos todos quedaron baleiros, agás quizais a caza e non por falta de calidade senon de espazo. O rumor dun xeado de cogomelos que viña da mesa que tiñamos á nosa beira, foi suficiente para que nos sacrificáramos deixando un currunchiño para a sobremesa. O prezo con tres copas de viño e auga, non chegou a 40 € por cabeza.

En resume, El Empalme é cociña elaborada de productos da terra, con forte predominio dos cogomelos, misturando uns sabores caseiros con pinceladas da Colombia natal de Gloria.
A súa situación impediu ata agora unha sobremesa tranquila e desfrute máis amplo dos caldos de Toro, aínda que se todo vai ben haberá que proxectar algo para remedialo…

Publicado en Gastronomía,Restaurantes | 14 Comentarios

Restaurante El Empalme – Rionegro del Puente (I)

A primeira vez que fomos a El Empalme, xa hai uns anos, recomendados por Isabel e Marcos, case non entramos. O aspecto exterior é o dun galpón destartalado, sen ningunha indicación exterior. Na entrada unha imaxe pouco alentadora do típico bar de estrada, onde parar a tomar un café e saír fuxindo.
A realidade é que agachado baixo todos estes supostos impedimentos está unha das xoias da cociña de cogomelos. Rexido por Gloria Lucía e Elías Martín a cociña de El Empalme abraia con sabores e cariño.
Agardo en breve subir as fotos do noso último xantar, mais deixo namentres, os agasallos, porque non teñen outro nome, que nos ofreceu no noso recente paso.

Entramos sobre as once de camiño a Barajas, cando xa hai gañas de tomar un pinchiño e tiramos de barra. Algo tradicional. Pincho de Cueros y Chorizo. Saudamos e comemos, pero nun paso por fora da barra lembrouse da nosa anterior visita (aínda sen publicar), e Gloria díxome:

Ya me acuerdo de tí, greñitas

E tróuxonos este pincho:


Nas nosas visitas entramos nun xogo de adiviña que estás a comer, porque alí, no campo de xogo no que está un só co prato en fronte, sen información e sen prexuizos, atopas que aínda sabes menos do que pensas, e que os teus sentidos do gusto e o olfato teñen moito que entrenar.

Desta volta, adiviñei a pasta de olivas que levaba de base, e pouco máis. Retounos a probar unhas escamiñas verdes presentes no prato. Aí xa patinei dicindo que era algo picante, aínda que cando nos dixo que era un cítrico xa me lembraba máis a esa frescura do picapica da infancia, finalmente resultou ser mans de buda, que nos trouxo nun bote presentado como escamas deshidratadas no que me pareceu sal maldon, para min converteuse en Pincho de foie con pasta de olivas e escamas de mans de Buda, pero vense máis ingredentes que xa se me escaparon de aquela.

Tras un rato de charla trouxonos un libro de fotografías do camiño de santiago, que segundo nos comentou, fixera unha amiga francesa xuntando todas as imaxes da Catedral de Santiago que tirara en varias peregrinacións. Ilustrado cada detalle do Pórtico da Gloria nas súas páxinas, a sorpresa chegou cando nos dixo os cartos que lle pediran a Igrexa por publicar o libro. Non quero entrar en política aquí, pero xa sabedes o que penso deste tema.

Continuamos camiño, pero casualmente todos pensabamos en realizar a mesma parada no noso regreso. Foi así, como repetimos os mesmos pasos, só que desta vez xa nos apareceu este exemplar de Boletus (rebautizado como Boletus Amareto, e usado para facer sobremesas). Segundo Gloria non poderiamos tomar en ningures, porque era unha variedade que oxidaba rápidamente voltando a carne azul e era desbotado. O reto que perdemos novamente, descubriunos un sabor a améndoa amarga nun cogomelo, que con salsa de café non podedes imaxinar como nos soubo.



Isto lembrounos que queriamos mercar o seu recetario, Restaurante El Empalme, las setas y sus recetas aproveitando que pasabamos por alí, para levalo asinado, pero seica estaba esgotado dende xuño.

Xa case recollendo, saiu cun anaco de corzo con salsa de ameixas e papaia dicíndonos:

Las sobras de la cena

Comecei a cortalo, pensando que moraiminha estaba a sacarlle unha foto, de aí a presentación pero non se me ocorre mellor sabor para abrir a tempada de caza.

Agora que andamos a voltas cas votacións da vindeira xantanza, xa sabedes cal vai ser un dos meus favoritos.

Publicado en Gastronomía,Restaurantes | 31 Comentarios